Cambiarás de taberneiro pero non de ladrón
Tiña desde hai tempo a convicción de que certos termos da teoría e linguaxe política estaban a adquirir unha divulgación extraordinaria. Miro no Internet e atopo a confirmación a esta sospeita:
- "clase política" + "os políticos" = 16 millóns de entradas.
- "clases sociais" + "burguesía" + "proletariado" + "clase obreira"=5'5 millóns.
Como vemos, o triplo de entradas do primeiro marco conceptual en relación ao segundo.
A min tamén me soaba que a orixe do termo "clase política" viña de Pareto ou por alá, do cambio de século do XIX ao XX e ao pensamento protofascista. E atópome con que non era exactamente deste autor, senón dun discípulo e colega del, Gaetano Mosca (1848-1941) que formulou a súa teoría e acuñou o termo "clase política" hai máis de 100 anos. Co cal caese a suposición de que a súa divulgación e presenza masiva sexa por cuestións de actualidade ou modernidade.
Miro nunha enciclopedia e atopo: "Boa parte da produción de Mosca estivo destinada a refutar a tese de que é posíbel criar unha sociedade xusta na que o Estado sexa expresión auténtica da vontade xeral; para Mosca esta era unha utopía perniciosa".
E por se quedaba algunha dúbida, resulta que este home foi primeiro, ministro, e logo, senador vitalicio, do Estado italiano co fascismo musoliniano, por certo, ao igual que Pareto.
Antes de morrer o autor do concepto e do termo "clase política", alá por 1941, podemos supor que soñaría que as súas teorías ían ter éxito e ser case que universalmente aceptadas, baixo a certeza de que o fascismo ía estenderse polo mundo enteiro, pois era a opinión xeneralizada naqueles intres que as potencias fascistas tiñan case gañada a Guerra Mundial. O que desde logo non acredito que pensase Mosca é que, perdendo o fascismo a guerra, gáñase a batalla das ideas e da terminoloxía.
Aparte de ter máis dun século, o termo "clase política" ten unhas orixes terribelmente escuras, non xa para os que defendemos a transformación do sistema político actual, senón para calquera persoa coa máis mínima sensibilidade democrática. En resumo, rancio e fascista. Como é posíbel, pois, que teña o éxito que ten hoxe en día?
O sistema ten a capacidade de introducir como actuais, de reciclar e facer funcionais, auténticas barbaridades conceptuais. Que o termo "clase política" e "os políticos" están ben introducidos non cabe ningunha dúbida; de que estean reciclados da súa orixe fascista xa collen algunhas máis. Quédanos por analizar a súa funcionalidade.
Contábame meu avó que había un taberneiro que cando se lle queixaban por algunha falcatruada que lles facía, sempre contestaba coa mesma ladaíña: "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón", tratando de convencer á súa clientela de que o ladroicio era algo consubstancial ao oficio de taberneiro como argumento fundamental para acadar a fidelidade e non deserción dos seus clientes.
A funcionalidade para o sistema actual, representado politicamente polo bipartidismo, dos conceptos e dos termos "clase política" e "os políticos" é exactamente a mesma ca do taberneiro. O que se trata de transmitir teimudamente é que "todos os políticos son iguais", "a clase política defende os seus intereses", se non gustas das decisións que toman "os políticos" ten en conta que outros tomarían parecidas ou piores pois xa se sabe como é a "clase política"; trátase de instalar nas conciencias a idea de que fóra do bipartidismo non hai alternativa e de que non acrediten os cidadáns en que pode haber outra forma de concebir a estrutura do Estado, as funcións do Estado e de facer política. En definitiva, trátase de "refutar a idea de que se pode criar unha sociedade máis xusta e de que o Estado sexa expresión auténtica da vontade xeral", aspiración do fascista Mosca que asume como propia a suposta democracia occidental.
O nacionalismo galego, o BNG, xógase grande parte da súas posibilidades en ser capaz de transmitir que hai alternativas ao actual sistema, de que se poden canalizar as esperanzas dunha Galiza máis próspera e dunha sociedade máis xusta, dunha auténtica democracia na que os que deciden son os cidadáns e os seus representantes e non o mercado nin o capital especulativo, que o BNG é quen de representar estas arelas.
Vistas as medidas que adoptou o PSOE, as mesmas que adoptaría o PP, ou pe ores, o único camiño que nos queda é tratar de cambiar na conciencia popular aquelo de "cambiarás de taberneiro pero non de ladrón" polo de "PSOE, PP, a mesma merda é", polo menos en política económica, ou, se se quixese ser máis fino, aínda que os tempos non andan para delicadezas, as dúas caras da mesma moeda falsa, e que o BNG é unha alternativa válida, real, diferente e funcional.