Cal é o límite do PP?


O Partido Popular, personificado na figura de Mariano Rajoy no Goberno central, está demostrando que non ten límites no camiño emprendido por bater todas as vallas que se atope ao seu paso. Con presa e sen pausa, como un Atila descontrolado está derrubando todo aquilo que podía formar parte dun Estado de Benestar, por moi raquítico que fose. Por onde pasan é difícil que medre a herba verde, é imposíbel que brote vida se o teu labor consiste tan só en destruír, en deconstruír para aportar unicamente unha paisaxe luar, gris e onde a respiración é unha milagre. Aínda que soe catastrofista, os populares, da mao dunha UE errática, condúcennos cara un abismo onde hai pouco ao que se agarrar para non estamparse contra o chán.

A batalla líbrase en todas as frentes, a social, a económica, a laboral, e incluso na das palabras, Nada nen case ninguén se libra do látego feroz dun PP sedento por aniquilar o establecido canto antes para asentar o imperio dos populares sen contemplacións, evitando quedarse sequera co bo que puidese haber. Incluso os romanos cando colonizaban sabían aproveitar e asimilar algunhas cousas propias dos territorios que dominaban. Pero non é o caso, estamos na era da destrución masiva .

Vítimas: a lei do aborto, os dereitos laborais e as Caixas de Aforro.

Hai varias secuencias xa rodadas nas que se deter para darnos conta de que nun breve espazo de tempo, o Goberno de Rajoy foi capaz de tirar abaixo dereitos sociais, laborais e económicos facendo gala dunha maioría absoluta empregada con puño de ferro.

Comecemos pola anunciada abolición da lei do aborto para voltar ás hipócritas normas do ano 85, que ocultaban todo debaixo da alfombra para que as nenas bonitas de papá fosen a abortar pola porta de atrás das clínicas, mentres a Igrexa católica e os estratos rancios da dereita durmían tranquilos porque o que non se ve non existe para eles, máis a intrahistoria estaba aí, á que lle aplicaban a vía da penalización cando lles entraba a manía persecutoria para coas mulleres abortistas. A lei seca provocou moita inseguridade xurídica e sanitaria para as mulleres que decidían interromper voluntariamente os seus embarazos. Agora, Gallardón descrebe unha paisaxe na que irremediabelmente voltará esa inseguridade xurídica e a inseguridade sanitaria, por non falar do retroceso nas políticas preventivas, que tamén son unha prioridade na actual lei de Saúde Sexual e Reprodutiva que, introducía numerosas medidas de prevención para evitar embarazos non desexados, sobre todos nas adolescentes.

Unha norma que naceu do traballo conxunto librado cóbado con cóbado con profesionais sanitarios, con expertos no tema e con persoas que levan anos traballando nese eido e que compareceron na na Subcomisión creada na pasada lexislatura no Congreso, onde as parlamentarias escoitaron todas as voces acreditadas para, finalmente, tirar as conclusións contidas nun Informe que cimentou a posterior lei. Había unha conclusión clara e unánime: a necesidade de modificar a caduca, antiga e retrógrada norma que imperaba desde 1985. Por iso se aprobou a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva.

Gallardón, flamante Ministro de Xustiza, e home ao que sempre lle gustou ser o centro de atención, foi o encargado de dar a "boa nova". Secundado por unha Ministra de Igualdade, Ana Mato, cuxa primeira ocorrencia foi a de cambiar a denominación de violencia de xénero por violencia doméstica, con ese anhelo tan da dereita de que todo o que atinxe á muller fique confinado na casa, no reduto das catro paredes do fogar.

Sempre me chamou a atención esa manía conservadora de cambiarlle de nome a todo, como se as palabras lles fixesen dano e as tivesen que ocultar da vista até substituilas por outras máis comedidas, contidas e reprimidas. Así que moito me temo que a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva perda o termo "sexual", cecais demasiado atrevido. Igual que a violencia de xénero será violencia doméstica, algo máis de andar por casa porque o de xénero ten unhas implicacións demasiado amplas e que comprometen actuacións en diversos ámbitos.

Parece que se hai sorte igual se salvan os matrimonios gais. Aínda non teñen claro que facer con este tema. Titubean e hai rebumbio entre eles. Dubidan. A ver, os casamentos sempre lles gustaron, ademais algúns dos seus casaron e eles a algunhas vodas tamén foron e non consiste agora en poñerse puristas, ao fin e ao cabo forma parte da tradición iso de casar.

E se no social o horizonte é negro, con moita viaxe ao pasado, xa non digamos no económico-laboral. Os consellos de ministros dos venres comezan a ser conciliábulos perigosos, cheos de dinamita a punto de explotar nas narices dos de sempre. Traballadores e traballadoras, funcionarios e funcionarias, pensionistas, mozos e mozas, mulleres, en definitiva, as maiorías sociais, mentres os poderes financeiros, as clases podentes e a patronal zafan sen problema.

Desfilou xa un decreto financeiro que se cargou o pouco que quedaba das Caixas galegas, e que despexou o panorama ás grandes entidades financeiras para concentrar todo en poucas maos. Privatización e concentración, e perda dunhas Caixas de Aforro vinculadas aos territorios propios.

Estes días aínda estamos facendo a pesada dixestión dun Real Decreto de reforma laboral que nos deixou tremendo. Ademais, pola vía da aplicación sumarísima, baixo a fórmula favorita dos últimos tempos: un Real Decreto, para que entrase en vigor en canto fose publicado ao día seguinte no BOE. Unhas medidas que converterán en pezas de museo os dereitos laborais polos que se loitou durante décadas, pretextando que este varrido, esta limpeza étnica de dereitos socio-laborais era necesaria para, disque, crear emprego. Ás veces unha ten a sensación de que te tratan como se foses parva. Basta con ter ollos para pasmar cara as cifras de desempregados que están nunha desbocada carreira alcista, e que, desde logo, reformas laborais como a recen saída do forno non van remediar, ao revés, terán a propiedade malsán de provocar máis paro aínda.

Sería desexábel que á hora de destruír, por riba non te conten lerias sobre unha norma que abarata o despido e a contratación, que regala as relacións laborais á patronal e onde os traballadores xa non pintan nada, que precariza tanto o mercado laboral que a mocidade terá que convivir cunha inseguridade laboral que lles cerceará a posibilidade de construír un futuro estábel. E que permitirá a rebaixa dos salarios a capricho dos empresarios. É dicir, un "mundo ideal" á perfecta medida dos de arriba. Até o Joan Rosell, presidente da CEOE, tivo que chamar a atención aos seus porque se lles notaba en exceso as caras de satisfacción nas roldas de prensa, e pediu un pouco de contención, será por aquilo das formas.

Máis a min me corre o suor frío pola frente cando se me da por pensar como vai afectar todo isto aos ingresos da Seguridade Social porque está claro que se van reducir significativamente. Un círculo vicioso que por máis voltas mareantes que dea deixa todo con aparencia de deserto sen vida.

Sen esquecer, o desastre dos Gobernos populares en Comunidades Autónomas como a galega capitaneada por Feijoó, onde os paus á sanidade, á educación, e á estrutura funcionarial é tan salvaxe que un día chegaremos á porta dos hospitais ou dos colexios e nos atenderá unha caixa rexistradora na que terás que introducir a tarxeta de crédito antes de pasar pola porta. Para iso si que valen, para converter en ouro todo o que tocan pero para os banqueiros, os empresarios, a patronal e o mundo dos negocios especulativos.

Os rumores din que isto non fixo máis que empezar, que estamos no aperitivo, e que aínda fica o primeiro e o segundo prato. Entón cabe preguntarse até onde vai chegar o PP? Ten límites nesta tola carreira por chegar á meta da destrución total? Acabarán co dereito á folga como insinuou o outro día Soraya Sáenz de Santamaría? Voltaremos aos momentos previos á revolución industrial e aos deprimentes contos de Dickens? Igual é o revulsivo para rematar co estado de shock, co estado de medo e de pánico social e que o boomerang lles estale na cara aos satisfeitos