Cae o veo da propaganda, aflora a verdade
Hoxe comeza no Parlamento galego o último debate do estado da Nación da presente lexislatura e aínda non sabemos cal será a nova pantasma detrás da cal intente ocultar o Sr. Núñez Feixóo a súa nefasta xestión logo de tres anos de goberno. No primeiro debate, cando levaba un ano de xestión, a culpa era do bipartito e do regueiro de buratos, irregularidades, impagos que este deixara ao seu paso; o segundo ano había un novo culpábel, Zapatero e a súa falta de solvencia que provocaba grande desconfianza ante os mercados.
O certo é que neste debate, que debera valer para facer balance da lexislatura, non hai un só ámbito no que poida achegar datos de ter mellorado a situación dos galegos e das galegas, ningún indicador socioeconómico positivo, máis ben todo o contrario.
Cada día faise máis visíbel aos ollos de cada vez máis cidadanía como durante tres anos tivemos un goberno sustentado sobre a propaganda e sobre un férreo colchón mediático que contribuíu a espallar como única verdade a da oficialidade.
A verdade de que cun goberno "austero" Galiza había superar a crise xa que este era capaz de "facer máis con menos". Durante todo este tempo esta verdade oficial sostivo que os recortes nos orzamentos destinados ao mantemento da sanidade, do ensino ou dos servizos sociais, non só non ían en menoscabo da súa calidade, senón que mesmo eran un farante para o seu mantemento como públicos e universais e para a súa universalidade.
Agora, logo de tres anos de deterioro, de peches de camas hospitalarias, de non repoñer ao persoal que se xubila ou causa baixa no ensino, nos centros de saúde, nos hospitais, as galegas e os galegos empezan a ver, máis ben a padecer nas súas carnes as consecuencias da "austeridade" e por fin entenden o que significa "facer máis con menos".
Máis horas de espera en urxencias para ser atendidos porque hai menos profesionais traballando; máis nenos e nenas en cada aula porque hai menos docentes nos colexios; máis enfermos e durante máis tempo nas listas de espera cirúrxica como consecuencia de menos camas e menos quirófanos en funcionamento; máis alumnado con necesidades educativas especiais sen atender con menos especialistas nos centros; as familias teñen que pagar máis para que as súas fillas e fillos poidan ir a unha galiñaescola,... e así poderíamos continuar até o aburrimento.
O certo é que cada día se fai máis visíbel que detrás da "austeridade selectiva" que nos ven aplicando nos tres últimos anos o que hai en realidade é unha ofensiva ideolóxica contra os servizos públicos para xustificar a introdución de copagos, de privatizacións e mesmo do cuestionamento da súa universalidade.
A verdade de que o desemprego medraba en Galiza por responsabilidade única das políticas do Estado; a verdade de que os e as dependentes estaban desatendidos pola negativa de Zapatero de cofinanciar ao 50% as súas prestacións; a verdade de que só decisións políticas adoptadas no ámbito do Estado foron as responsábeis de que a día de hoxe Galiza non teña ningunha entidade financeira de seu; a verdade de que o chamado pacto do Obradoiro que comprometía a chegada do AVE para 2015 non era unha fraude senón que o retraso se debía a un goberno central rácano para con Galiza; a verdade de que as insuficiencias do modelo de financiamento eran produto de ter gastado máis no pasado do que se podía, do dispendio en tempos de vacas gordas.
,Estas e moitas outras foron as "verdades" coas que durante tres anos se tentou xustificar a incapacidade do goberno do Sr. Núñez Feixóo para facerlle fronte aos problemas da nosa nación, coas que se tapou a indolencia dun goberno insensíbel aos padecementos e esforzos desa cidadanía á que lle prometera rematar coa crise en corenta e cinco días e que sempre, sempre lle ía dicir a verdade.
Mais hoxe cando a coartada do bipartito xa cheira a desculpa de mal pagador e con Rajoy na Moncloa, ao Sr. Núñez Feixóo non lle queda outra que recoñecer a realidade.
A realidade de que as grandes medidas no ámbito económico que se adoptaron no Estado nos dous últimos anos foron pactadas polo PP e o PSOE, como demostra o feito da súa continuidade con este novo goberno. As sucesivas decisións que se tomaron en relación coa reestruturación do sistema financeiro, incluída a recentemente aprobada polo goberno de Rajoy, e que tiveron como consecuencia a desaparición da posibilidade de que Galiza conte cunha entidade financeira, responden ao itinerario pactado entre Zapatero e Rajoy nunha amigábel tarde na Moncloa no verán de 2010.
O paso do tempo, que disque todo o deteriora, e o cambio no escenario político no Estado obriga a que hoxe no debate do estado da nación o Presidente Núñez Feijóo ten dúas opcións ou empezar por dicir a verdade ou buscar unha nova pantasma. Debera dicirnos que vai facer para frear esta sangría de desempregados, como vai apoiar aos nosos sectores produtivos, que vai facer, pero de verdade, para garantir uns servizos públicos universais e de calidade.
Sobre todo ten que dicirnos como e cando lle vai exixir a Rajoy que o estado financie o 50% das prestacións da dependencia para poder darlle algunha resposta aos galegos que están agardando; reclamarlle que resolva ante a Unión Europea o problema do tax leasse que está afogando o futuro do noso sector naval; que vai pasar co plan eólico e cos 14.000 postos de traballo directos que se ían xerar, de non restablecerse a prima ás enerxías renovábeis.
Mais, coñecendo os seus antecedentes, creo que o máis probábel é que Núñez Feixóo busque un novo estandarte do que colgar a fantasía na que quere facernos vivir aos galegos, un novo inimigo co que externalizar a súa responsabilidade, consagrándose como o que ten demostrado ser: o peor presidente da historia de Galiza.