Cada un na súa casa?


Fai uns días atopei no portal da miña casa unha voandeira do Partido Popular sobre a revisión do PXOM da cidade da Coruña, cun lema dirixido ao alcalde da cidade: "Losada: en mi casa mando yo", remedando de xeito parcial aquilo de "cada un na súa casa e Deus na de todos". Pero parece que o señor Negreira, portavoz local do PP, que debe desprezar a cultura popular do mesmo xeito que a lingua galega, esqueceu de forma deliberada a segunda parte do refrán. Porque resulta que, como se dunha versión laica deste refrán se tratase, son as administracións públicas quen teñen a responsabilidade da ordenación en función do interese colectivo.

Mais esta anécdota,que pode parecer insignificante, caracteriza moi ben dúas formas contrapostas de entender o urbanismo e a ordenación territorial: a planificación e intervención decidida en función do Ben Público ou a visión liberal que defende a desregulación, deixándolle ao mercado todo o protagonismo. Ao PP, entusiasta defensor desta visión, pódelle ás veces o subconsciente, parecendo insinuar que aquí do que se trata é dunha cuestión de liberdade individual (con evidente paralelismo ao caso da lingua), cando do que falamos é de que os intereses individuais deben someterse aos direitos colectivos á vivenda e a disfrutar de máis espazo público e de máis cualidade.

O problema alcanza, non só o ámbito municipal, senón tamén na inhibición total na planificación supramunicipal e territorial que ten caracterizado os sucesivos gobernos galegos do PP, que xa desde os tempos de Xosé Cuiña, evidenciaron a falla do máis mínimo interese na ordenación e planificación do noso territorio. Isto fai que a día de hoxe, cuestións como a estrutura territorial (comarcas, áreas urbanas...) a mobilidade ou a protección dos espazos de valor ambiental sexan cuestións aínda pendentes. Por iso nós, como nacionalistas, debemos ter claro que, ao igual que a nosa lingua, cultura, economía ou idiosincrasia, o territorio é un dos elementos que está na base material da nación, que constitúen o noso ADN colectivo como galegas e galegos e definen a Galiza como realidade diferenciada. Daí a importancia da ordenación e planificación do noso territorio para un desenvolvemento social e económico autocentrado, respeituoso co medio natural e que teña como obxetivo fundamental a defensa dos intereses das maiorías sociais.