“Cabaleiros, xa que gobernamos mal, procuremos gobernar barato”

“Cabaleiros, xa que gobernamos mal, procuremos gobernar barato”

Como deixou dito Jeannine Baticle, especialista en Goya, "hai que ter un optimismo a toda proba para se dedicar á profesión de historiador, porque vemos que ao longo dos séculos se cometen os mesmos erros unha e outra vez, e os que teñen o poder, sobre todo en épocas de crise, perden a cabeza con facilidade". Por estes eidos dicimos que costa abaixo tódolos santos axudan. Efectivamente, levar o barco con bo vento é doado mesmo para principiantes nas artes haliéuticas; pero marear con mar de leva e vento atravesado precisa de auténticos homes de mar.

Chegado a este estadio, aínda cría, do artigo, dubidei se determe nas desfeitas do PSOE no goberno do estado ou nas do PP no desgoberno de Galicia. Non é a primeira vez, nin será a derradeira, que tomo prestadas ideas e mesmo parágrafos de Julio Senador, autor incomprensiblemente esquecido. Dicía, en 1905, este notario rexeneracionista e seguidor de Joaquín Costa que o partido de Cánovas, autodenominado liberal conservador, era "liberal de aquel liberalismo que fixo ricos aos seus secuaces; e conservador polo que lles interesa conservar". Do partido de Sagasta dicía que tamén principiou sendo liberal e, segundo as circunstancias, foi mudando o apelido de "progresista, unionista, esquerdista, fusionista e outros innumerables; e que hoxe finalmente non sabemos xa como se chama". Noutra ocasión, eu dixen que si sabemos: chámase PSOE.

Continúa Senador: "Estes dous partidos son as bases de sustentación do réxime (referíase ao da Restauración Borbónica; outro tanto poderiamos dicir hoxe e eu mesmo toquei isto nun artigo anterior). Sobre esas dúas rodas marcha penosamente, desde fai case un século, o carro do Estado, dando tombos polas fochancas dun longo e triste camiño cuxo fin non se albisca".

Non se enxergaba a fin, daquela, nin se enxerga hoxe, porque os dous partidos hexemónicos se dedican a rifar entre eles, aparentando que van en serio, cando, en realidade, só se trata dun xogo, dun amago de loita que lles permita a alternancia no poder cada certo tempo. Efectivamente, se podemos aguantar unha lexislatura máis, tentarémolo; pero se non é posible, xa volveremos proximamente, pois entre ámbolos dous nos encargaremos de facer "leis de partidos" e todo o que faga falla para que non se nos cole ninguén nin nos medren os ananos. Os demais grupos son un mal inevitable e hai que mantelos no seu sitio. Non teño dúbida de que segue a ter validez aquel pareado que tantas veces, noutros tempos máis belixerantes -e ilusionantes-, berrabamos nas manifestacións con respecto ao PSOE e ao PP.

Dos detalles da política económica e social que está a facer o goberno do Estado, non é preciso falar neste foro, considerando o nivel de información dos seus lectores. Unicamente quero insistir na idea de que as políticas de dereitas son mellores se as deseña e executa o orixinal que se o fai a copia; que se no PSOE quedase algo de socialismo, preferiría o suicidio, non do partido, senón dos actuais dirixentes, antes de facer que o rostro de Pablo Iglesias, pendurado nas súas sedes, virase, agora si, cromaticamente vermello de vergoña; que nos insultan ao diciren que demostraron o seu interese polo social, cando lles deron non sei cantas cousas aos máis necesitados; pero que agora -malgré eux- se ven na obriga de llelas quitar; que lles falta valor, ou interese, por facer unha reforma fiscal realmente socialista e así, xa sen entrar nas incumpridas promesas electorais encol da cuestión relixiosa, poderiamos seguir ad nauseam.

En canto á desfeita que o PP está a facer en Galicia, deixando para outra mellorada falar da miña admiración por se teren xuntado nun mesmo goberno tal cantidade de ignorantes que fan bo aquilo do atrevemento, o mesmo que do aspecto fulcral da lingua, da esencia do noso ser e estar no mundo, para centrármonos unicamente nos aspectos económicos, só se me ocorre traer aquí aquela definición que Voltaire fixo da política: "A arte de sacar a maior cantidade posible de diñeiro a tódolos individuos dunha nación para repartilo entre uns poucos". Son tantos os casos, desde o repartimento dos parques eólicos ata as subvencións selectivas aos seus voceiros mediáticos, que non chegaría a páxina web para metelos todos. Pola proximidade dos feitos, citarei tan só o dispendio nunha goleta que -segundo o presidente da Xunta- se vai facer en Ribeira (ou nunha carpintería de ribeira?), así como os fondos -retirados case en fóra de xogo, aínda que, sen dúbida, se investirán noutra comenencia- para unha campaña a prol do estrago que fixeron do ensino ou, xa rematando, a dilapidación de varios millóns na visita dun mandatario estranxeiro, xefe dunha confesión relixiosa que semella ditar a política, neste caso tamén do Estado, desde o avión que o trae a Compostela.

Xa, naquel recuado 1905, lle dicía Senador aos dous partidos: "Só correriades perigos de consideración, se o pobo espertase; pero non espertará. Xa procuraredes vosoutros adurmiñalo con embustes; envelenalo con relacións de crimes; encanallalo nas prazas de touros". Mágoa que, engado eu, cando menos, non apliquedes a frase de Sagasta aos seus ministros: "Cabaleiros, xa que gobernemos mal, procuremos gobernar barato".

A culpa é dos dirixentes, pero foi o pobo quen os subiu aos respectivos poleiros, polo que quero case rematar, como empecei, cunha cita de Baticle: "As nacións nunca son de todo inocentes das catástrofes que provocan os seus gobernantes". E, vista e sufrida a situación do Estado e da nosa Nación, contra os cínicos que defenden aquilo de que xa que a casa está a arder, polo menos quentémonos, asumo e comparto o Unamuno de 1896, cando, anoxado, escribiu: "Dan gañas de se facer místico, retirarse a unha ermida e contemplar o propio embigo ata caer nun doce sono hipnótico".