Brinde con auga pola ruína do País

Brinde con auga pola ruína do País

Fai máis ou menos 4 anos, o país comezaba a sufrir unha intensa ofensiva españolista que levaría ao señor Núñez Feijoo a presidir a Xunta de Galiza. Corría setembro de 2008 e o Club Financiero de Vigo, presentaba un documento sobre o conflito lingüístico na Galiza, no que se afondaba na idea da imposición do galego. Unha das empresas que máis se aplicou na súa defensa foi Aguas de Mondariz. Cando a través da rede, consumidores desta auga pedíronlle explicacións polo apoio a este manifesto, lonxe de se desculparen, aínda botaban máis leña ao lume. A modo de brincadeira, pois a realidade deste país as veces non parece outra cousa, reproducimos un fragmento da contestación que a empresa deu a un cliente e que difundiu o Portal Galego da Lingua, e dicía así:

"Nuestra empresa es orgullosamente gallega...Deseamos afirmar que ni el ataque al gallego del pasado ni la imposición que se realiza en el presente lograrán resultados. El poder de la libertad y la decisión de la gente son lo que ha permitido que el gallego -- (no mezclar ni confundir con el potugues) - sobreviva -. Como empresa si podemos afirmar que es verdad que las políticas actuales de IMPOSICION si afectan la contratación de "gente" de calidad de 30 a 40 años sobre todo con familia porque no "aceptan" la imposición de una lengua que no sea castellano para sus hijos. Imponer es y seamos muy claros es decir: mínimo 50% en gallego y máximo 50% en castellano... esa modificación a la ley en educativa SI es un retroceso. Se debería estar pensando en este mundo globalizado que para realmente entregar verdaderas oportunidades de FUTURO a las nuevas generaciones se debe de ofecer el INGLES como segunda lengua... "

E como de ben nacido é ser agradecido, 3 anos máis tarde desta contestación, o presidente da Xunta de Galiza, plantábase ao pé da Torre de Hércules só para presentar unha nova botella de auga, que previo pago de Turgalicia, seica activará a economía galega.

O presidente da Xunta de Galiza, como se dun viaxante de auga que ten presa por visitar moitos clientes se tratase, só veu á Coruña a falar de botellas de auga. Ninguén lle puido preguntar sobre a ría do Burgo, sobre os cooperativistas de vivendas do Parque Ofimático, da residencia universitaria, da privatización de centros de día ou da destrución de prazas no ensino público, pois non son temas da súa competencia. Nin por suposto o desemprego, que no mes de xullo chegou aos 223.000 desempregados/as.

A taxa de paro en Galiza está xa no 17,01%, fronte o 16,19% que se rexistraba en xullo de 2010. Uns datos que veñen confirmar as predicións da Confederación Intersindical Galega, que desde que comezou a crise vén denunciando "as políticas que se estaban a aplicar e advertindo que con elas contribuiríase a deteriorar aínda máis a economía e, polo tanto, a incrementar o desemprego".

Ademais, o pasado 21 de xullo, A Coruña tiña a triste honra de acoller a Asemblea Xeral de Novacaixagalicia na que se aprobou o traspaso do negocio financeiro da caixa ao novo banco. Queda agora nas mans dos fondos de investimento estranxeiros o aforro galego, esfumándose o soño de Alexandre Bóveda ou Lois Peña Novo, que tanto empeño puxeran en que Galiza tivera entidades de aforro para favorecer a inclusión financeira dos sectores máis desfavorecidos, retribuíndo o pequeno aforro popular e como creadoras de riqueza para o país.

Diante desta realidade complexa e de dura crise económica no noso país, o Partido Popular só pensa en pechar medios de comunicación que lle puideran molestar. Así onte chegaba por última vez Xornal de Galicia aos quioscos. A que hai que sumar a desaparición de Galicia Hoxe, o pasado 27 de xuño ou o semanario A Nosa Terra fai xa un ano.

A situación do país non anima á festa nin ás vacacións. Compre repensarmos como podemos mellorar o noso traballo, buscando atender as necesidades das maiorías sociais, cada día máis afogadas por un sistema neoliberal que o PP e o PSOE aplican con saña, a cambio de que os directivos das multinacionais e da banca os deixen gobernar, a cambio de destruír os dereitos que tantos anos lle levou conseguir a clase traballadora e recortando as liberdades .

Tamén esta en xogo que Galiza siga existindo, con unha economía, unha lingua e cultura de seu e sobre todo, un pobo orgulloso de pertencer a esta nación. Non son tempos dos experimentos con gasosa, dos individualismos oportunistas, nin de dividir forzas.

Compre sumar, para o nacionalismo galego, a todos/as os/as compatriotas que queiran unha Galiza máis soberana e digna, que queiran combater o silencio informativo e o pensamento único, que pensen que outro modelo económico e social é posíbel e necesario para frear o neoliberalismo que inxustamente trata á clase traballadora para beneficio de moi poucos, que cada día son máis ricos.

Temos unha estupenda oportunidade na vindeira Asemblea Nacional do BNG, para mellorar e afortalar un proxecto político que ten que ser unha ferramenta útil para o país, e que ten que conseguir sumar a moitos/as máis. Mais antes temos un grande reto, o que supoñen as eleccións do 20-N. O BNG tivo un importante traballo nas Cortes, defendendo o que a xente pedía nas rúas e opóndose a todas as leis de recortes dos dereitos dos/as traballadores/as e das liberdades.