Borralla

Os lumes nos montes son síntoma dun país queimado.
Con cada vaga de lumes que se desata en Galiza exteriorízanse na nosa sociedade unha morea de sensacións de frustración, xenreira, impotencia e carraxe. Como en calquera outra catástrofe a xente procura de contado causas e culpábeis, e, mal que ben, cada persoa apunta cara a onde mellor entende. Daquela, pódense escoitar moitas propostas e solucións, unhas máis atinadas e outras completamente erradas. Porén, pasado o intre de máxima atención mediática, a preocupación a nivel social esmorece até que no vindeiro ano se reproduzan os incendios. A repetición cíclica da mesma cantilena pode chegar a provocarnos fastío e indiferenza, pero esta actitude só levará a perpetuar o problema e a convertelo en crónico, como agora acontece. E mesmo existe o risco de completar a desfeita se a administración consegue o que sería un grande trunfo para os poderes que defende, isto é, privatizar os montes e deixalos completamente en mans de empresas e especuladores.
Esta problemática é de enorme complexidade, resolvela non será doado nin cousa de pouco tempo. Atacar as causas estruturais que inducen os incendios supón mudar fondamente o noso país.
A cuestión de fondo é se se poden realmente eliminar ou minimizar os lumes forestais até convertelos, de existiren, nunha excepción ou se van seguir sendo unha praga cíclica que todos os anos afectará miles de hectáreas.
Na base da problemática do lume está o divorcio entre o monte e a veciñanza das nosas aldeas e paroquias. O monte era peza fundamental para manter as terras cultivadas e sostiña unha cabana gandeira moi alta; situábase, polo tanto, na base da nosa economía e non existía a posibilidade da existencia de lumes “forestais” por máis que o lume fose unha ferramenta de xestión do territorio, con efectos limitados e sustentábeis. Na segunda metade do século pasado o Estado Español provocou a voadura do sistema agrario tradicional galego para instaurar unha economía capitalista onde temos unha posición periférica, de especialización en produción de insumos para obter pasta de papel, e, agora, ademais, cultivos enerxéticos. Un país como o noso, con vocación agraria e onde case o 90% dos habitantes vivía no rural e do rural, pasou –centos de miles de emigrantes por medio- a ter un sector agrario cun peso menor có de Alemaña, Gran Bretaña, EUA ou Franza, e a ver reducida a poboación rural a uns mínimos que camiñan cara á total desaparición. Estas políticas conscientemente liquidadoras foron defendidas con entusiasmo dende a Xunta de Galiza polo Partido Popular, que se serviu e reforzou a idea de asociar rural e atraso, incidindo no autoodio existente na maioría da nosa sociedade.
As políticas españolas e europeas baseáronse na extensión do eucalipto como árbore fundamental dun monte entendido só como forestal, e coa peor concepción do forestalismo pois ten, a pouco que ollemos, consecuencias económicas e ambientais desoladoras. Fomentouse o absentismo, a falla de silvicultura, a non integración co resto do sistema agrario nin coa sociedade galega, a forestación de terras agrarias, a non asunción das externalidades negativas, os monocultivos nos que non caben outras producións, se callar máis variadas e rendíbeis a medio prazo, nin tampouco outras funcións dos montes (sociais, recreativas, ambientais).
Os dados non dan marxe para dubidarmos. Pouco antes de finalizar a década dos 60 do século pasado deron comezo os lumes forestais, fenómeno novo en Galiza. O seu incremento foi paulatino até a década dos 80, atinxindo un máximo en 1989 (71.752 Has. queimadas), ano no que o PP xogou forte esa baza eleitoralista, elevando ao paroxismo a utilización dos lumes como arma de demagoxia política. Os sucesivos gobernos Fraga, ao tempo que se dedicaron a liquidar o rural e a censurar os medios de comunicación neste e noutros asuntos, crearon unha estrutura mastodóntica para loitar contra os lumes unha vez producidos, pero non para loitar contra as causas nin para previr a súa existencia. É a coñecida como economía do lume, entendida por moitos, dentro e fóra da administración como unha fin en si mesma. Así entramos no século XXI cun problema crónico de lumes: entre 2001 e 2005 producíronse de media anual 10.380 lumes que queimaban 30.783 Ha. por ano. En 2005 o nacionalismo asume as responsabilidades da política agraria e dálle un xiro a como entender o monte e o rural, na liña de pór as bases para atacar as causas, previr que se provoquen lumes e, de se produciren, apagalos con axilidade. En agosto de 2006 dáse unha actividade incendiaria inusitada, ardendo case 96.000 hectáreas, pero isto non fixo máis ca reforzar a visión de que era necesario variar o papel que o monte tiña para Galiza, incluso reforzando a concienciación e a implicación do conxunto da sociedade galega. A orientación destas políticas do BNG eran no fundamental as acaídas, mais demostrouse que existían enormes intereses e inercias que eran refractarios a eses trocos e progresos. Lembremos que o nacionalismo estaba daquela nunha posición minoritaria no goberno autonómico, con todas as limitacións que isto implica, por minoritario e por ser un poder concedido, é dicir, mediatizado e de pequeno alcance. A partir da volta do PP ao poder na Xunta vólvese á situación anterior, só que agravado pola política de recortar en medios mesmo para extinguir os lumes. Con menos medios materiais traballando menos meses ao ano e con maior privatización e precariedade estase volvendo a subir das 20.000 hectáreas queimadas por ano, estendéndose agora a calquera época do ano e entrando de cheo nos parques naturais.
Os avances que se estaban comezando a implantar coa participación nacionalista na Consellaría do Medio Rural poden darse hoxe como liquidados. Nin prevención, nin sensibilización, nin participación democrática, nin diversificación, nin profesionalización, nin pulo ás comunidades de montes nin fixación de poboación no rural. As consecuencias á vista están. A actual Xunta só se interesa por minimizar a visibilidade dos problemas e, en derradeiro caso, en buscar culpábeis alleos para desviar a atención das propias responsabilidades.
O corolario de todo o anterior resposta a cuestión que ao inicio se enunciaba. De non mudar radicalmente, non xa a política forestal, senón mesmo a estrutura produtiva, a organización social e a arquitectura institucional de Galiza, non seremos quen de rematar cuns lumes cíclicos e devastadores.
A pregunta, logo, é: queremos verdadeiramente dar cabo dos lumes ou só atacar o fume? Para acadar o primeiro precisamos tomar conta con valentía dos nosos asuntos, sen inxerencias nin imposicións. Esta é a condición necesaria pero non suficiente. Logo deberemos saber transformar Galiza nunha economía cun forte papel do sector primario, que sexa quen de producir todos aqueles alimentos e recursos para os que é inmensamente rica, que sexan base dun sector transformador potente, fonte de soberanía e benestar. Debemos trocar o valor que lle damos á terra, aos nosos recursos, debemos poder aproveitalos para desenvolver os nosos lugares e aldeas, debemos mudar a consideración que temos de nós propios e da natureza en que vivimos. Posibelmente isto en derradeira instancia signifique rachar coas amarras coas que a Unión Europea e o Estado Español nos ata. Para contarmos cun monte ordenado, sen lumes, fonte de riqueza para os galegos e galegas, e tamén para desenvolver tantos outros sectores, debemos deixar atrás as políticas que nos relegan e prexudican e deseñar nós aquelas que nos beneficien. Doutro xeito, será imposíbel rematar cos lumes; serán os lumes os que rematen co país.
Teño para min que mentres Galiza non resolva o seu problema político non poderá enfrontar con garantías de éxito a ordenación do seu territorio, o aproveitamento racional dos seus recursos, o progreso da súa sociedade e, en consecuencia, a complexísima loita contra os lumes.