Borrador da Lei de Caza: licenza para usurpar o monte veciñal
O sr. Samuel Juarez deixou a Consellaría do Medio Rural. Ventos fortes o leven lonxe. Leven lonxe a un ex-conselleiro do Medio Rural que baseou a súa política baixo o chapeu de que "o medio rural non ten futuro". O que ven sendo algo así como, meter o raposo no galiñeiro. Mais, como non podía ser de outro xeito, dada o seu posicionamento político negativo para o medio rural, marchou deixando unha nova marca negativa: o borrador do anteproxecto da Lei de Caza.
O borrador da Lei de Caza, define aos cazadores/as como titulares dos dereitos cinexéticos, cando os titulares de este dereito, son os titulares das terras. Os cazadores/as son beneficiarios dos aproveitamento cinexéticos, no caso de que lles sexan cedidos polos titulares das terras. O sr. Samuel Juarez, antes de marchar, entrégalle unha "peza" aos cazadores/as: a usurpación de un dereito da veciñanza comuneira.
O borrador da Lei de Caza, propón que, unha vez rematado o tempo de cesión do aproveitamento cinexético (que pasa de 5 a15 anos, a de 10 a 25 anos), se non hai denuncia das partes, este se prorrogue automaticamente. Mais a renovación, non se producirá polo período de tempo definido na normativa. Non, a renovación farase por tempo indefinido, e dicir, para sempre. A consellaría do Medio Rural (agora de Medio Rural e Mar), coloca "trampas" para que a veciñanza comuneira, perda a súa titularidade sobre un dos seus dereitos, o dereito dos aproveitamentos cinexéticos. O lóxico, o xusto será que, unha vez rematado o tempo de cesión dos aproveitamentos cinexéticos, o contrato extíngase. E se as partes queren continuar, procederase a asinar un novo contrato.
O borrador da Lei de Caza para legalizar os terreos cinexeticamenta ordenados (tecores) indica que, as sociedades de caza que os soliciten, teñan que presentar un Plano de Aproveitamento Cinexético que, ten que ser aprobado pola consellaría correspondente. Mais non obriga que este Plano de Aproveitamentos Cinexéticos, teña que contar co visto bo dos titulares das terras. A Consellaría do Medio Rural (agora Medio Rural e Mar), non lle importa que ese Plano cinexético contradiga os planos de ordenación ou de xestión dos montes. Como tampouco lle importa que os planos de aproveitamentos cinexéticos hipotequen as decisións da veciñanza comuneira para por en valor as súas terras. A consellaría do Medio Rural (agora de Medio Rural e Mar), entrégalle un "trofeo" as sociedades de caza: o da prevaléncia dos aproveitamentos cinexéticos por riba de calquera outro aproveitamento do monte.
Un dos argumentos esgrimidos polas sociedades de cazadores/as para defender a actividade cinexética e o de afirmar que a caza e unha actividade de carácter social. Sen embargo, o borrador da Lei de Caza, propón que os órganos consultivos (comité galego de caza e os seus correspondentes comités provinciais), somentes estean compostos pola Administración e polos cazadores/as. A consellaría do Medio Rural (agora Medio Rural e Mar) impide que nos órganos consultivos estean representados as comunidades de montes, os sindicatos agrarios, o movemento ecoloxista. E dicir, propón unha "batida" para eliminar dos órganos consultivos da caza a entidades do tecido social, relacionados coa caza.
O fondo do borrador da Lei de Caza ten como finalidade a de outorgar licenza para usurpar os montes veciñais aos seus lexítimos titulares en favor dos cazadores/as. O linguaxe do borrador da Lei de Caza é inequivocamente cinexético: entrégalle aos cazadores/as como "peza" a titularidade dos dereitos cinexéticos, coloca "trampas" para que a veciñanza comuneira, perda os seus dereitos, entrégalle as sociedades de caza como "trofeo" a prevaléncia dos aproveitamentos cinexéticos e autoriza "batidas" para eliminar dos comités consultivos da caza a representantes das entidades sociais. Polo tanto, cabe facerse unha pregunta: O borrador da Lei de Caza, foi elaborado pola consellaría do Medio Rural, ou foi redactado polas sociedades de caza?