BNG 1992–2011: unidade e compromiso co país

BNG 1992–2011: unidade e compromiso co país

Lembro perfectamente que á altura de 1992, o BNG -daquela inmerso nun forte debate interno dende había meses por mor da integración o PSG-EG na fronte- facía un chamamento á responsabilidade de todas as partes a respectar o camiño percorrido e o traballo acumulado e, polo tanto, a non tirar ao lixo o capital humano e político do que se fornecera durante dez anos.

Consciente de que o nacionalismo non se pode reformular nin reinventar artificiosamente a cada paso, a non ser que se queira crear sensación de inestabilidade e falla de criterios, o BNG reivindicábase daquela como unha organización para sumar e que non obrigaba a desaparecer a ninguén. Chamaba enerxicamente naquel momento a unirse ao "proxecto común" ao que, dous anos máis tarde, no 94, recoñecería e aceptaría Unidade Galega, consolidando definitivamente ao BNG como auténtica fronte de convivencia e traballo común a prol de Galiza e a súa defensa como nación.

Hoxe, case 20 anos despois, o BNG volve a estar, de novo, somerxido nun intenso debate interno ao que nos trouxeron múltiples razóns e moi diversos acontecementos. O último, as eleccións municipais do 22 do pasado mes de maio. E, nesta nova reflexión, ten cabida e ten sentido, máis que nunca, chamar outra vez á unidade.

O BNG, neste momento histórico, ten a obriga de, outra volta, volver a estar á altura das circunstancias. Unhas circunstancias que, neste 2011, non son, nin de lonxe, as de 1992 e, moito menos, as de 1982, ano da súa constitución como organización política.

Hoxe, o peso da globalización, da crise económica e dos seus efectos devastadores, da tamén grave crise social, cultural e de identidade no noso país non son elementos menores a ter en conta en calquera análise rigorosa que se queira facer dos distintos procesos electorais.

Aínda así, nestes últimos 30 anos, e con todas as chatas que se nos queiran poñer, non se nos pode negar a nosa capacidade para adecuarnos ao contexto político de cada momento, sen renunciarmos por iso aos principios que definen ao nacionalismo. Con erros, con atrancos, con decepcións e, mesmo con abandonos, fomos capaces de ir facéndonos cunha imaxe e cunha práctica política que a sociedade galega identifica co compromiso inquebrantábel con Galiza.

De aquí, precisamente a urxencia de respostarmos os e as militantes do BNG ao que de nós esixe o país neste momento. Un momento severamente difícil no que o BNG sigue a ser na Galiza a única organización política con propostas alternativas para transformar o noso país, este territorio onde miles de galegos e galegas loitan todos os días pola súa propia subsistencia e onde moitos e moitas agardan de nós unha demostración máis dese compromiso infindo con Galiza.

Por iso, neste contexto non é críbel nin é de recibo estar disposto a desaparecer para intentar unha nova aventura sen ter intentado antes, e con todas as forzas, afortalar a existente e aspirar, lexitimamente, a cambiar o que non nos gusta. Non é doado, sabémolo, pero a chave está na concepción do que ten que ser a política e para qué se está nela. A concepción ideolóxica -iso que moitos articulistas e tertulianos deron en chamar "cultura política"- que temos cada un de nós de cómo debe funcionar esta ferramenta, este instrumento chamado BNG e posto ao servizo do país.

Se entendemos que o nacionalismo non é unha roupaxe, unha fórmula de consumo electoral, un xeito de estar na política vixente, dentro do esquema e da orde estabelecida, sen expor máis que cómo xestionar a administración que nos dan. Si entendemos, na nosa reflexión colectiva, que o nacionalismo é unha alternativa actuante dentro do marco político vixente pero encamiñada a cambiar ese marco e a función que Galiza cumpre dentro del, entón estaremos moi perto de comprender que o BNG, como expresión do nacionalismo, e con todas as deficiencias que se queiran, é unha organización aberta a todos os que poñen por diante a defensa insobornábel da nación, da súa língua, dos seus sectores produtivos, da súa cultura e da súa historia como pobo. Estaremos moi perto de entender que, pese aos vaivéns electorais, o nacionalismo galego, o BNG, plural na súa conformación pero firme no seu compromiso, é o único que ten sabido estar a carón das necesidades do pobo galego. Trinta anos de historia así o avalan e non podemos permitir que ningunha manobra destinada á confusión e á desunión destrúa o convencemento e o esforzo acumulado.

Honestamente, o nacionalismo galego conta aínda co respaldo de miles de galegos e galegas que acreditamos en que o BNG é a mellor ferramenta coa que conta o pobo galego e non esquezamos que hai moitos aínda agardando a nosa debilidade, o noso desnorte ideolóxico, o noso desánimo para facerse cos réditos do noso traballo e converternos, definitivamente, nunha sucursal. Contribuamos, pois, ao seu afortalamento, ao seu avanzo, porque contribuírmos á consolidación dun nacionalismo nidio na Galiza, unitario e democrático é o único antídoto que coñezo para non deixar que o noso país sexa, en pouco tempo, terra queimada.

Se queremos estar no país como axentes políticos e sociais e non como unha simple referencia histórica, este é o reto que temos cara adiante, a tarefa de construír o futuro sobre as bases dos intereses nacionais, aspirando á hexemonía das forzas políticas propias que, con firmeza e persuasión, debemos optar entre o papel de acólitos ou facer visíbel, e cada vez máis patente na sociedade, esa postura asumida polos militantes nacionalistas e nunca negada polos nosos adversarios: O compromiso e a defensa do país.