Bispos a gobernar, políticos a rezar

Bispos a gobernar, políticos a rezar

Ver a presidenta do Parlamento de Galiza acompañada de autoridades da Igrexa oficiante e compañeir@s de profesión política a pedirlle ao apóstolo Santiago que arranxe ou inspire o arranxo deste enorme caos social e latrocinio legalizado que non cesa, ponnos os pelos dereitos. Teño a sensación de volver aos anos 60 cando estas escenas eran o pan de cada día, coa única diferenza de que sobre as cabezas de tan resesas autoridades do material e do espiritual, sobresaían os brazos en alto e o cántico guerreiro e vingativo do Cara al sol. As vítimas daqueles, destes, seguen sendo as mesmas: esas que, ao mesmo tempo das ofrendas, berraban desesperadas no Obradoiro para que lles devolveses os cartos roubados.

As escenas desa mestura espuria do político co relixioso multiplícanse hoxe ao longo da nosa nación. Co ascenso do mesmo partido político da presidenta antes mencionada ao concello da Coruña chegou tamén ás nosas rúas o cadro luminoso do Belén cristián para animar o Nadal. Siluetas da Virxe e de San Xosé, ou anxiños trompeteiros, ou pastoriños infantís... ao mesmo tempo desa outra mensaxe de burda burla aos topónimos nosos como Soy de Merlucita del Pincho, denunciado xa pola Mesa, co verniz desa cultura pixa da vergoña que nos enrubia como coruñes@s, tan característica do PP. Así que se ti, lector-a, por simple respecto, non queres que un organismo político utilice esa profesión de fe relixiosa pois aguantas; e se non queres ser de Merlucita del Pincho pois tamén te aguantas. Venga, que siempre andas a protestar y a galleguizarlo todo, como diría ese inchado fol de autoodio da escola de Pacoché apelidado Negreira.

Son est@s quen nos poñen a cada pouco o seu sacralizado libro da Constitución diante da boca cando, superado en grande parte polos acontecementos dos últimos anos o seu articulado, dicimos que hai que actualizalo; es@s que non teñen reparo en violentalo en canto contradí aspectos da súa nefasta ideoloxía. Coido, pois, que deberíamos probar solucións máis acaídas coa realidade atroz que vivimos, como por exemplo, que a presidenta de apelido tan escandaloso como Rojo, pase a ser a goberneira da Igrexa de Santiago, é dicir, a bispa ou arcebispa, e o señor arcebispo ou mesmo o seu xefe, cardeal Rouco, asuman a función de presidente do noso Parlamento, que para iso exercen xa de executivos mandóns nas catacumbas escondidas da Moncloa ou de Monte Pío. As cousas, polo menos, quedarían máis aclaradas. Todo pode ser; todo pode vir.,
Non foi só esta a nova coa que nos animaron o Nadal. Outras houbo que non teñen desperdicio, pero sobre elas, destaco a que maior impacto me produciu (e xa comezo a temer que o meu debilitado corazón non poida con outro máis destas características e me meta no sufoco eterno, como diría monseñor Xulián Barrio), e refírome ao discurso do sr. presidente da Xunta don Alberte Núñez, que seguiu con ese aburrido rollo de que el é o mellor de España, e Galiza a menos afectada por este magno crime denominado crise (e non crisi) que nos levará irremediabelmente por diante a tod@s. Imaxinades?, todos nunha danza macabra no cemiterio ao estilo da do Ollo de vidro, capitaneados por ese señor a cantar como un robot programado: Galiza, Galiza, Galiza... e nós, Ra ra ra.

Pois o rollo veu acompañado dese aproveitado escenario da Casa de Rosalía, coa foto dela detrás da súa figura. Xa era o último que lles faltaba a estes que paso a paso van esvaecendo os nosos símbolos máis queridos. Nen vergoña teñen, manipuladores eles, católicos acérrimos, españolísimos a destruír cada día o idioma que ela mesma tomou como bandeira e sacou da prostración; manipuladores eles, digo, do máis nidio e combativo que deu a nosa nación pola dignidade colectiva. Fixérono con Castelao con esas medallas que chegaron a prender nas lapelas dos seus mesmos verdugos, e van agora por esa muller tan representativa da Patria e da Nación, da loita contra a miseria e a vergoña, a que nunca lles importou e que sempre mimetizaron como a chorona. Por non saber o señor presidente, nen sabe onde naceu a nosa grande poeta e loitadora.

Amarguras, desventuras, miserias, desvalorización e desvirtualización do máis significativo do ser galego e da súa esencia pura. Isto foi o agasallo que nos deron estes homes e mulleres que hoxe gobernan o país. O feito, de non ser tan tráxico, animaría o riso, mais ímolo deixar no esperpento, porque será así o mellor xeito de combater arreo para que sexamos conscientes colectivamente do moito que nos están a arrebatar (non só os cartos, non só os cartos). Que esta sexa, lectora-or a bandeira a levar neste seguramente aínda máis duro 2013: clara nas cores e firme nos obxectivos e valores patrio.