Bisibilidade para combater a bifobía
“O pior son as persoas bisexuais. É que non queren recoñecer que son gays [...]. Para min, [a SIDA] foi unha doenza bisexual [...]; moitas persoas bisexuais viaxaron e eses países e tiveron relacións sexuais e logo trouxérona de volta con elas às súas familias nos Estados Unidos. Así foi que se tornou unha epidemia mundial”.
Christopher Biggins, Celebrity Big Brother UK (2016)
En 1999, no cadro dunha reunión da hoxe denominada Asociación Internacional de Gays, Lesbianas, Bisexuais, Trans e Intersexuais (ILGA), tres activistas —Wendy Curry, Michael Page (quen deseñou a bandeira bisexual) e Gigi Raven Wilbur (que se identifica como intersex)— organizaron o que sería o primeiro Día da Visibilidade Bisexual, que desde entón se celebra anualmente cada 23 de setembro e que, xa desde o principio, foi concibido como unha denuncia face aos preconceitos e a marxinación que padecemos as persoas bisexuais, non só por parte das persoas heterosexuais mais, infelizmente, tamén dentro da comunidade lesbiana e gay.
Partindo do seu fundo compromiso coa temática, por iniciativa dos seus respectivos grupo de traballo e asemblea LGBTI, o BNG e a súa organización xuvenil, Galiza Nova, quixemos aproveitar esta ocasión para lanzarmos un pequeno vídeo en que se poñen ao descuberto e desmenten algúns dos principais preconceitos que, ligados entre si, conforman conxuntamente a denominada bifobía. Este artigo retoma e afonda nos argumentos que se esbozan neste vídeo.
Antes de máis, cumpre colocar unha definición básica do que significa ser bisexual: ‘Un individuo que sente atracción física-sexual e/ou afectiva por outras persoas, independentemente da súa identidade de xénero (home, muller, cis, trans...)’. Resulta importante reparar nesta última parte da definición para rebater a acusación de as persoas bisexuais sermos transfóbicas ao declararmos sentir unha atracción afectiva e/ou sexual por persoas de ‘ambos os xéneros’. Cabe destacar pois que non hai razón algunha pola que unha persoa bisexual non poida sentirse atraída tanto por unha persoa trans (que se pode definir como home, muller, non-binario...) canto por unha persoa cis, sen esquecer que, para alén da súa identidade de xénero, as proprias persoas trans tamén poden identificarse como heterosexuais, homosexuais ou bisexuais... Para unha reflexión máis profunda ao redor do binario masculino/feminino e da necesidade de loitarmos para derrubalo, e para que ao mesmo tempo se recoñeza a súa vixencia e impacto real na sociedade, véxanse os artigos Fluidez pos-moderna: Risco de escorregar! e A saia de Carolino.
Un dos principais elementos que conforman a bifobía consiste en negar ou apagar a existencia da bisexualidade como unha identidade sexual plena ao par de calquer outra. De facto, non foi até os anos 70 que se comezou a recoñecer a bisexualidade como unha identidade sexual à parte e até os anos 80 seguía a predominar o conceito da monosexualidade —quer homosexual, quer heterosexual— como única posibilidade xenuína, ficando descualificada a bisexualidade como unha especie de homosexualidade encoberta.
,Segundo este equívoco, as persoas bisexuais somos consideradas
Unha das manifestacións máis flagrantes da bifobía latente consiste en dar por descontado a identidade sexual dunha persoa, etiquetándoa en función do xénero da persoa con quen estiver nunha relación ou con quen mantiver relacións sexuais. Así se apaga a bisexualidade e se volta novamente à monosexualidade como única norma concebíbel. No entanto, ao tratarse dunha identidade e non dun simples comportamento, unha persoa que se autoidentifica como bisexual —o único que ten o direito de se ‘etiquetar’, se se quer, é si propri@— segue a selo independentemente de se ten parella e do xénero desta.
Ligado con este preconceito está o mito moi estendido de as persoas bisexuais andarmos ‘confundidas’ e/ou estarmos a ‘pasar por unha fase’. O certo é que encanto que a sexualidade de cada individuo —entendida como práctica sexual e/ou afectiva— pode (ou non) mudar e oscilar co pasar do tempo, a bisexualidade é unha identidade que acompaña un individuo ao longo da súa vida, para alén das súas experiencias sexuais ou afectivas. Experimentar sexualmente está moi ben para quen queira (independentemente da súa identidade sexual), mais non é isto sobre o que se construi a identidade sexual dunha persoa que se considera bisexual. Non se trata dunha moda, nen dunha curiosidade pasaxeira que pasará inexorabelmente coa madurez, acabando por ter que escoller en que equipa monosexual vai xogar no final. Quen está verdadeiramente confundida é quen se arrogar o direito de clasificar e etiquetar as outras persoas segundo un ríxido esquema exclusivamente monosexual, non as persoas bisexuais.
Como tristemente demostra a cita dun personaxe televisivo británico abertamente gay que abre este artigo, unha das falsidades máis perniciosas e largamente diseminadas aínda hoxe é a chamada ‘ponte bisexual’, que consiste en crer e espallar a idea de os homes bisexuais sermos responsábeis pola propagación de infeccións sexualmente transmisíbeis a mulleres heterosexuais, sobretodo a VIH/SIDA, percibida como un ‘cancro gay’ con que se contaxiou a ‘sociedade normal’ por vía da bisexualidade. Para despexar tal ignorancia daniña, cumpre insistir en que non existen grupos de risco, só prácticas de risco que potencialmente afectan persoas de calquer orientación sexual en igual medida. O que si é verdade é que as persoas bisexuais temos un maior risco de padecermos problemas de saúde mental (depresión, ansiedade, autolesión e suicidio) derivados da bifobía...
Xa por último, cumpre abordar o mito (relacionado directamente co anterior) segundo o cal a bisexualidade é sinónimo de ‘promiscuidade’ e ‘infidelidade’, xa que as persoas bisexuais non temos necesariamente máis relacións sexuais que calquer outra persoa, nen somos menos capaces de mantermos relacións monogámicas estábeis se así o desexarmos. Porén, indo máis lonxe, a tais crenzas subxacen valores moralistas ligados ao mito do amor romántico que cabe rexeitar por levaren a ciúmes, controlo e violencia. En definitiva, cada quen ten o direito de viver a súa sexualidade como quixer e en plena liberdade, sen medos nen tabús.
Así, ao combatermos todas as discriminacións, seguiremos a traballar por unha Galiza verdadeiramente libre!