Bipartidismo Imperfecto


O resultado das pasadas eleccións europeas debuxou un novo escenario electoral, aínda que o ámbito europeo non é o máis axeitado para mostrar un mapa electoral galego e de ámbito territorial do Estado español con unha certa estabilidade.

O certo é que un bipartidismo perfecto baseado na representación política de dous partidos principais foi ferido gravemente no Estado español , trocándose por un bipartidismo imperfecto, co avanzo dos partidos minoritarios na zona máis españolizada do Estado. Mas, nos territorios pertencentes a Catalunya e Euskal Herria, os máis desenvolvidos, que contan cunha potente burguesía nacional; o bipartidismo españolista, perfecto e imperfecto, nas súas distintas variantes foi varrido da face destas nacións sen Estado.

No entanto, non podemos afirmar que o bipartidismo españolista foi erradicado do Estado español e menos da Galiza. O PSOE vai ser refundido ( Non necesita máis que outro maletín como o que recibiu Felipe Gonzalez no seu día da Fundación Ebert, e aínda o Imperio, a pesares da súa decadencia, ten euros e dólares de abondo para iso....) Esquerda Unida que xa mudou de siglas, para ocultar o seu “comunismo” eurocéntrico, é condenada a ocupar o lugar que lle corresponde de eterno comodín do PSOE que aínda non mudou de siglas, incluso na Galiza, a pesar do presente recibido do beirismo. E plausible que o PP lle vote unha man ao PSOE, como fixo no seu día Felipe con Fraga para promover o PP, ante a desfeita da dereita española coa UCD. A refundición do bipartidismo é un tema estratéxico para o Imperialismo subalterno español, ao servizo do Imperialismo EU/USA.

Na Galiza á marxe dos erros e acertos do nacionalismo galego......o papel predominante da opresión colonialista española, que padece o noso pais é abafante, tendendo a agudizarse. O colonialismo secular da nosa nación condiciona fortemente, sen dúbida, a psicoloxía do pobo galego. A alienación foi estudada polo marxismo no que atinxe a clase obreira na relación co Capital, mas carecemos de reflexións sobre o alleamento colectivo producido polo colonialismo. O marxismo non saíu do ámbito eurocéntrico, nesta materia como noutras. VI.Lenín limítase ao final da súa vida a declarar que o espertar das nacións oprimidas fronte o Imperialismo é a derradeira loita social que abrirá as portas a unha nova era da Humanidade. O noso pais historicamente derrotado en proxectos colectivos nacionais, desde a perda da súa soberanía e do seu Estado (O primeiro de Occidente), levou a deriva do noso pobo cara un individualismo exacerbado, e a ser proclive a unha admiración polos fenómenos políticos e sociais exóticos, sempre que non sexan propios do pais.

O novo bipartidismo imperfecto é atravesado polo xurdimento de fenómenos socio políticos como o 15M ou PODEMOS até de agora, que constitúen unha secreción do sistema españolista, que síntese ameazado, dun xeito análogo a coma a lura segrega a tinta para confundir aos seus inimigos cando esta se ve en perigo. Na Galiza tiveron un apreciábel éxito. Tamén os colonialistas europeos trocaban abelorios sen valor con moita facilidade polos valiosos recursos naturais do continente africano no pasado. No campo cultural a colonización do noso pais é abafante.

O 15 M serviu para deslexitimar ao nacionalismo galego, o verdadeiro inimigo do sistema, non puido co nacionalismo basco e catalán, e para debilitar a esquerda estatal en beneficio do Partido Popular para gañar as eleccións. Porén, tamén carrexou unha importante perda de votos do PP, ao popularizar o lema “todos son iguais” que incluía aos políticos do PP. Na Galiza ca axuda do poder omnipotente do aparello mediático o BNG foi esmagado mas non liquidado, por ser o inimigo principal do sistema españolista.

O fenómeno PODEMOS cociñado na Universidade madrileña, tivo tamén un éxito na Galiza, como é natural, e independentemente dos desexos e obxectivos dos seus promotores, hoxe está a cumprir un papel beneficioso para o Partido Popular, na medida que lle axuda obxectivamente a mobilizar os seus votantes para recuperar a súa maioría, co conto do perigo “comunista” “chavista”......ao tempo que tamén favorece o esmorecemento do nacionalismo galego o seu principal inimigo.

Malia estas condicións tan difíciles para o nacionalismo galego, hai que contar sempre que o espertar do pobo galego, para que poida identificar os seus propios intereses, é máis tarde ou máis cedo, un feito que nunca poderán evitar os seus inimigos dun xeito permanente. Mas este necesario espertar que sen dúbida se producirá (Os Imperios pasan, as Nacións permanecen ), vai depender das transformacións na psicoloxía do pobo galego.

O papel do BNG e das e dos nacionalistas coherentes é o de promover a autoorganización do pobo galego, partindo dos seus problemas e demandas concretas, coma xa está a facer o BNG,que son moitas, fronte aos culpábeis do colonialismo, que non son outros que a diversidade e a pluralidade de axentes do españolismo, disfrazados ou non, que esmagan a Galiza. Hai mentes colonizadas que avogan porque o BNG se axunte con españolismo de esquerdas para buscar a súa “salvación” no propio españolismo. A nosa “salvación”, se de algo temos que salvarnos,está en xuntarse e autoorganizarse co pobo galego para construír unha forza poderosa coa que conquistar a nosa Soberanía Nacional, que abra as portas a liberación da Galiza.