Bioindicadores da calidade do medio mariño

Bioindicadores da calidade do medio mariño

Que a cousa ambiental no mar non vai nada ben é sabido por calquera que se aproxime á beira do litoral estes días. Nunca observaría tanto lixo, de todo tipo, porque o mar cuspe o que non é seu.

Ademais de lixo o mar ten cuspido nas últimas semanas os corpos esgotados e mortos de aves, tartarugas, lobos mariños, baleas e golfiños. Os grandes vertebrados mariños ademais de fascinar a humanidade, sobre todo os cetáceos, son considerados indicadores da saúde do medio, é dicir, bioindicadores.

Mais, que é un bioindicador?

Significa un método indirecto de medida, que representa a unha variable do ecosistema á que é máis difícil acceder directamente, por exemplo calidade da auga, contaminación ou estado de saúde dunha poboación.

Esta definición indícanos que se trata dun organismo, ou conxunto de organismos, que ten a propiedade de responder ao cambio dunha determinada variable do ecosistema, de tal xeito que esta resposta quede reflectida no cambio de valor nunha ou máis características de calquera nivel do organismo. Por exemplo, a perda da calidade da auga en determinado lugar pode provocar a ausencia de determinada especie, polo que a presenza ou ausencia é o que representa o cambio de valor dunha especie bioindicadora.

Mais esta cualificación non deixa de ter unha categoría relativamente escasa para o interese social pois, a pesar do seu recoñecemento normativo, na realidade non se ten en conta para nada.

Despois de moito debater e emendar, no ano 2008 o Parlamento europeo aprobou o marco de acción comunitaria para a política do medio mariño, a chamada Directiva marco sobre a estratexia mariña, trasposta ao ordenamento xurídico do estado español a través da lei 41/2010, de protección do medio mariño. Ambas as normativas falan dos indicadores ambientais e biolóxicos, ou bioindicadores, como ferramentas de avaliación do estado do medio e mesmo como medida da recuperación dun medio ata o grao de sustentabilidade. Se ben non define que especies se inclúen entre os indicadores biolóxicos, o Anexo I menciona aos réptiles e mamíferos mariños entre as características biolóxcicas de avaliación ambiental, é dicir, como bioindicadores.

Mais todo iso non pasa de desideratum pois as políticas de consumo e de residuos, do sistema capitalista que padecemos, non son acordes coas melloras dos mencionados indicadores. Que máis daría se non tirásemos a partir de hoxe nin un plástico ao mar, se toda a columna de auga está chea deles?, se, aínda que non fagamos ningunha achega de plásticos ao mar a partir de agora, seguirán afectando á fauna mariña durante centos de anos?.

Se atenderamos ás mensaxes que estas especies, sobre todo as tartarugas e os mamíferos mariños, nos veñen indicar, teriamos que alarmarnos, mais vivimos cos ollos pechados.

As nosas costas rexistran anualmente centos de cetáceos varados mortos, a maioría produto das capturas accidentais en faenas pesqueiras, mais tamén aparecen varados exemplares con gravísimas mutilacións a causa de aparellos abandonados, é a denominada pesca fantasma, tamén con enfermidades crónicas e mesmo outras que posiblemente teñan orixe terrestre ou humano.

Galiza xustificaría dispoñer dun instituto de investigación exclusivamente para estes animais como avaliación do seu carácter bioindicador, é dicir, todo o que nos digan estes animais é un xeito de indicativo do estado do medio mariño. Para iso cumpriría contar cun equipo multidisciplinar composto por profesionais dende oceanógrafos ata médicos, pasando por biólogos, físicos e químicos. Mais xa se sabe que nunca se vai investir nestes eidos non vaia ser que descubramos que somos nós mesmos os responsables do declive das especies mariñas. Isto tamén pasa a ser un desideratum, un soño irrealizable, como o do centro de recuperación específico para a fauna mariña, co fin de tratar a esas especies mariñas ameazadas varadas aínda con posibilidades de rehabilitación e de voltar ao mar.

En realidade pasámonos a vida agachando a cabeza como o avestruz, como di a estrofa da canción Strawberry Fields Forever -traducido como campos de amorodos por sempre- composta por John Lennon e que inspirou o filme de Trueba: “Vivir cos ollos fechados é doado /entendendo mal todo o que se ve”.