Biodiésel e Decreto do Carbón

Biodiésel e Decreto do Carbón

Das cinco plantas de produción de biodiésel que hai en Galiza, tres están na Comarca de Ferrol, dúas delas no porto exterior e a outra en Narón; e as tres pasan por diversas dificultades. A de Biocarburantes Peninsulares en Narón non chegou nunca a producir; no porto exterior, Entabán está practicamente parada e xa realizou unha significativa redución de emprego e, por último, Infinita Renovables vén de anunciar a presentación dun Ere para todo o ano 2011.

Temos que lembrar que a maioría destas plantas recibiron importantes subvencións públicas para a súa instalación e, mesmo chegaron a ser cualificadas como piares básicos da pretendida reindustrialización da comarca por parte dos promotores do virtual Plan Ferrol.

A pesares de que desde 2009 é obrigatorio que os carburantes leven un 5,83% de biodiésel -aumentado recentemente até o 7% polo Goberno do Estado- a realidade é que as importacións de fóra da UE, de países que favorecen o dumping con aplicación de subsidios á exportación, está provocando a paralización deste sector, coas conseguintes repercusións laborais. Precisamente para impedir estas condutas anticompetitivas, diversos países da UE -como Francia, Portugal, Italia ou Grecia- adoptaron un sistema de cotas de produción, evitando así esta situación.

No entanto, o Goberno do Estado ten paralizada, desde finais de outubro do ano pasado, a publicación dunha norma legal semellante á aprobada por outros países da UE e que garantiría o mínimo funcionamento destas instalacións.

O mesmo Goberno do Estado que, por motivos electorais, non ten reparos en modificar o funcionamento do sistema eléctrico en favor do carbón español, aínda que iso signifique un grave dano para o tecido económico galego e unha suba considerábel da tarifa eléctrica. E o mesmo Goberno que incumpriu, repetidas veces, o seu compromiso de solicitar diante da UE o levantamento do veto á construción naval civil ao estaleiro de Fene.

Son diferentes varas de medir e diferentes actuacións, pero que teñen un denominador común: tanto no sector do biodiésel, co Decreto do Carbón ou o naval, Galiza, e especialmente a Comarca de Ferrol, teñen limitacións na súa capacidade produtiva. Non é vitimismo nin laio; senón o recoñecemento da agresión que significan estas decisións políticas, por certo, moitas delas referendadas nas Cortes do Estado polos representantes do PSOE e do PP elixidos en Galiza.