Bento XVI foise co vento


As comunidades de crentes que acreditamos nunha igrexa galega, comprometida e atenta á realidade da xente desta terra e deste tempo, nada podiamos agardar dunha visita que nos nega, elude e despreza

Comezo a escribir estas poucas liñas cando cae a noitiña deste 6 de novembro e, con ela, a evidencia de que, contra todo prognóstico, propaganda e previsión oficial, a chamada "visita" papal a Compostela constituíu probabelmente un dos maiores fiascos dos últimos tempos. Abofé que non é o primeiro, nin por desgraza será o último, desta etapa de goberno con Alberto Núñez Feixóo á súa frente. Si posibelmente un dos máis efectistas, por contraste entre o exaxerado dispendio económico investido e a tan cacarexada austeridade como "marca da casa" da que fan gala, e mesmo obsesiva ostentación, día si e día tamén.

Dubido arestora seriamente sobre se chegaremos a coñecer nalgún momento cifras reais sobre os supostos beneficios obxectivos que para Galiza ía supor a que se montou na capital do país a conta da recepción, xantar e eucaristía dese tal peregrino chamado Joseph Ratzinger. Conformémonos polo de agora co contraste entre as disparatadas contas da leiteira e a túzara realidade de rúas e prazas baleiras por toda parte, agás por unha Policía Nacional máis estranxeira e máis próxima que nunca a unha forza de ocupación requisando bandeiras e cartaces, impedindo protestos pacíficos, ameazando con multas imaxinarias sen o mínimo sustento legal e moi preocupada na identificación inmediata de calquera persoa cachada in fraganti no uso da palabra na súa lingua propia. Por certo, a lingua propia do país no que o Papa puxo pé. A lingua propia do mesmo país que produce os produtos alimentarios que Bento XVI din que tivo ocasión de degustar antes da súa non sabemos se ben merecida sesta.

Quen isto escribe confésase e declárase crente nas marxes. Crente e comprometido cunha mensaxe que porén nada ten a ver, ao menos no pouco que alcanzan os meus moi rudimentarios coñecementos teolóxicos, coa que este sábado se escoitou en Compostela. Un crente díscolo para moitas e moitos que se din crentes; sen dúbida ningunha para a moita ou pouca xente que hoxe si foi recibir a ese Papa que non é o meu. Un crente descrido, como gosta de dicir miña nai sobre si mesma. Un crente que hoxe non esperou por ninguén que tivese que vir de Roma, como tampouco se sentiu en ningún momento esperado, convidado ou representado por ninguén en todo este megalómano circo mediático, ofensivo diante de tantas necesidades e dificultades sociais reais de tantas persoas.

A "visita" papal a Compostela deste 6 de novembro foi, con toda a forza simbólica, unha visita colonial: a dun emperador que acode cada certo tempo visitar os seus dominios e comproba pomposamente que, como xa previamente alguén lle relatara, estes seguen sendo seus. No medio, gobernantes e organizadores coa mente se cadra aínda máis colonizada, pletóricos no seu rol de pobriños intermerdiarios sentíndose importantes por un día.

Non só hoxe estiveron ausentes "as masas" xubilosas por recibiren a chegada do seu Santo Padre nas rúas compostelás. Se houbo unha clamorosa ausencia foi a da Igrexa galega. Unha igrexa galega que existe e resiste, malia as moitísimas dificultades, limitacións, incomprensións e desprezos dunha xerarquía que, simplemente, ten os pés, a cabeza e o corazón fóra desta Terra e, xa non digamos, fóra deste Tempo. Unha Igrexa galega que nin sequera estaba convidada nin era esperada, sinxelamente porque é molesta, porque incomoda.

A que eu chamo Igrexa galega está formada por pequenas en tamaño, mais inmensas en traballo, comunidades de persoas que vivimos a nosa fe desde o compromiso coa nosa nación e co noso pobo, que somos nós. Unha igrexa protagonizada en máis do 70% dos casos por mulleres, as dinamizadoras naturais da igrexa hoxe e porén as grandes esquecidas, marxinadas e discriminadas. Unha igrexa galega que denomina este Papa, por certo, como Bieito ou Bento XVI, denominación que porén estivo ausente de toda a publicidade paga cos diñeiros públicos da Xunta de Galiza. Unha igrexa galega que celebra a eucaristía e demais actos relixiosos en galego, a lingua que empregan decote a maioría da poboación crente e practicante do país e, por certo, moitos relixiosos e relixiosas na súa vida diaria, aínda que lamentabelmente para oficiar utilicen o castelán.

Unha lingua porén practicamente ausente en toda esta visita papal, fóra dunhas liñas que cheiran a compensación barata, en abafante constraste co uso maioritario do catalán na cerimonia que o mesmo Papa oficiará nunhas horas en Barcelona. Desequilibrio incomprensíbel e ostensíbel que pola súa evidencia mesmo causou sorpresa en medios de comunicación estatais tan pouco sospeitosos como El Mundo ou Antena 3. Máis incomprensíbel canto máis se repara no notorio gasto de diñeiros públicos para unha celebración estritamente relixiosa nun estado que se di aconfesional. Menos incomprensíbel se se repara na natureza e obra lingüicida de quen nos goberna arestora. Preguntado ese goberno, que puido reclamar máis presenza do galego e non o fixo, responde con evasivas vernizadas dese cosmopaletismo ao que xa nos ten afeitos. Preguntado o responsábel do Arcebispado de Santiago encargado da organización da visita sobre a mesma cuestión, a súa resposta é que esa polémica "o aborrece" e recorda que tanto galego houbo na visita papal como nos oficios relixiosos que se celebran na catedral: é dicir, case ningún. Recinto, por certo, que nin sequera rotula en galego as súas indicacións exteriores e interiores colocadas con ocasión do Ano Santo. A actitude da xerarquía con asento territorial en Galiza é, en definitiva, en termos lingüísticos -e non só lingüísticos -claramente preconciliar.