Benegoloxía, táctica e estratexia

Benegoloxía, táctica e estratexia

A convocatoria da vindeira Asemblea Nacional Ordinaria do BNG, que haberá que ver se fica adiada por mor do adianto electoral (opción que parece a máis razoábel), produciu un reponte no intenso axer dos máis diversos benególogos. Opinadores curiosamente articulados -na súa práctica unanimidade- en posicións de moderación ideolóxica en comuñón co posibilismo electoral da súa vocación reformista de escaso alcance transformador. Pode resultar inxusto desbotar que eses contributos non partan dunha vocación de achega en positivo, mais a evidencia empírica refuga desa opción, deixando entrever que tanta benegoloxía non pode ser amor, senón o contrario.

Non cuestiono o dereito a discrepar, a criticar e mesmo abxurar de calquera aspecto ou da totalidade da liña política e/ou modelo organizativo do BNG. Reclamo o meu para disentir desa discrepancia monolítica que sempre cuestiona precisamente os aspectos máis incisivos e audaces da liña política e das propostas do nacionalismo galego, en favor das teses máis acomodaticias e conservadoras.

Porén, se algo caracteriza o 'debate' arredor da orientación que debe ter o proxecto común do nacionalismo é a deliberada omisión de cales deben ser os obxectivos estratéxicos dese proxecto. Os debates sobre formulacións tácticas son válidos e útiles sempre e cando vaian precedidos, ou sexan consecuencia, da definición estratéxica. Coido que é precisamente no capítulo da estratexia, dos obxectivos últimos, onde radica o cerne da discrepancia real; de aí a oportunista reivindicación dun proceso de refundación, novo mantra postmoderno dos sectores máis moderados, mais sen enunciar nunca o alcance concreto desa 'arelada' reformulación do proxecto.

Temo que todo se resume na aplicación reiterada do mesmo esquema posibilista que levou a formular o aldraxante "bilingüismo restitutivo". É a vella receita do oportunismo: dado que a correlación de forzas non é favorábel ás nosas teses, adaptemos as nosas teses ás limitadas posibilidades deste contexto. É a política á carta, que parte da necia desconfianza no pobo, en acreditar en que a situación sociopolítica vixente é estática e inalterábel, obviando que o problema central é o da conciencia, o da necesidade de construírmonos un estado de conciencia social favorábel ás nosas teses e propostas.

Unha das contraposicións máis artificiosas das que se acostuman ler ou entreler é a que presenta a non sei que fracción do BNG como refractaria a acción de goberno, isolacionista en termos electorais e resistencialista no ideolóxico, fronte a unha outra fracción, presuntamente moderna, aberta, dinámica e anovadora, disposta a ser goberno aquí e agora. O certo é que tal tribulación é resultado dun intencionado exercicio de confusión, senón mesmamente de manipulación, a través da infame caricaturización.

Se cadra a confusión nace máis unha vez da simplificación alienante. Pois a meirande parte aspiramos a que o nacionalismo sexa goberno, mais non só, conscientes das limitacións do eido institucional nun marco de sometemento político, encadrados nun Estado, o español, de marcado carácter centralista e baixo o xugo do capitalismo neoliberal sobre o que se constitúe a UE. Aspiramos ser goberno, a ocupar todos os espazos de decisión política á nosa man para servir os intereses do noso pobo, mais desde a plena consciencia de que iso non significa termos o poder, senón apenas xestionar unha exigua cota de decisión.

Do mesmo xeito que aspiramos ás maiores cotas de autogoberno, mais non só, desde a certeza de que a vía competencial no estado autonómico só é válida como etapa na necesaria acumulación de vontade popular, para camiñar cara a nosa plena soberanía nacional a través do proceso de autodeterminación. Soberanía que para ser efectiva terá que pasar por un Estado Galego.

A cuestión, xa que logo, é a qué obxectivo estratéxico debe servir o noso proxecto. E niso algúns non poderemos pasar por menos que por aspirar á plena emancipación nacional e á fin da explotación das clases populares do noso país, desde coordenadas de esquerda real, de autodeterminismo e antiimperialismo. Os eixos ideolóxicos sobre os que se trazou o Proxecto Común desde a súa fundación.

Houbo quen, aplicando a máxima do 'canto peor mellor', fixo dos resultados do último CIS, con arrecendo a precociñado sobre escasas 200 entrevistas en Galiza, unha bandeira coa que cuestionar a o actual perfil político do Bloque pola súa mala previsión electoral de cara aos comicios xerais. Porén, se hai unha vía que xa se demostrou morta e inútil para o nacionalismo (tamén en termos estritamente electorais), esa é a do centrismo institucionalista, a do autonomismo social-liberal que algúns chamaron "galeguismo do século XXI".