Bendito terrorismo, entramos en campaña

Bendito terrorismo, entramos en campaña

Pois si, estamos xa en campaña e como estamos en campaña o sistema ten que poñer toda a súa maquinaria a traballar; hai uns días foron os “positivos” datos do desemprego a nivel estatal, despois viñeron os orzamentos da Xunta de Galiza para 2016 cunha chea de cartos que segundo manifesta o Presidente da Xunta de Galiza Núñez Feijoo permitirán atender as necesidades das persoas máis desfavorecidas, e onte foi o conselleiro de educación anunciando máis de 1000 prazas na oferta de emprego público docente do vindeiro ano.

Hoxe espertamos con novas actividades e en Galiza tocoulle a vez ao Ministerio de Interior e á Audiencia Nacional encargarse dos actos da axenda diaria de precampaña que están obrigados a cumprir os distintos departamentos e institucións que forman parte do da arquitectura gobernamental e institucional do estado español.

Veñen de ser detidas en diversas localidades do noso país nove persoas acusadas de formar parte do “aparato político” da organización “terrorista” Resistencia Galega, a maioría segundo declaracións de representantes gobernamentais e das forzas de seguridade do estado recollidas por diversos medios de comunicación son militantes e dirixentes da organización Causa Galiza.

Despois, ao ollar as imaxes ofrecidas pola Tvg comprobo que algunhas das persoas detidas son coñecidas pola súa actividade pública desde hai anos en organizacións políticas e sociais, e con algunhas delas incluso compartín militancia no seu momento.

Hai xa nos que non coincido con esas persoas en canto ao camiño que debería seguir o soberanismo no noso país para avanzarmos no proceso de construción de ferramentas políticas e sociais cada vez máis fortes e con maior introdución social. Pero hoxe non se trata de escribir sobre as nosas discrepancias ou as nosas coincidencias, trátase de denunciar que esas detencións acompañadas de grande aparataxe mediática feden, e non é preciso sermos moi intelixentes para nos decatar de que forman parte da estratexia definida polo sistema de manter vivo o demo do terrorismo, dado que é un arma que mantén a súa eficacia á hora de achegar votos ás sacas da dereita españolista.

Unha vez máis o estado bota man do terrorismo e do separatismo para facer campaña electoral e para atacar a quen somos disidentes do actual sistema e loitamos por mudalo. E ollo, pois ás veces caemos no engano de pensar que lles toca a el@s porque se moven no gume da navalla e ao mellor deron un pequeno paso cara onde non debían sendo esa a razón das súas detencións.

Todas aquelas persoas e organizacións que nos enfrontamos ao sistema estamos no seu punto de mira e actúan contra uns ou contra outr@s dependendo do momento político concreto, da planificación e dos obxectivos marcados. Hoxe no calendario de precampaña do sistema tocou lembrarlle a unha opinión pública totalmente desinformada e apampada por tanto medio de incomunicación de masas que o terrorismo segue activo e que agora o terrorismo máis perigoso é o terrorismo vinculado ao soberanismo galego.

Mañá veremos que acto de campaña nos ofrecen.


Nota: curiosamente, no mesmo telexornal no que houbo profusión de imaxes, de manipulación e de opinións sobre eses perigosos terroristas falouse noutro momento dunha muller que morreu ao caer pola fiestra “presuntamente” empurrada, pero non houbo ningunha referencia a “terrorismo machista”.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.