Axfisia


Debátese moitas veces sobre se a actitude que teñen cidadáns e cidadás ante as eleccións son libres e conscientes, polo tanto, se o que deciden é plenamente democrático e hai que respectalo cegamente. Mais, coñecemos todos con claridade as posturas que se presentan, os programas ou as prácticas sobre os mesmos? As distintas ideas teñen a mesma presenza pública? Hai factores externos que poden determinar as decisións que tomemos?

Quero incidir nestas preguntas e debates a través de dous feitos que durante os últimos meses tivemos en todos os medios de comunicación dun xeito teimoso que non axudaba precisamente á serenidade e obxectividade necesarias para, ante eles, cada un ou unha tomase a súa postura. Refírome ás eleccións e alternativas catalás, coa independencia como tema central, e ao axuizamento do que levou ao chamado Crime de Teo.

No primeiro caso, practicamente sen excepción, todos os medios se botaron inmediatamente contra as persoas que reivindican o dereito á autodeterminación ou independecia de Catalunya, baixo sentenzas como "rompen España", "é a secesión", "somos os españois quen temos que decidir". Non me vou meter no aspecto ideolóxico de cada postura, pero si no bombardeo, españolismo e falta de coñecemento da historia que dun xeito absoluto tamén encheron os medios de todo tipo.

Era deprimente ver como se excitaban aqueles que teñen como principio o debate sereno, como se acentuaba a idea imperial de sometemento, o odio ás cultura e idiomas propios, o ataque até o sangue das persoas que encabezaban as súas reivindicacións de independencia. E como apenas aparecía nese medios, en proporción ao grande ataque, a defensa dos que non pensan en clave de imperios e historias impostas. Foi proba tamén de que nestes case 40 anos de democracia nada se moveu a este respecto, nada se aprendeu nas escolas e universidades porque de inicio xa non se explica a realidade plurinacional do Estado, que é un feito obxectivo, non unha idea trasnoitada como seguen afirmar os neofranquistas e mesmo os da socialdemocracia que botan as súas proclamas tras unha bandeira española tan grande como a que no seu momento izou o cavernícola de Aznar.

E ante isto, a xente do común, que posibilidades ten de tomar unha decisión propia cando dicir algo que vaia contra os masivos veredictos deses medios e contertulios, necesitaría dunha valentía heroica que de principio xa quedou anulada polo medo introducido?

No segundo caso, o da nena Asunta, co xuízo ocupando tamén en primeiro plano as pantallas, teimosamente, a todas as horas, como se houbese que presentar os asasinos con todos os rictos xa da súa condena. Lembraba eu as escenas dos circos romanos cando levaban os condenados a ser devorados polas feras, e o público numeroso aplaudindo a escena con esa ansia que nos entra polo sangue derramado. A crueldade xa desde o primeiro día do axuizamento cunha locutora detallando os mínimos detalles dos vestidos, expresións, movementos e actitudes dos xa condenados.

Pode exhibirse nas pantallas a calquera persoa, sexa quen sexa, na sociedade de hoxe, como un obxecto sobre o que botar a nosa crueldade previamente alimentada? Non ten dereito a negarse a aparecer nos medios de comunicación como un ser desprezábel? Ula a liberdade individual para non ser diana das miserias colectivas? É lícito ese circo para dominar acaso a nosa consciencia, a nosa dependencia? Nen un ápice de humanidade, só o espectáculo que dá cartos a quen o explota.

Son os medios de comunicación arma fundamental para a nosa educación e visión das cousas. A repetida independecia dos mesmos non é precisamente unha verdade. Están dominados por xente poderosa, empresas que van ao lucro e a consolidar as posturas idelóxicas dese poder. Quen os controla? Acaso os parlamentos ou gobernos? Non sexamos inxenuos. Serven a quen os alimenta, non aos pobos de quen deberían depender. Fai unha pregunta hoxe sobre calquera tema e responderase coa idea que eles introduciron.

Necesitamos con urxencia unha lei real que controle os seus excesos, protexa a súa independencia e pluralismo de xeito tamén real e obrigue a que a nosa liberdade individual e colectiva sexan respectadas sempre e en calquera circunstancia. Isto é o democrático. O demais, intereses económicos ditatoriais e control sobre a persoa para que non fuxa do establecido.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.