Avelino Pousa Antelo, 97 anos loitando por Galiza

07/05/11. Mitin de Guillerme Vázquez e o alcalde de Teo, Martiño Noriega,
Avelino Pousa Antelo, 97 anos loitando por Galiza

O 14 de maio cumpría Avelino Pousa Antelo 97 anos. Quizais o trunfo electoral do nacionalismo no seu concello, Teo, foi un dos maiores agasallos que recibiu neste novo chanzo cara o século de vida. Unha vida na que as derrotas foron abondosas mais non minaron a súa fidelidade á causa galega e as súas conviccións forxadas nas mocidades dun Partido Galeguista que tantos desgustos lle dou cando teimou en restauralo durante a transición. Esas conviccións alimentan un activismo moi intenso para os seus anos.

Pode xulgarse a traxectoria intelectual ou política de Avelino imputándolle os erros ou acertos que se quixer. Discutirase os seus posicionamentos. Mais ninguén dubida xa do seu intenso amor a esta Terra que é o único que pode explicar ese dinamismo que ten despregado nos últimos tempos á beira das loitas na defensa do país, da súa cultura e da súa lingua.

Cando vimos a Avelino nas fotos do mitin do BNG de Teo o 8 de maio tivemos a impresión de que alén do mérito que tiña o seu esforzo, non podiamos evitar ter a impresión de que estaba a deixar en evidencia a moitos ausentes. E a cousa transcende a un simple acto de campaña e mesmo a unha determinada opción partidaria. O certo é que desde hai tempo vimos atopando un Avelino que a pesar da súa avanzada idade está presente nos máis diversos actos patrióticos, na defensa da memoria dos mártires, fronte ás agresións á nosa lingua, a favor da nosa cultura, etc. En todas aquelas cousas que teñen que ver coas súas profundas e sentidas coordenadas ideolóxicas. E non é porque non tivera decepcións e desencontros na súa actividade política, mesmo confrontos e algunha inimizade manifesta. En definitiva, el podía alegar todas esas escusas que moitos poñen para xustificar o seu afastamento da "vida pública", esas que mesmo algún aduce para lexitimar o seu cambio de bando.

Hai quen di que se "comprende" que alguén se vaia ao PSOE porque non foi moi ben tratado no seo do nacionalismo. Diante disto un non pode evitar lembrar a Avelino xunto con Ramón Martínez López bourados e insultados durante o seu percorrido entre Bonaval e Patio de Madres por ter participado nos actos con motivo da traída dos restos de Castelao. Independentemente de quen tivera razón neste caso, e por moi desagradable e desafortunada que fose esta situación, non é de imaxinar que ningún dos dous acabase nas filas dunha forza que contradí todos os principios que posuían e que quizais compartían con quen os agredía verbalmente aínda que discrepase do xeito de levalos a cabo.

É certo que puido haber algún comportamento, frase ou decisión que puidera ferir inxustamente a alguén. Mais, que ideoloxía teñen estes "maltratados" que apoian unha organización que poida que mime máis o seu ego, mais que fai a súa campaña maioritariamente en español ("La Gran Coruña"), que denigra e marxina ao país, que é o autor da actual ofensiva contra os dereitos sociais e a favor do capital especulativo financeiro?


,Avelino aí estaba ao pé do canón cando se lanzou o PP contra a nosa lingua. E iso foi así porque independentemente dos desabores, frustracións, paus e desconcertos de tantos anos, a Avelino dóelle o país, non acouga na casa sen facer nada mentres disparan contra a lingua. E un pregúntase: os desencantados, desilusionados, desmotivados, etc... que senten? Non lles afecta.

Reproducimos aquí un vídeo que recolle parte dunha entrevista con el a xeito de pequena homenaxe no seu aniversario co desexo de que cumpra moitos anos máis polo ben da nosa Terra. Estamos diante da historia do país, mais tamén Avelino representa o futuro na medida en que é exemplo a seguir pois este dependerá de que se antepoña o traballo e a acción a favor de Galiza fronte aos que optan pola deserción e a pasividade egoísta.