Autogoberno


Abundan os “signos dos tempos” que sinalan cambios políticos. Os sinos tangueron por anos a prol dos “dereitos humanos”; inda queda moito a facer. Neste intre tanguen polos “dereitos dos pobos”. Se o dereito de autodeterminación segue incumprido, numerosos pobos desaparecen.

Que países milenarios, de cultura propia e con lingua de seu, cunhas urxencias económicas para sobrevivir a este temporal, non poidan desenvolveren as súas capacidades, porque son vítimas de dominio exterior asfixiante, todos os sinos territoriais tamguén a perigo e din aos cidadáns “reclamade o voso dereito colectivo de sobrevivencia”.

Galiza é un deses países. A dominación presenta unha constitución de 1978 que determina o dereito de soberanía (do autogoberno necesario ou conveniente para o seu despregue vital, para crear cultura e transformar a que se posúe), como dereito estatal que se autoproclama nación única e indivisíbel (Const. De 1978, art.2). Declaración absurda, dunha constitución a superar e a esquecer.

Esa constitución redactouse nun intre concreto de saída da ditadura. Reivindica dereitos individuais anteriormente negados. Era urxente liberarse da tiranía; compréndese que os habitantes pedisen a unidade, a maior posíbel. Cando un territorio está inmerso na escravitude, a saída corresponde a todos. Mais, na situación de liberdade, cada país ten de recuperar a súa entidade. A unidade estatal non implica unicidade cultural, histórica, etc. Esa unidade apoiase na pluralidade das nación que aceptaron unirse para liberarse, non para desidentificarse, senón para proseguer o seu propio camiño histórico.

Urxe, xa que logo, superar con poderes de autogoberno, de soberanía, esa constitución ocasional. Pero inda máis, é unha constitución que non responde ás actuais esixencias económicas, sociais, culturais e políticas.

No art. 1,3 define, como forma política do estado español, a monarquía parlamentaria. A tal monarquía dedica numerosos artigos; segundo eses artigos o rei e “inviolábel” e non está suxeito á responsabilidades. Acaso no é iso un delirio?

No 8, 1 establece as función do exército como gardián desa inventada“nación única e indivisíbel”. Admite a supresión da pena de morte, agás se a impón” as leis militares para tempos de guerra”. Non é unha violación dos dereitos humanos tal excepcionalidade?
O art. 38 acepta a “economía de mercado”; logo engade a posibilidade de intervención do goberno. O feito dunha economía de mercado sen regular é un inmenso despropósito. Estamos a sufrir as consecuencias funestas de tal entrega ao neoliberalismo salvaxe.,Antes desta crise global na que estamos, xa os gobernos socialdemócratas e os neoliberais-PP e POSOE- emprenderan a carreira de privatizaren sectores públicos económicos. A voracidade empresarial acumulou poderes económicos e esfarelou moitos deles, contraendo unha débeda inxente, unha das causas principais da actual recesión. Todo o capítulo constitucional sobre a economía é inadmisíbel.

Os sectores do ensino e da sanidade definen o proceso cultural dun país. O goberno actual central e os autonómicos en man do PP, queren privatizar eses dous sectores; están a destruíren as raíces vitais das nacións deste estado plurinacional denominado España. Xa vivimos nunha forma administrativa caótica, segundo o título VIII, que impide a recuperación social de Galiza, Euskalerria e Catalunya.

A constitucion do 78 “delenda est”. O dereito de autodeterminación é un dereito inviolábel de toda nación; somos unha nación, Galiza, esiximos os nosos dereitos tantas veces violados. Oio tanguer todas as campás deste país; tocan a autodeterminación.