Autocrítica

"Permanecer en la quietud, dejar que todo perezca, como herido por los destinos contrarios; pensar que, solo a título de documento, debe escribirse la historia de los esfuerzos hechos por dos generaciones en favor de la pequeña patria, es una torpeza, más diré, una especie de impiedad que castigan los cielos. Ni la campaña ha terminado, ni perecieron todos los combatientes, ni la victoria ha coronado tantos esfuerzos. Se hizo mucho, pero mucho falta también. El problema está en pié; como la antigua esfinge, guarda todavía sus secretos".
Escribía isto en 1885, no prólogo a "Los precursores", o mestre Manuel Muguía, coa lucidez que lle era característica e non certa nostalxia e tristeza. Eran outros tempos, mais, como a historia repite feitos e ensinanzas, aínda que de formas diferentes, é útil remitirnos arreo a ela para aprender, corrixir ou teimar no mesmo. Cantos nacionalistas coñecen hoxe os textos escritos mesmo con sangue neses difíceis anos de finais do s. XIX? E non cito o escrito de Murguía por buscar razóns a favor dunha opinión, senón simplesmente por lembrar que moito do que hoxe pasa ocorreu xa en etapas anteriores da loita nacionalista.
Na noite do 24 de maio tiven a satisfacción de sentir as palabras de Xavier Vence referidas aos resultados electorais. Falou de datos que melloraban pasados e que celebramos, pero tamén de sombras negras que convidaban a unha profunda análise tamén da situación para buscar os cambios que estes novos tempos esixen. Hai momentos na historia en que é necesario e urxente mirarnos friamente o embigo porque nen somos máis puros nen mellores que os outros; somos un produto dunha sociedade caótica de prácticas totalmente contraditorias ou confusas. A cantilena constante do vitimismo axuda a afogar as saídas. E por isto, chama o momento a ser plenamente conscientes dos nosos desenfoques ou enfoques equivocados, imperfectos, pois sen iso a corrección ou reorientación fanse totalmente imposíbeis.
Coido que o traballado e importantísimo mundo nacionalista necesita esa análise obxectiva e valente sobre dous aspectos fundamentais: comunicación e humanismo. Como comunicamos as ideas e os feitos e os levamos á práctica. E como atendemos e nos relacionamos, entre nós e cos demais, co noso pobo.
O discurso claro e con argumentación de peso, acaba convencendo sempre. Veraz, real. Concreto, detallado, que fuxa da abstracción e do denso, por pesado. Adornado sempre coa historia, co que aconteceu ou lembramos e aprendemos, pois quen hoxe, por exemplo, na nosa nación, sabe das loitas labregas de principios do XIX, ou da formación e evolución do nacionalismo galego e as dificultades que tivo para desenvolverse ? Quen, do que representou no seu momento a Xeración Nós? Quen de Vicetto ou do propio Murguía? Quen, en fin da Historia de Galiza, libro fundamental editado por A Nosa Terra, para interpretar mesmo o que hoxe acontece?..
Formación constante, urxente. Quen somos? De onde vimos? Que queremos? E así, o discurso ou diálogo se fará distinto e propio. Con humor, a mellor axuda para vencer a monotonía e o cansazo (a seriedade eterna esgota ao máis paciente). "Ela chorou por todos e pra sempre", lembrades? Discurso, pois, ao xeito dunha conversa que axude a informar e convencer, que poña o copo de viño que alegra e fai amigos. Na rúa están todos os problemas, non nos sotos da burocracia que trae insensibilidade e conformismo e enferruxa a mente. Pode un responsábel ou representante político enterrarse no salón do Concello ou do Parlamento, na oficina, sen rir, divertirse, apoiar ou chorar coa xente? As rodas de amigos encasteladas na endogamia constrúen indefectibelmente o caciquismo. Mais o triste é que non se aprecia.
Comunicación. Asembleas, reunións, debates... insoportábeis cando falta a imaxinación e a iniciativa e reina o silencio e o temor. Para ter iniciativa hai que aprender da práctica e sentirse libre, con dereito. Non pode xurdir sen estes elementos. Se non existe miremos a actuación das direccións políticas e toparemos a resposta do por que. Naturais, interesantes e vivas para alimentar o ánimo. O que se fai invariábel e por obriga aburre, cansa. Deixa, xa que logo, ti, o pensamento libre e exprésao sen medo. Non te obsesiones porque saia algo que ti queres ou pola consigna mecánica ditada. Mais a consigna meditada e contrastada é imprescindíbel para unificar o discurso, concretalo (os problemas de cada día: os recibos da luz, da auga, a compra, os prezos...) e expandilo aos espazos sociais diferentes. Os mozos e mozas nacionalistas non poden ter enriba unha pesada roda de esquemas abstractos que lles moa arreo a cabeza e os mecanice e anule. Porque deles é o futuro e mal futuro será se non actúan con liberdade plena.
E a comunicación ha ter o espazo propio e orixinal onde se presente, medido e preparado para atraer e mostrar a imaxinación distinta e non a copia do que fan os adversarios. Ah, que aburridos os espazos sen graza, escuros, como mortos, cando temos homes e mulleres que poden facer marabillas dun teatro, salón, espazo natural ou praza onde se realiza a comunicación coa xente. O nacionalismo tivo por historia imaxinación e arte. E agora? Canta xente interesante e sabia desaproveitada simplemente por non ir a buscala e agardar mecanicamente a que se achegue. E teimar sempre en dous ou tres até queimalos.
En fin, o Humanismo. A relación entre as persoas, os e as compañeiras. Os estatutos dos partidos e asociaciòns definen sempre dereitos e deberes. Dereitos como a atención e axuda cando os problemas afogan ou o silencio mata, ou mesmo cando a persecución calada vai anulando ao vello loitador ou loitadora. Se se entregaron moitos anos da vida o esquezo e desinterese non poden ser o pago. Se entra nova xente a militar non poden tampouco ser esquecidas a atención e formación imprescindíbeis. A renovación só terá sentido cando os vellos comuniquen a sabedoría e a historia e os novos poñan a forza da acción e a ilusión. E ambas as dúas se fagan práctica diaria en diálogo.
Pode quedar un impasíbel ante o sufrimento dos demais? Un riso ou caricia, ou aperta perfecciona e anima as batallas colectivas. A inercia de sempre, repetitiva e cansa, mecánica e sen imaxinación farta ao máis combativo e afasta a xente. Outra é a linguaxe hoxe, a que se pide en xeral, cando a competición e dureza da vida fan medrar o individualismo e a insolidariedade. Non se pode quedar calado ante os crimes cometidos no Mediterráneo e outras mares sobre os inmigrantes. O antiimperialismo non é unha receita para mostrar de cando en vez nos principios, senón para confirmarnos nas batallas reais contra os crimes de Occidente cada día máis brutais.
Temos campo aberto, espazo onde reflectir ideas e atractivos, precisamente agora cando algúns, apampados polos brillos bendicidos desde Madrid abandonaron a autoorganización como principio e cantan xa triunfos que coidan inmediatos. Temos principios ideolóxicos claros para a soberanía e mellora de Galiza, para estar aquí e no mundo dede noso. Se a práctica se axeita con resolución e novidade ao momento e se procura en cada acción o froito do traballo, non cabe dúbida de que o futuro poñerá a sinatura colectiva. Mais se seguimos coa inercia de destruír os espellos onde temos que mirarnos, o perigo da marxinación acabará por afogarnos.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.