Aurelia

Aurelia Rei estrea piso novo nos arrabaldos da cidade da Coruña. Móstrallelo aos medios de comunicación con loas a el –é novo, repite–, e lévaos polos cuartos e espazos, pola cociña, polo salón. Di que sente afastarse dos amigos e amigas que tiña no centro da cidade, no xa antigo domicilio, que alí todo lle quedaba á man e todo lle era coñecido. E isto último é, sobre todo, o drama dunha muller xa maior, soa, afeita nos últimos anos ao seu espazo íntimo que sempre coidou, mellorou, enfeitou... eses espazos que tras os anos, acaban sendo unha prolongación de nós mesmos, porque son o máis íntimo testemuño da nosa propia historia.
Para chegar a este momento da estrea do piso houbo un longo proceso de batalla para que non a arrincasen da súa casa. Propietarios e PP con toda a súa corte, desde o concello até a Xunta de Galicia, nunha banda: e na outra, co obxectivo de que quedara, pois así era de xustiza, o resto da sociedade máis activa: asociacións, partidos, sindicatos, numerosas persoas cansas xa dun estado no que o roubo e a extorsión son xa a lei imposta. E arredor deste suceso, a outra paisaxe humana, colectiva: os desafiuzamentos botando á rúa e deixando na máis negra miseria a milleiros de familias.
Podo entender a lea dun propietario e unha inquilina para defender cada un os seus intereses. Mais non que inmediatamente as institucións que están para protexernos a todos se poñan do lado do máis forte. Pero aínda máis grave ca isto son os razoamentos utilizados polo PP e as institucións antes mencionadas gobernadas por el. Como temos por aí uns pisos de protección oficial, e como se armou demasiado alboroto por este problema , pois metemos á vella señora nun destes pisos e asunto arranxado. E ademais, que tempo lle queda de vida? Sentín, efectivamente, este argumento repetido por parte desa flota de defensores que o PP espalla por toda tertulia e alí onde poida haber necesidade ou urxencia da consigna. Ah, non cabe dúbida que nisto son únicos: en dez minutos son quen de meter unha idea por todo o país que contrarreste calquera suceso ou pronunciamento que non lles sexa favorábel. O que isto lles custa economicamente debe ser unha boa fortuna. Entendo, polo tanto, todos eses conflitos que un día si e outro tamén se traen cos cartos.
Corría un afervoado debate sobre a señora Aurelia por aqueles días cando xentes e asociacións gardaban a súa casa para que non a botasen dela. E as referencias persoais—é unha señora, ademais, que non está ben da cabeza– mesmo curiosos datos da súa biografía nada favorecedores, na boca do PP e dos seus turiferarios, enchían a calquera de carraxe. Ao final, a conclusión, mesmo conseguía acalar a moitos que defendían a Aurelia Rei: e aínda así a Xunta ofrécelle un piso novo e non o quere. A lóxica torturadora do PP para convencer até as pedras.
Nunca, en quen representaban os distintos poderes institucionais nen en quen os defendían, se pranteou o grave conflito dunha señora que pasaba dos oitenta anos: a expulsión do seu medio xeográfico e humano. Nada lles sentín tampouco a estes cada vez máis estraños e raquíticos servizos sociais condenados tamén ao recorte. Porque facer isto é como botar a esa persoa ao exilio. A quince, dez, cinco qm. da súa contorna unha persoa maior non pode ter recursos para seguir desenvolvendo con normalidade a súa vida. Botala do seu medio máis inmediato que foi construíndo durante a súa vida é como ila matando un pouco ou un moito, segundo o caso, condenala á soidade e á agonía.
Non é só o material o que debe estar ao noso servizo. Non melloramos só con iso. Se á nosa beira non hai unha palabra cálida, un sorriso, unha compañía grata, un feito que nos alimente a ilusión, de pouco vai valer o beneficio. Podían levar á señora Aurelia ao mellor pazo de Galiza que iso non ía mellorar o seu piso humilde. Esta é a cuestión que nengún dos seus benefactores formulou. Por unha razón moi clara: para eles o individuo non é unha persoa con cabeza e corazón ; é, simplemente, un ser anónimo que vale o que a tarifa do capitalismo brutal lle asignou. É este, nesta circunstancia da loita terrorista polo control dos cartos, o conflito máis forte que vivimos no noso tempo: a imparábel deshumanización que castiga a unhas e a outros, afogados todos no marasmo outra vez do medo primixenio.