Atacar a parte. Rematar con todo
Sempre me pasmou o cinismo con que oficialmente se tratan certas cousas. A diferenza entre os mortos, segundo fose a causa. Como ninguén fala dos millóns de asasinatos e do xenocidio cometido no nome do capitalismo, for na versión liberal, for na súa versión fascista. Supoño que é porque se pretende facer esas outras vítimas responsábeis de que a longa man da (in)xustiza caera sobre si propias para defender a "liberdade".
Non creo que haxa diferenza cualitativa entre o asasinato de 100 mil ou 1 millón, mais por moito que se atribúa aos peores tempos do socialismo no leste europeu, tamén na cantidade gañou a beira occidental. Podemos, senón, facer un repaso xeográfico ao século XX e vermos como desde a Galiza á Indonesia, desde a Guatemala á China, de Angola a Vietnam, ou desde os EUA a Sudáfrica, sen necesidade mesmo de pasar por Alemaña, aínda que tamén. O imperialismo, sempre coa máscara do anticomunismo arrasou coa vida de millóns de persoas, comunistas, nacionalistas, simples progresistas ou demócratas coherentes, por se opor á liquidación da soberanía, expresión da democracia, ao imperialismo e á súa ditadura, na súa maior parte ao servizo dos servidos por Washington. Millóns de persoas entregaron a súa vida pola liberdade dos seus pobos, e que na Galiza lembramos representados por Bóveda e Reboiras.
Hoxe pouco fica en pé da URSS, porén continúa a mitificación do período da Guerra Fría, como necesidade para manter un mundo en liberdade vixiada. Xa comezamos a asistir ao encumiamento de persoeiros de dubidosa faciana democrática, mais cun amplo curriculum de servizos prestados, como a Margaret Thatcher, pioneira do neoliberalismo que hoxe asola o planeta e do que na Galiza coñecemos tamén o paso da súa gadaña, ou o mesmísimo Fraga Iribarne, Ministro de Información, non só de Turismo, de Gobernación (ou traducido da policía armada, secreta, torturas e crimes de estado varios).
Mais aínda hai oposición, resistencia, alternativa e xa que logo, seguen a estar vivos os inimigos a exterminar. Rematou a Guerra fría e o frío fíxose máis intenso ca nunca. Agora cómpre apagar os fachos que en todo o planeta se manteñen acesos e que na Galiza teñen nome de Bloque Nacionalista Galego, expresión política do pobo galego unido e organizado na defensa do seu dereito a unha existencia en liberdade e dignidade.
O BNG hoxe, mais o nacionalismo sempre, é na Galiza un mal inaturábel, aínda que nunca, en ningunha das súas mostras organizadas ao longo dos anos, tivo algún centro de decisión ou subordinación fóra do País. Nin Moscova, nin Washington, tamén non Madrid. A Galiza e só a Galiza, é a que nos aporta e aportou a nosa visión do mundo. É con Galiza, co pobo galego, con quen nos identificamos e desde aí podemos comprender e solidarizármonos co que se pasa ao noso redor, e erguernos contra a destrución de pobos enteiros, alén de que compartamos ou non certas visións do mundo. Por iso non temos que facer ningunha profesión de fe estraña para condenarmos a intervención imperialista en Libia recentemente, no Afeganistán aínda hoxe, no Iraque, onte, ou como todo parece indicar, no Irán mañá.
Hoxe, como se for unha reedición da Guerra fría, como se aínda existir un outro polo comunista, mais só porque é necesario desfacer moralmente o inimigo interno, atopamos a prensa e toda a maquinaria de propaganda, inmersa nunha campaña de desacreditación do nacionalismo galego. Non precisan nin de demostración, nin polo de agora, de comisións adicadas á caza de Bruxas, mais que garda certas similitudes co Macarthismo, auténtico terrorismo de Estado que autoimpuxo a censura e actuou sen límites na persecución de organizacións a prol dos dereitos civís, da liberdade sexual, contra os inimigos do racismo, contra a cultura... No saco do comunismo entrou calquera que defender o común denominador do progresismo, xustiza social, liberdade, un futuro mellor, sen distincións. Os mesmos argumentos, aínda que con máis amabilidade, que os de Franco e a Falanxe de 1936.
,E reedítase a vella campaña anticomunista. Agora coma sempre, regresa á Galiza non (só) para rematar a través dunha guerra mediática e propagandística cun partido comunista, a UPG (que xa gostariamos algúns que tivese unha décima parte da capacidade de intervención social que disque ten). O obxectivo é, sempre foi o nacionalismo galego, sobre o que se verque todo tipo de veleno para dividilo, esnaquizalo. Todo o nacionalismo galego sen distincións. Aqueles que defenden sen límites un futuro de soberanía para a nosa nación, sexan próximos ou non, teñan total coincidencia ou total discrepancia coas propostas políticas e ideolóxicas da UPG. Non é o comunismo hoxe na Galiza un problema para ninguén, é o pobo galego a quen se quer combater, e xa que logo ao maior expoñente da súa vontade de existir. Resumíase moi ben nunha cena do filme Apocalipsis Now na boca dun colonialista francés: se os vietnamitas fosen comunistas serían comunistas vietnamitas, evidenciando que o verdadeiro problema eran os vietnamitas. Hoxe, na Galiza, en febreiro de 2011, atacan a unha parte para remataren con todas. Sementando a discordia a través da falsidade.
Xa nos advertía Curros que:
Todo pra ser grande e forte
se une, xunta e reconchega:
quen á discordia se entrega
vai direito cara á morte.
Non agarde millor sorte
quen fomente divisiós;
que a unión de tódolos bós
é lei de tan alto alento
que pra estar no Sacramento
hastra a ten que cumplir Dios!