Astano, compromiso incumprido na presidencia española da Unión Europea

Astano, compromiso incumprido na presidencia española da Unión Europea

No debate de política xeral do ano 2009 (o chamado debate sobre "o estado da nación") o Congreso dos Deputados aprobaba unha proposta de resolución do BNG na que se instaba ao goberno español a renegociar, no marco da Presidencia española da Unión Europea, os acordos que impiden que o estaleiro de Fene (a antiga ASTANO) poida construír buques e desenvolver plenamente as súas capacidades produtivas en todos os ámbitos da construcción naval civil.

Con posterioridade, o Presidente do Goberno español ratificaba perante o Congreso este compromiso.

Pois ben, a presidencia de turno da Unión Europea está a piques de rematar e o comisario europeu da competencia, Joaquín Almunia, ven de manifestar "que o goberno español non lle pediu revisar a decisión que impide construír buques civís en Fene" e engadiu: "os acordos están para cumplilos, unha renegociación non modificaría a obriga de recuperar a axuda estatal ilegal de 975 millóns de euros."

Que celoso gardián da libre competencia, o Sr. Almunia! que guiadiño o Goberno español, que se limita a dar por bos os seus argumentos sen sequera formalizar a petición de renegociación!

Pero son certos estes argumentos? por se houber poucas dúbidas de que estamos ante un veto político, repasemos algúns dados:

1º.- Os 975 millóns de euros de presuntas axudas públicas ilegais, por atentar contra as normas europeas de libre competencia, refírense ás axudas públicas concedidas ao conxunto de estaleiros públicos que pertencían ao grupo IZAR.

2º.- O acordo do Congreso de Deputados, refírese única e exclusivamente ao estaleiro de Fene, que cómo moito puido beneficiarse de pouco máis de 60 millóns de euros desas axudas.

3º.- A Unión Europea autorizou a Polonia a conceder 251 millóns en axudas ao estaleiro de Gdansk, e autorizou tamén a condonación de débedas por importe de 2000 millóns a outros dous asteleiros poloneses en proceso de privatización. En nengún caso impuxo restricións comparabeis ás que padece ASTANO.

4º Coa actual crise económica, son múltiples as medidas de estímulo á economía aprobadas polos distintos Estados que conlevaron axudas públicas directas aos sectores en crise.

5º Os proprios acordos de 2004, que limitan a actividade productiva de ASTANO, establecen que os mesmos poderán ser revisados en caso de feitos novos e relevantes: A crise económica, os feitos antes comentados, non son feitos novos e relevantes?

Máis deixo para o final o último e definitivo argumento:

Sabe o celoso gardián da competencia, o Señor Almunia, a canto ascenden as axudas públicas concedidas á banca?

Non precisa ir lonxe para recabar a información, abonda con que lle pergunte a George Siotis, economista xefe de competencia da Unión Europea, que ven de publicar un estudo no que estima que os recursos públicos comprometidos para salvar aos bancos ascenden a 3,3 billóns de euros.

Si, leron ben, 3,3 BILLÓNS. Unha cantidade equivalente ao 28% do PIB da Unión Europea. E agora eses bancos, co auxilio de celosos gardíáns como o señor Almunia, dítanlles aos poderes públicos os axustes que teñen que facer.

Uns axustes que van afectar a construción naval militar, moito máis dependente da contratación pública e por tanto dos recortes orzamentarios. Unha razón máis para considerar estratéxico recuperar ASTANO para a construción naval civil.

O acontecido con ASTANO é a glosa perfeita do que ten representado a Presidencia española da Unión Europea.

A conxunción astral entre Obama e Zapatero, anunciada pola Sra. Pajín como o albor dunha nova era, acabou na institucionalización do thatcherismo como único pensamento posíbel no ámbito da Unión. O Presidente español xa abondo ten con cumprir docilmente as ordes dos falcóns do ultraliberalismo como para abrir frontes de conflito coa Unión.

Mentres a Sra. Merkel e os bancos alemáns ditan as políticas a seguir no conxunto da Unión para preservar os seus intereses, o Sr. Almunia, celoso papanatas, exerce de máis papista que o papa.

E Galiza, unha vez máis, usada como moeda de cambio.