Asfixia
“A Labranza” é un dos programas máis antigos da TVG. Nel dásenos conta das enormes potencialidades da nosa terra como produtora de alimentos e con capacidade de innovación en múltiples terreos, desde o agro-gandeiro, o vitivinícola ao forestal. Esboza, na súa corta duración, que hai unha Galiza posíbel, como escribira Carlos Mella, que hai un rural de futuro e con futuro.
Porén, a folga de entregas de leite que mantiveron hai unhas semanas os gandeiros e gandeiras galegas é seguramente unha grito desesperado dun sector asfixiado polas políticas da Unión Europea e pola pasividade da Xunta de Galiza; pero tamén é un grito desesperado do rural galego onde se están a converter terras fértiles en inmensas silveiras ou, grazas ás sucesivas modificacións da lei do solo que afogan o rural, en cobizados solares onde edificar urbanizacións ao gosto dos urbanitas en aquelas zonas máis próximas ás grandes cidades e vilas.
O goberno galego, que ten competencias exclusivas no sector primario, adica os seus esforzos en seguir ao pé da letra os deseños da Unión Europea e do Estado Español, que nos queren converter en meros consumidores de leite, carne e peixe que nos chegan a través dos grandes empresas da distribución alimentaria.
Paradoxalmente, case á mesma hora, na fin de semana, outro programa da TVG, neste caso de maior duración, “A Revista fin de semana”, cun contido máis urbanita e máis gastronómico-festeiro, adubado cunha pingueira de gheada hiperenxebrista, sortean, un lote de produtos “ibéricos”, co seu correspondente pernil de xamón e todo tipo de embutidos da Meseta, como se nesta terra non tivéramos produtos de idéntica ou maior calidade.
Nada novo, por outra parte, nun medio de comunicación público, que no canto de erixirse en defensora do noso País en toda a súa inmensidade, convértese no paradigma da Galiza imposíbel, da Galiza que non lle dá problemas a Madrid, como dixo Feijóo, na Galiza que non dubida en promocionar produtos agropecuarios ou culturais doutras latitudes no canto de velar polos nosos intereses. A TVG é a viva imaxe do noso goberno da Xunta e do partido que o goberna, que conscientemente levan a cabo unha política suicida, na procura de dinamitar as febles estruturas e a feble identidade deste pobo.
Pero do mesmo xeito que o PP leva a cabo unha liña política determinada, a contraria non só é posíbel, senón necesaria para a supervivencia de Galiza como entidade política e para acadarmos e mellorarmos o nivel de benestar social e económico de todos os galegos e galegas.
"As sardiñas volverían se os gobernos quixesen” di un debuxo do Álbum Nós de Castelao publicado en 1931. Este debuxo en particular ten, 81 anos máis tarde, plena vixencia, demostrando que a asfixia económica, social e cultural do pobo galego non responde a un feito conxuntural, é consecuencia do papel que xoga e xogou a nivel de Estado e da Unión Europea. O sector agro-gandeiro, a pesca ou a industria, pero tamén o sector financeiro afogan, esganados por deseños alleos á nosa votade. Mudar ese papel é fundamental para Galiza, pero pensándoo egoistamente tamén o é para cada un de nós. Na nosa man está!