Asasinada polo home. Rematada pola indeferencia
O día 8 de maio a violencia machista cobrouse unha vítima máis. A primeira do ano 2015 en Galiza. Puido ser a segunda, logo de que un celador intentase asasinar á súa ex-parella, unha auxiliar de enfermería do mesmo centro, o Hospital Povisa de Vigo, e que agora está a recuperarse das lesións, mais naquel caso, seguro que por azar, o agresor non conseguiu matala.
Non deixa de ser habitual que se intente buscar xustificación no comportamento dos agresores. Que se busquen denuncias previas, ordes de afastamento en vigor. Toxicomanías. Situacións persoais límite. Enfermidades mentais... Buscando algún tipo de xustificación que permita buscarlle unha explicación a un comportamento animal, fóra da lóxica humana. Mais no caso de María Isabel Fuentes o que realmente conmociona é que foi un asasinato que podía evitarse. No que unha cadea de erros na adopción de medidas e protocolos de protección non só non lograron protexer a vida de María Isabel, a cal xa fora ferida gravemente no mes de abril na agresión que sufriu no seu propio fogar, senón que un mes despois, foi rematada polo seu maltratador nunha cama dun hospital. A pesares dos indicios polos que estaba sendo investigado a parella da vítima, sospeitoso de cometer unha tentativa de homicidio, a ineficacia e pasividade, ben da policía, ou da xudicatura, fixeron que o asasino puidera rematar o que tiña pensado facer hai un mes. Gozou de tempo para planificalo. E ninguén llo impediu.
Estamos ante un caso evidente da falta de compromiso do estamento xudicial e policial, ante unha mostra da desprotección real que temos as mulleres. Por iso esiximos responsabilidades. Consideramos que non abonda coas campañas publicitarias, cos actos institucionais, con minutos de silencio. Estannos masacrando. A violencia de xénero é unha violencia estrutural que sostén unha cultura de dominación desde o ámbito privado, que reforza a orde establecida dentro do sistema patriarcal. As accións violentas son o resultado da idea de dominio masculino e dos valores que reflicten este poder sobre as mulleres. Unha cultura da violencia machista que é preciso erradicar.
Por iso debe poñerse en marcha un Plan de actuación integral contra a violencia de xénero que implique a todas as institucións. Onde a xudicatura, a fiscalía e as forzas de seguridade poidan poñer en práctica todas as medidas cautelares que consideren apropiadas para evitar erros como este, que poñen en perigo a vida das mulleres.
A loita contra a violencia machista non é unha prioridade na axenda política do Goberno galego. Nin tan sequera en período electoral lle preocupan as asasinadas, suspendendo actos de campaña como mostra de dor e solidariedade coas vítimas dun accidente de aviación, mais non cando asasinan a unha muller, por mor dunha cadea de erros por parte dos poderes públicos que deberan protexela.
O pasado ano foron sete as galegas asasinadas e non houbo unha soa comparecencia do Goberno galego reclamando un pacto co resto das forzas políticas, un xiro nas políticas dirixidas á igualdade, un incremento dos orzamentos e dos recursos destinados á loita contra este tipo de violencia.
As distintas reunións dos grupos de traballo convocadas polo Goberno galego no marco do Observatorio Galego Contra a Violencia de Xénero e no Consello Galego das Mulleres non son máis ca unha tapadeira, unha escusa de que está facendo algo, cando na realidade o que existe é unha falta de compromiso real coa igualdade de oportunidades, unha falta de aprecio ás vítimas, ás que nin tan sequera se lles dá o mesmo tratamento que a outro tipo de agresións e asasinatos. Organismos nos que se impediu a participación de colectivos e asociacións feministas que traballan con mulleres vítimas de violencia de xénero, nunha estratexia clara do goberno galego por ocultar as voces críticas coas políticas do Partido Popular.
Quen debera comparecer é o Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións públicas e xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, no Parlamento Galego, dado que é quen ostenta as competencias policiais, xudiciais e de igualdade adscritas á Vicepresidencia da Xunta de Galiza. Porque é preciso que se depuren responsabilidades e se fagan as correccións que sexan necesarias para que estes feitos non volvan repetirse.
Este feminicidio debe rematar. E para iso é preciso o compromiso explícito de quen ten a responsabilidade de garantir a protección da vida das mulleres vítimas do terrorismo machista.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.