As túas ordes son desexos para min

As túas ordes son desexos para min

Na miña infancia e adolescencia en Lugo -a miña cidade natal-, un dos entretementos que tiñamos era darlle a volta a refráns coñecidos. Eran refráns españois, como a lingua que falabamos. “Díjolo Blas, punto redondo” valíanos para substituírmos o nome do refrán polo de alguén a quen lle tiñamos manía, sobre todo se falaba categoricamente e sen opción a diverxencia. O híbrido de maior suceso era, sen dúbida, “A quien madruga, con el mazo dando”. Algo máis adiante, deunos por traducir ao galego e cantar a todo berrido cancións coñecidas: “Sempre que che pergunto que cando, como e onde, ti sempre me respondes: cecais, cecais, cecais [sic]…”. Poucos refráns galegos coñeciamos, por moito que viamos algúns escritos en, por exemplo, pratos de cerámica: “Ao catarro, dálle co xarro” ou un que nos amolaba moito: “Xente nova e leña verde, todo fume”. Estes, por certo, eran os “textos” permitidos e divulgados en galego: enxebrismo, pintoresquismo, tradición sen renovación. Máis tarde -e de boca de miña nai- coñecín o que, sen dúbida, teño polo meu refrán predilecto: “Non hai tolo sen idea”. Coido que condensa en cinco palabras a maior cárrega de sabedoría posíbel: relativismo moral, ecuanimidade, afán de comprensión do pensamento alleo, necesaria cautela no xuízo, prevención contra as aparencias… En fin, o que dá título a este artigo ben se ve que traduce e refai o refrán español “Tus deseos son órdenes para mí”. A inversión, como direi, non ten nada de inocente e explicarei por que me acordou e a propósito de que.

Estase producindo, no meu xuízo, unha máis que sintomática adaptación ao vocabulario político galego de termos-conceitos importados acriticamente desde o universo español que revelan moito máis do que unha transposición léxica. Interesa, a base de peta mediática, a mudanza conceptual, claro está. Vaiamos con un deles, que rexista unha amplísima frecuencia de uso (é a actriz máis cotizada!): a “cidadanía”. No sentido orixinal, a palabra reférese á condición de cidadán ou cidadá, e, como é ben sabido, a súa orixe remóntase á Revolución Francesa en que o conceito citoyen ou citoyenne varreu a condición de vasalos ou de súbditos e impuxo a nova natureza da pertenza social. Non por casualidade se titula lapidariamente o texto fundacional: Déclaration des Droits de l´Homme et du Citoyen (1789), como non por casualidade a Déclaration des Droits de la Femme e de la Citoyenne (1791) que Olympe de Gouges elaborou e elevou á Asemblea Francesa deu con ela no cadafalso. Así naceu, con esta amputación de xénero (nunca mellor dito: a cabeza da revolucionaria mencionada foi tallada pola guillotina), a grande invención da cidadanía. Hoxe, utilízase o termo de forma corrente non para designar a tal condición senón para nomear o colectivo: o conxunto de cidadás e cidadáns, para así, de paso, eliminar a mención do masculino e do feminino gramaticais. A partir de aquí, a metonimia forzada está servida. O conceito é o eufemismo fino de “xente”, que soa máis vulgar. Designa unha masa difusa ou imprecisa de idem, onde se borran dunha soa pasada clases sociais, intereses opostos, ideas antitéticas, servidores contrarios. Nun paso máis, faise recaír nela todo o peso das decisións e das escollas políticas: coartada perfeita para impoñer criterios preestabelecidos amparándose en que así o decide e así o quer a “cidadanía”. Non por casualidade o partido español nado e promovido descaradamente como leva de reemprazo do PP se fai chamar “Ciudadanos”, e non por casualidade se repite ad nauseam que o que importa son os individuos, as persoas, como se non houbese dereitos colectivos e nacionais que determinan claramente a posesión e exercicio dun dereito individual (o dereito ao traballo, a unha morada, a ficar no país, a practicar con normalidade e en toda a parte a lingua nacional, á opción sexual libre… e tantos outros). Sigamos. ¿O conxunto “cidadanía” inclúe o subconxunto militancia partidaria ou organizativa? ¿A “cidadanía” organizada, por exemplo, no nacionalismo galego ten dereito, ten opción a abrir a boca e facer valer as súas valoracións, as súas aspiracións, ou ha de agardar para sentar criterio a que se manifeste a “cidadanía”? Esta ¿pode referirse ao subconxunto de tecla-adictos con tempo e vontade de concentrar os seus pareceres nas redes sociais e considerar que isto é o equivalente a unha participación cívica merecente de tal nome?

Moi lonxe do meu pensamento xulgar que a representatividade cívico-política estexa vinculada só a elementos con cargos-responsabilidades orgánicas e/ou públicas de organizacións políticas. Ora ben, do mesmo xeito que continúa tendo valor o vello lema “A terra, para quen a traballa”, tamén a tan cantada “independencia” como mérito incontrovertíbel haberá de ter detrás algún mérito cívico, algún servizo a causas colectivas, algún traballo acreditado na defensa do que nos identifica como “cidadáns”. ¿Por que se enviou ao rocho dos trebellos vellos o “povo”? ¿Por que custa falar de galegas e galegos como conxunto definido? ¿Por que se foxe de concretar a que povoación nos referimos e con que propósitos claros?

En segundo lugar. Se non lle concede substantividade ao termo “galego-a” e á propria Galiza, fonte e destino de dereitos xurídico-políticos indeclinábeis, decontado tornan intercambiábeis por calquer outro conxunto, este si (os españois) recoñecido e imposto como tal na Constitución vixente. Se non se comeza por practicar dentro da propria casa política a soberanía de decisión e o principio da libre determinación, ¿acaso haberá capacidade para reclamar de outros que a respeiten e a defendan para a nación toda? ¿Que respeito se vai demandar para as decisións emanadas da Galiza se previamente se fai deixación desta capacidade? A ditadura-caradura político-mediática quer condenar o nacionalismo galego á “irrelevancia” (de ilusión tamén se vive!) ou ben, como moito, a consideralo un “elemento corrector” das políticas estatais-europeas máis brutas para coa Galiza. Linda hipótese! Agora resulta que viñemos a este mundo para sermos o tippex limpador dos únicos que seica teñen dereito natural a faceren política. Noutros casos da esfera españolista, concédeselle ao elemento galego a posibilidade do complemento circunstancial, do tinte local (“la unidad en la diversidad”, que novo!): agora toca tunear o vehículo para ver de o venderen mellor. Quen o conduce non se discute, claro está; en que competición, tampouco; para chegar a que podio, tamén non. Neocunerismo puro e duro, para quen o quixer ver. Quen, en troca, viver da ilusión (na semántica francesa da palabra), da confusión entre o capataz e o amo da explotación, poderá seguir incorporando novos estupefacientes á súa beberaxe. ¿Cantos séculos levamos arrastando os galegos unha penosa historia de pedichar adoito que o que manda se nos porte ben, se lembre de nós, nos trate con consideración e teña un pouco de “por favor” co que lle rogamos desde aquí? ¿É esta a “modernidade”? Demo fóra!! Un pormenor, a título de anécdota, moi pouco subliñado no seu día. No affaire da Deputación de Lugo, foi a Comisión Federal do PSOE (Madrid), encargada das listaxes, a que impuxo o candidato deste partido que había de substituír o imputado sr. Martínez para a presidencia daquela institución. “Palabra de Dios. Te alabamos, Señor” ou (voltamos aos refráns): “Díjolo Blas, punto redondo” (con “Blas” doadamente substituíbel).

En fin. Hai compatriotas, a título particular, como hai organizacións políticas, que terán que decidir se adaptan a si proprias o refrán humoristicamente refeito con que titulei este artigo. Porque moito diso hai na nova (?) política galega: converter en desexos as ordes de Madrid. Na miña primeira mocidade, isto chamábase submisión consentida, masoquismo light, como o que tanto combatiamos naquelas das nosas conxéneres que eran mulleres subordinadas a lle daren valor ás súas vidas sempre despois de que o varón de turno llelo recoñecese. Vaia por Deus!, tantas décadas pasadas para voltar ao mesmo. Roma locuta, causa finita (o latín presta inmellorábeis servizos para as conclusións solemnes): ¿até cando vai continuar semellante tradición de nefasta dependencia? Deixo á leitora-ao leitor que substitúan ao seu criterio a Roma imperial.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.