As tres soberanias
Na situación do Imperialismo Global a conquista da Soberanía Nacional é a pre condición para poder acometer a liberación social; non existe emancipación das clases populares sen liberación nacional. Para alcanzala, os pobos oprimidos que loitan pola liberdade, necesitan romper cos vínculos de subordinación dependentes da xerarquización imperialista. A loita patriótica antiimperialista pola autodeterminación e soberanía das nacións esmagadas constitúe hoxe a vangarda internacionalista da maioría social da humanidade, e porén, o cerne da loita de clases mundial.
Todas as nacións necesitan contar con un Estado propio para acadar a capacidade de decidir e poder exercer o dereito a autodeterminación, tanto nas nacións con ou sen Estado, coma no caso da Galiza. Nas nacións con Estado que son formalmente independentes, mais sometidas a Globalización imperialista, necesitan a Soberanía Nacional para poder construír un novo Estado con estes obxectivos. Nas nacións sen Estado como Galiza, o principio de auto organización popular é a única vía obrigada axeitada para a construción dun Estado propio, co que poder exercer a Soberanía Nacional.
O Estado multinacional, como Soberanía Nacional compartida entre nacións, obriga a cesión de parte desta, e porén, só é posible, desde a previa existencia da mesma, xa que non pódese ceder algo do que carécese. No caso do Estado español, isto é evidente.
Baixo a Globalización, os procesos de liberación nacional, incluído o galego, son contrarios aos intereses da cadea imperialista, e, xa que logo, son contra capitalistas por necesidade. O Imperialismo Unipolar atopa nas nacións soberanas os maiores atrancos a súa dominación e confróntase a estas para someter ou destruír aos seus Estados, co pretexto da defensa dos dereitos humanos, que na democracia capitalista fican confinados aos de unha ínfima minoría globalizada e cosmopolita. Os dereitos das maioría sociais que caen baixo a súa dependencia son esmagados. Xa que logo, na competencia dun Estado nacional cobra primordial relevancia a defensa da lingua, cultura e territorio nacionais para o mantemento do dereito a existencia dun pobo conformado coma Nación. Sen Soberanía Nacional, as liberdades e dereitos individuais son un mito para as inmensas maiorías dos pobos. Porén, os dereitos humanos non existen por enriba da Soberanía dos pobos, agás no capitalismo coma privilexios das oligarquías.
Amais, a Soberanía dunha nación fica indefensa malia que conte cun Estado formalmente independente, se os seus sectores económicos estratéxicos non están, cando menos, baixo o control do seu Estado. Porén, o Estado é o poder mediato do pobo nunha nación Soberana. Xa que logo, hai a necesidade ineludíbel da estatalización permanente destes sectores da economía nacional, que non deben caer en grupos privados que finalmente subordínanse a xerarquía do Capitalismo globalizado, comezando polo sector financeiro....
A nacionalización dos sectores estratéxicos, por si só, non supoñen a abolición do sistema económico social capitalista, aínda que é determinante para avanzar nunha economía auto centrada no pais. Debido a forte presión xerárquica do sistema capitalista mundial, baixo o poder das empresas transnacionais, é imposible manter unha economía autónoma, sen a cobertura do Estado propio.
A Soberanía popular é a apropiación do poder político e económico polas maiorías populares.Esta apropiación efectiva debe facerse dende os centros de traballo e residencia do pobo até o conxunto do aparello produtivo, mediante a asociación e administración obreira e popular, planificación democrática, autoxestión, co xestión, cooperativismo, como formas de propiedade e posesión nas que mantense a primacía do valor de uso sobre o valor de cambio nas distintas relacións sociais de produción nunha Democracia Política e Económica.
Sen Soberanía Popular, a larga a Soberanía Nacional é insostíbel e inevitabelmente remata baixo o poder imperialista.
O grado de acumulación acadado de forzas patrióticas do pais, perante un proceso de ruptura coa cadea imperialista, condicionan influíndo no nivel e vontade de participación activa do pobo nas funcións de goberno. O Poder Popular, o Goberno do Pobo polo Pobo, é a Soberanía Popular.
Dúas vías para a incorporación progresiva do pobo as tarefas de administración do pais son a Auto organización popular e a descentralización estatal. A nova tarefa de pulo da participación activa das maiorías sociais nos órganos estatais de Autogoberno do pobo, corresponde en gran medida as organizacións e movementos voluntarios populares e sociais; para iso, resulta necesaria a súa separación e independencia fronte aos aparellos estatais.
A incorporación activa do pobo as funcións do novo Poder Popular, non é posible sen a existencia dun marco de liberdades democráticas e a permanencia dunha burocracia estatal abafante.
A ditadura dunha minoría burocrática, por moi progresista que se presente, non pode manterse indefinidamente e na derradeira instancia subordínase ao poder capitalista mundial, para poder perpetuarse. Por iso, o Poder Popular debe poñer a burocracia ao seu servizo, cando menos, e nunca converterse nunha rede de clientelismo político pasivo da mesma, coma acontece co Bipartidismo nos Estados centrais capitalistas.
Nunha nación liberada, a Soberanía Individual xeneralizada, promove o crecemento político e cultural do pobo, impedindo que sexa patrimonio exclusivo dunha minoría liberada do traballo a costa da explotación das maiorías sociais. Para iso, é preciso un proceso de apropiación popular dos dereitos humanos fundamentais, socioeconómicos e políticos do pobo; dereitos que non son efectivos nos países colonizados e dependentes. No novo ordenamento xurídico- político estes dereitos deben estar garantidos para todos os homes e mulleres, sen exclusións, comezando polo dereito ao traballo, libre, remunerado e asociado; mudando progresivamente o “sistema baseado no Capital polo sistema baseado na Asociación” (C.Marx). Nesta categoría entran os dereitos das mulleres a igualdade de xénero e a dispoñer libremente do seu corpo, a xestión da maternidade e que esta non sexa un obstáculo para o seu desenvolvemento persoal. Dereitos socioeconómicos básicos como (soberanía alimentaria, vivenda, sanidade, educación). O dereito a participación na administración e control da actividade económica e política, en condicións de igualdade e liberdade, como dereitos inalienables do pobo.
Para garantir o exercicio da Soberanía Nacional é necesario que as maiorías populares do pais participen activamente na defensa dos dereitos humanos fundamentais; socioeconómicos e políticos, fronte as inxerencias alleas do exterior: pois no capitalismo, a democracia e as liberdades non son para as maiorías sociais, ou dito doutro xeito, son incompatíbeis cos seus intereses.
A Soberanía Nacional non é a Soberanía Popular, nin a Soberanía Individual xeneralizada, Mais sen Soberanía Popular hoxe a Soberanía Nacional é insostíbel no mundo xerarquizado polo Imperialismo, que inevitablemente remata baixo o seu poder. A Soberanía Individual é a base da Soberanía Popular e sostense na igualdade e liberdade efectivas do conxunto das e dos individuos dun pais, que os arma de auto estima e capacidade para poder exercer con liberdade a participación política e económica, dentro dun marco xurídico -político de solidariedade social.
A Soberanía Popular xunto coa Soberanía Individual conforman os alicerces máis sólidos da Soberanía Nacional.