As trabas do estudantado, a selectividade

Nesta semana moitos dos mozos e mozas galegas tiveron que facer fronte a un pago de cerca dos cincuenta euros. O motivo e poder saltar unha dos balados que o sistema nos impón no noso desenvolvemento cara a vida adulta. Se non for suficiente termos que render academicamente durante dous anos para acadar unha nota superior ao sete, vemos como se nos fai examinarnos en tres días de todos os coñecementos adquiridos neses dous anos. Xa non imos entrar na virtualidadedestes exames e a dignidade de probas como a do noso idioma. Proba esta última na que a maioría dos estudantes deixan de estudar a Literatura pois só conta dous puntos e non compensa estudala.
Mais que significa esta proba? Significa que teñamos que pasar tres días cos nervios a flor de pel, pensando na nota de corte que ten a carreira que queres facer, pensando no numero clausus que pode impedir que estudemos aquelo ao que nos chama o corpo e supón ter en mente se os nosos pais van ser quen de poder facer fronte aos custos de catro anos de carreira e un mestrado de nonpoder optar a unha bolsa.
Cando o que escribe fixo a PAU non tiñamos moito problema para acceder a maior parte das carreiras. Moitas delas non tiñan nota de corte e na maioría non se cubrían prazas. Esto non era porque fai seis anos foramos menos mozos e mozas que nos presentabamos se non que non había tantas limitacións para o acceso a universidade. O que escribe fixo a PAU en setembro. Hoxe é impensable. Un mozo que este ano remate o bacharelato só pode optar a unha bolsa se esta por riba dun 6,5 de media e se resulta que ten unha pendente para setembro e ten pensado egresar na universidade ... realmente eu mesmo formularíamo seriamente. En setembro a maior parte das carreiras fican pechadas para o ingreso, entra antes unha persoa que fixo a PAU en xuño e tes que facer o dobre de esforzo durante o verán para acadar mais nota, non tendo os contidos das materias tan frescos.
Se non for suficiente, os que aceden a universidade co selectivo de setembro, fano un mes despois do comezo das aulas. Un mes despois, nun sistema como Boloña que dende o primeiro dia tes avaliación continua e obrigatoriedade de asistencia a clase. Se empezas en setembro só podes optar a un de máximo de sete nas disciplinas da careira. Non son quen, dende o goberno, de facer o traballo necesario nin para construír ben un sistema por eles creado. Non adaptaron ao proceso de boloña o selectivo nen o bacharelato, comezando a casa polo tellado.
Mais falamos deste ano en curso, pois coa aplicación da LOMCE imporíanse reválidas que agravan esta situación e obrigan ao estudantado a elixir un itinerario prematuramente.
Mais a odisea do estudante só fai comezar no selectivo. Como xa dixen precisas dunha media de 6,5 para optar a unha bolsa e poder facer fronte aos custes dunha matricula e da estadía na cidade onde este a carreira que queiras facer. Esta bolsa, de cumprirse os prazos deste ano, é pagada en dúas veces. E se non coñeces partes da base que cha ingresaran, empezando en setembro, ao redor de novembro. Pois non. Este ano foron ingresadas a finais de febreiro principios de marzo a primeiracuantia. A segunda, en moitos dos casos, un mes despois. Imos ter que pedir a bolsa cun ano vista pa poder vivir o primeiro cuadrimestre.
As veces un pensa que o interese do goberno por formar os seus mozos e mozas quedou no caixón das facturas non pagadas ou foise a trituradora coas contas en negro do PP.
Tamén debemos ter en conta que o límite de prazas que presentan as titulacións do Sistema Universitario Galego son en moitos casos abusivas e non se adaptan ás características e necesidades de Galiza. Así como a intención de supresión de graos con menos de 50 estudantes no primeiro curso. Co que carreiras como Clásicas ou Galego e a maioría das inxerencias do campus de Lugo, vense abocadas a súa desaparición.
A non inversión na universidade,a redución do profesorado, o impedimento de contratación de novos doutores na universidade, a falta de medios materiais para a realización das practicas; son só algunhas das dificultades as que o estudante vai facer fronte neste período que comeza. E non vou facer referencia ao futuro uha vez rematada a carreira, que por mor do desgoberno que padecemos, non é outro que comprarnos un billete de avión.