As sociedades de fomento forestal (SOFOR): si, ou si

As sociedades de fomento forestal(Sofor), foron un proxecto estrela do Partido Popular, cando este, vai xa para oito anos, retornou ao goberno da Xunta de Galiza. As sociedades de fomento forestal (Sofor), coinciden coas Unidades de xestión forestal(Uxfor) en que propoñen unha xestión común de pequenas superficies de monte. Mais, diferenciándose en que as segundas soamente admiten titulares das terras, mentres que as primeiras, tamén admiten capital. E dicir, propoñen unha xestión soamente capitalista dos montes.
O Partido Popular, como sería admisíbel, non permite a existencia de estas dúas formas de xestión do monte. Aposta soamente polas Sociedades de fomento forestal(Sofor). De tal xeito que, nada mais retornar ao goberno, o Partido Popular, eliminou as Unidades de xestión forestal(Uxfor). O Partido Popular, expoñente do neoliberalismo, cre na competencia cando non atenta contra os intereses dos seus compadres. Mais, a pesar de esta postura política, a pesar dun bo número sucesivo de axudas para a constitución das Sociedades de fomento forestal (Sofor); axudas que acadan porcentaxes de 100%. A pesar de todas estas facilidades, o certo e que a dia de hoxe, parece ser que soamente hai constituídas 5 Sofor. Digo parece pois, certamente , non se sabe.
Se fixeramos un simil cunha tarefa para o aproveitamento de un cultivo ou para unha plantación, poderiamos dicir que o primeiro que fixo o Partido Popular, ao respecto das Sociedades de fomento forestal, foi preparar ou labrar o terreo.
A Consellería do Medio Rural, ven de sacar unha liña de axudas denominada “para o fomento da silvicultura en bosques do medio rural”, no marco do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural(Feader), e no marco do Programa Europeo de Desenvolvemento Rural–Galiza 2014/2020(PDR). As diversas actuacións que se poden levar adiante mediante estas liñas de axudas,serán subvencionadas ao 100%.
O primeiro que chama a atención e que o porcentaxe da axuda, acade o 100%, cando ate o de agora, o porcentaxe subvencionábel, soamente chegaba ao 70%. A que se debe esta cambio?. E que, por primeira vez, a Consellería do Medio Rural do Partido Popular, caeu da burra e aposta por acadar un medio rural vivo, onde os protagonistas sexan a veciñanza?. Difícil de crer. Ten que ter trampa. Ten que ter truco .
E claro que ten trampa. Claro que ten truco. A trampa e o truco, atópase no reparto do orzamento dedicado a esta liña de axuda. O orzamento total para levar as accións definidas na liña de axuda é de 6.000.000`00 euros. Este orzamento repártese do seguinte xeito; o 10% para montes de particulares, o 45% para montes veciñais e o 45% para as Sofor. É dicir, 2.millóns 700.000 mil euros para os montes veciñais e outros tantos para as Sociedades de fomento forestal. Dado que en Galiza hai unhas 3000 comunidades de montes, corresponderíalle a cada unha delas a cantidade de 900 euros. Pola contra, dado que en Galiza hai constituídas 5 Sofor, corresponderíalle a cada unha delas a cantidade de 540.000`00 euros. Fica claro que para o Partido Popular o ser compadre ten un valor engadido .
O descarado apoio do Partido Popular as Sociedades de fomento forestal,(Sofor), non remata soamente na distribución do orzamento da liña de axuda; continua nos criterios de prioridades para acadar a axuda. Así mentres que as comunidades de montes veciñais en man común que cumpran coa obriga de investir o 40% de todos os ingresos do seu monte en melloras do mesmo (obriga ilegal xa que aínda non se promulgou o decreto que regularía esta cuestión), acadarán 10 puntos, as Sociedades de fomento forestal soamente polo feito de estar constituídas acadarán 50 puntos.
Se seguimos co simil sinalado liñas arriba, poderiamos seguir dicindo que o segundo que fixo o Partido Popular, ao respecto das Sociedades de fomento forestal, foi sementarlle o cultivo ou plantarlle o arbore de balde. Logo virá a terceira parte onde as Sociedades de fomento forestal (Sofor), recolleran o froito: o cobro da subvención.
Fica claro que para o Partido Popular, as Sociedades de fomento forestal teñen que implantarse si ou si. Mesmo utilizando cartos europeos destinados ao medio rural. Cartos que, segundo a filosofía “teórica” da Unión Europea, terían que recaer nas persoas que viven, traballan ou xestionan o medio rural. Mais para o Partido Popular, a clave non se atopa nos principios, atopase nos intereses de clase, ou dito en clave mais vulgar, no compadreo.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.