As regras de xogo


Levamos moitos anos intentado novas alternativas políticas que respecten esa forma de goberno que tanto amamos e que, sen embargo, non é a que practicaron e practican os que gobernan desde a morte de Franco, os do bipartidismo (tanto monta monta tanto). Refírome, claro está, e falo, de democracia, palabra que como tantas outras, á forza de violar o seu sentido, pouco nos di hoxe, e ven ser unha especie de fórmula ritual que vale, sobre todo, para quen lle deron forma de proveito individual ou de grupo.
Animados e convencidos desa filosofía do goberno elixido polo pobo, caemos na trampa de nos afacer a ir vendo como natural a cambadela continuada de quen controla o poder económico, e de que as regras para diversificalo en función das necesidades do noso pobo sexan, realmente, as xustas e reais. É posíbel que quen batalla pola igualdade e solidariedade en todos os ámbito da vida poda chegar a dirixir gobernos que as practiquen? Hoxe e aquí, nas nacións europeas controladas na súa práctica real por tres organismos poderosísimos que ninguén elixiu? A vella Europa afoga no lameiro dos seus abusos para manter o sobreenriquecemento dos de sempre.

Quen teñen o poder económico marcan as regras. Aqui, na Galiza e no Estado español, o bipartidismo acabou por podrecer a base de anular os obxectivos colectivos e enriquecer os grupos de presión. Os aparatos xudicial, político e económico acabaron caendo nas mesmas persoas que se reparten a riqueza roubada á maioría. Só así se entende a febre autoritaria por privatizar todo o que é colectivo. Se o PP e o PSOE, dominan medios de comunicación e teñen cartos suficientes para ser na práctica os únicos en estar presentes desa forma abusiva nas campañas electorais que posibilidades lles quedan aos demais? Se os medios de comunicación elixen as noticias e os datos que as pregoan, mandados por catro empresas ianquis que a nivel mundial dominan ese mundo, como pode ser libre a xente para decidir democraticamente?

Se as campañas electorais se basean en quen teña máis cartos e non en quen teña ideas para beneficio colectivo, será posíbel confiar nos resultados? Se a corrupción parte tamén de aquí, por que campañas e xeitos de chegar á maioría da xente non teñen criterios de realización igualitarios e afastados dos intereses de quen é máis rico? Isto é democrático? A xente non pode elixir en base á propaganda, obviando ou descoñecendo programas e alternativas. Iso é comercio. Os debates públicos continuados poden abrir luces e preguntas. Por iso desapareceron tamén. Eu non podo ir votar co sobre que me deron na casa os propagandistas do engano e do poder ditatorial. Teño que collelo nas cabinas coñecendo ben o que fago e a quen elixo. Só así poderei rematar coa corrupción non dos partidos senón da propia sociedade que o admite por moito que berre.

O xogo dos partidos que se turnan no goberno cabalga soberanamente cara á ditadura . A corrupción está na propia lexislación aprobada por eles dous principalmente. A lexislación electoral, das entidades locais, das diversas institucións... ten como filosofía manter o goberno de dous e non reflicte a representación plural que existe na sociedade, nen os dereitos das nacións sen Estado. Nunca o PSOE regresará aos seus inicios socialistas porque aínda se nega a facer autocrítica profunda sobre os resultados de longos anos practicando a ideoloxía da socialdemocracia (nada mudou e nada mudará). A dereita, por outra banda, xa sabemos en que está montada: abuso, clasismo e control do individuo; abouro dos avances sociais e sometemento a un ideario tamén relixioso e imperial.E segue sen condenar o franquismo.

O sistema abusivo e reaccionario, explotador e nostálxico do medieval, derrúmbase porque está arrimado á mentira e á gañancia económica por riba de todo. Miremos a historia dos últimos anos que deron como consecuencia o que está a ocorrer neste momento e desmontemos peza a peza toda a mentira e control que se foi creando sobre a idea democrática. Que pareza iso ­ din os do sistema, pero que practique a imposición e o roubo. E isto é o que hai que destruír porque as contradicións chegaron ao cume do delirio. Hai unha sensibilidade grande no noso pobo a este respecto, e parece que os partidos que poden ser a nosa referencia, non se dan centrado de forma didáctica e constante na denuncia e loita deste xogo político con vocación de perpetuarse. Poden mudar algo as batallas nas intitucións cando o seu resultado non produce o cambio necesario precisamente porque as regras de xogo non o permiten?

A deshumanización e a burocracia imperan como norma, e o problema está tan profundamente arraigado que mesmo nos custa admitilo. Varrer o po da nosa casa é o natural, se queremos rematar coas arañeiras deste sistema caduco e esgotado. Porque se trata diso, de mudar para transformar, e iso é o que lles dá medo aos que defenden este sistema. Mais non a nós, que temos o papel de avanzar na conquista da nosa felicidade colectiva e levamos anos e práctica na tarefa. Que non nos rouben a ilusión: Nen a forza para renovarnos cada día.