As razóns do vexetarianismo
Como xa vén sendo habitual, unha advertencia previa: con este breve artigo, nin pretendo convencer a ninguén para que se faga vexetariana/o (mais se de paso iso ocorrer, mellor que mellor...), nin moito menos crear unha desafección masiva dun sector produtivo nacional chave (nin creo que iso ocorra...), senón expor algunhas das razóns principais que fan que cada vez máis persoas opten por non consumiren carne, desde cuestións individuais de saúde, até un compromiso propiamente político.
,
O certo é que os hábitos gastronómicos están intimamente ligados á cultura, e así tamén na Galiza. Mais tamén cómpre constatar que a cultura -como calquera cousa viva e dinámica- muda co paso do tempo. E co paso do tempo tamén se descartan (ou deberían descartarse) determinadas prácticas culturais que xa non se adaptan ás exixencias dunha cultura moderna, como por exemplo as touradas. Non hai, pois, ningunha razón para supor que non se pode exercer de nacionalista militante desde o momento en que se deixa de participar na matanza do porco ou de comer cachucha no Antroido. Ser vexetarian@ non é sinónimo de 'hippy' ou 'perroflauta guay': trátase, pola contra, dunha opción verdadeiramente revolucionaria no propio sentido da palabra.
O vexetarianismo ten moitas variedades, desde o máis puro veganismo que evita calquera derivado animal, incluídos ovos e leite, até o peixatarianismo que exclúe da dieta carnes vermellas e de aves mais non peixe. Hai quen di que o peixe e o marisco tamén son animais, e non lles falta razón. Tamén hai xente que prefire o pragmatismo ao dogmatismo, sobre todo nesta nosa cultura onde non comer carne segue a ser unha anomalía: cada un/ha coas súas incoherencias. Cada vez que escoito alguén cun anaco de churrasco entre os dentes comentar que o peixe é tamén un animal (procuro evitar comelo, mais non o exclúo), non deixa de me lembrar @s españolfalantes que se laian do galego 'deturpado' e 'contaminado polo portugués' que falamos algunhas persoas. Cando pasen ao galego, que opinen... En todo o caso, para alén de razóns relixiosas pouco relevantes na Galiza, son varias as razóns principais que levan a xente a optar polo vexetarianismo de calquera tipo, non sendo mutuamente excluíntes entre si. Vexamos.
Ao nivel individual, pode haber razóns de saúde: controlar o colesterol, reducir o consumo de gorduras saturadas de orixe animal... Unha dieta equilibrada sen carne non ten por que supor desequilibrios nutritivos. Todo o contrario. Así tamén se evita o risco de contaxio coa doenza de Creutzfeldt-Jakob por consumir carne de vacún ou contaminación con dioxinas por consumir carne porcina, bovina ou aviar.
Hai quen argumenta que o ser humano é carnívoro (máis ben omnívoro) 'por natureza', apelando á estrutura dos dentes, do tracto dixestivo, etc. Por unha banda, tal razoamento fica por ser demostrado de xeito tan tallante segundo parámetros propiamente científicos. Mais, por outra banda, aínda que for certo, acho que se trata dunha pista falsa: o ser humano moderno non se rexe polos impulsos da súa propia 'natureza' sen máis, senón por pautas sociais. Iso é, a capacidade de reflectirmos e dirimirmos sobre o apropiado ou non de determinados reflexos innatos é o que nos proporciona un sentido de 'ética' ou 'moral', en sentido ateolóxico. Este é o trazo fundamental que nos distingue dos outros animais.
Parte desta ética ten a ver coa nosa capacidade de empatía con outros seres vivos, que non se debería limitar aos nosos conxéneres humanos, mais debería facerse extensíbel ao conxunto dos seres sensíbeis. De aí deriva a categorización de quen tortura intencionadamente animais para o seu pracer ('zoosadismo', que abrangue tamén as touradas, combates de galos, cans, etc. por moi culturalmente arraigados que foren) como síntoma dunha sociopatía grave. E de aí tamén deriva a repulsa que senten algunhas persoas fronte ao sufrimento dos animais, incluídas as espantosas condicións da gandaría industrial baseada na obxectivización e mercantilización pura e dura dos seres vivos, mais tamén o seu 'sacrificio' co fin de se nutrir dos seus tecidos e órganos mesmo nas condicións máis 'humanas'.
Tamén existen razóns económicas: comer froitas, cereais, verduras e legumes resulta ser máis barato do que consumir mesmo a carne da peor calidade (cabe preguntarse, por outra banda, de onde procede a carne tan barata...). En tempos de crise non é unha cuestión menor para a economía daquelas familias con menos recursos. Mais as consideracións de índole económica transcenden a dimensión puramente individual, pois a gandaría necesaria para soportar hábitos cárnicos masivos ten implicacións para unha ecoloxía globalmente sustentábel e equitábel. É neste aspecto que quería centrarme aquí.
Eis, pois, algúns datos extraídos do libro The Food Revolution: How Your Diet Can Help Save Your Life and Our World (corroborados por estudos científicos independentes de prestixio internacional) que deberían dar que pensar:
- O uso da auga: a produción cárnica consome cantidades desproporcionadas deste ben esencial para a vida que escasea cada día máis neste noso planeta. Por exemplo, producir un quilo de patacas require 99,6% menos auga que a mesma cantidade de carne de vacún (23.700 litros). A recomendación de pechar a torneira ao lavar os dentes para aforrar auga parece irrisoria en comparación...
- Uso da enerxía: a gandaría consome cantidades desorbitadas de enerxía. Segundo as fontes consultadas, son necesarias entre 54-78 calorías de combustíbeis fósiles para producir unha caloría de proteína de carne de vacún industrial, fronte ás 2-3 calorías necesarias para xeraren 1 caloría de soia, trigo ou millo.
- Uso da terra: a gandaría require máis terra que o cultivo para o consumo humano debido a que o gando consome aproximadamente 16 veces máis quilos de cereais, etc. do que produce en quilos de carne. Aliás, 70% dos cereais producidos no mundo están destinados a alimentar gando, co correspondente aumento de herbicidas, pesticidas e outros insumos fitosanitarios. Alén diso, a propia FAO advirte do perigo que supón a expansión da gandaría para a acelerada destrución das forestas tropicais de América latina, coa conseguinte deterioración das condicións ambientais da zona (erosión do solo, etc.). Non nos escandalicemos tanto, pois, ante a tala de árbores no Amazonas...
Para alén das cuestións éticas que levanta sobre todo (mais non só) a gandaría intensiva, debería preocuparnos a contaminación causada polos xurros producidos pola industrialización da cría de certos tipos de animais, sobre todo de porcos, que xa hai anos leva traendo consecuencias importantes para países como a Bretaña, onde existen zonas onde fica prohibido o consumo da auga da torneira debido ao seu alto contido en nitratos. Sen falar dos gases do efecto estufa, pois, lonxe de se tratar dunha brincadeira, en 2009 dous científicos publicaron un estudo que cuantifica en 51% a proporción deste tipo de gases procedentes do gando: é que hai máis de mil millóns de reses bovinas no mundo, sen contar as outras especies...
Evidentemente, o cultivo intensivo de cereais transxénicos ou o abuso de adobos químicos non é mellor, polo que cabería apostar por unha agricultura extensiva e respectuosa cos recursos naturais de cada zona en sintonía coas demandas das poboacións locais, fuxindo así tamén do transporte contaminante e desnecesario de alimentos.
Por todo iso, o vexetarianismo non é só, pois, unha cousa de 'friquis', alleo a nós e á nosa causa. É unha peza necesaria de compromiso individual para unha mudanza real das relacións do ser humano co noso planeta, iso é, unha ecoloxía revolucionaria, respectuosa coa soberanía alimentar de cada país de xeito solidario, sustentábel e equitativo.