As pulseiras máxicas da "Power Balance"

As pulseiras máxicas da "Power Balance"

Desde que se puxeron de moda, moitísima xente famosa e "da rúa" anda con elas. Vendíanas -e véndenas- nos sitios máis normais: farmacias, grandes superficies, tendas de deportes,... Xa pasara antes con outros "produtos milagre". Seguramente lembramos as pulseiras magnéticas a xeito de torque celta que estiveran de moda nos oitenta e que se anunciaban como remedo para a dor, o cansazo e o nerviosismo: moitos famosos, Jesús Gil, por exemplo, levaban unha. E tamén moitas persoas maiores. Eran os brazaletes Q-Ray, de fabricación española, que a empresa denominaba "reguladores biomagnéticos" e que en 2006 recibiron un forte pau en EEUU ao determinar un xuíz federal que a xoia non tiña as propiedades terapéuticas que publicitaba e obrigando á devolución a 100.000 clientes do que pagaron, nalgúns casos até 250 dólares. No estado español, até 1987 levaban vendidas máis de 1.700.000 unidades.

As pulseiras máxicas "Power Balance" teñen sen dúbida un aspecto moito máis moderno e convincente que o que tiñan na as pulseiras magnéticas. Son unhas estreitas e lixeiras pulseiras de silicona que teñen no seu interior "un holograma de Mylar (aquí coñecido como PET, o plástico das garrafas de auga, por exemplo) que almacena frecuencias que reaccionan positivamente coa enerxía natural do seu corpo para mellorar o equilibrio, a forza e a flexibilidade", tal e como a describen na súa publicidade. E para rematala din sen reparo: "Cada obxecto deste planeta ten unha frecuencia que pode medirse con exactitude, Albert Einstein sabía que todo o Universo emite unha frecuencia única".

Estas pulseiras teñen todas as características típicas do timo dos produtos máxicos: fai referencia á enerxía/potencia no seu nome, introduce o termo natural, termos científicos incomprensíbeis na descrición, recurso á autoridade científica nomeando a Einstein, como se tivera algo que ver coas pulseiras, e introduce testemuños de xente á que lle funcionou de marabilla.

,E ademais de abusar da ignorancia, a confianza e a boa fe da xente, aproveitanse de debilidade da lexislación española. En abril de 2010 a asociación de defensa dos consumidores Facua denunciou á empresa fabricante. A única administración que actuou foi a andaluza, que impuxo a Power Balance unha multa de 15.000 euros!!! logo de teren vendido até maio do 2010 máis de 300.000 pulseiras en España a un prezo segundo o modelo de entre 30 e 45 euros. Un mes despois, en Italia foron sancionados con 300.000 euros. E por fin, este mesmo mes a empresa foi condenada en Estados Unidos por estafa e coa obriga de indemnizar con 57,4 millóns de dólares aos consumidores afectados polo timo.

Cando algo se presenta como científico, non sempre é doado saber se o é ou non o é, mais ás veces a distinción entre ciencia e falsa ciencia é moi clara, e cando pretenden vendernos a través da publicidade ou dos medios de comunicación un produto con propiedades curativas ou sanadoras co recurso á autoridade científica, debemos cando menos desconfiar. É verdade que a presión publicitaria e mediática é moi forte, e máis se se utilizan referentes de éxito social como Cristiano Ronaldo, Guti ou Belén Esteban para vendérnolo (e ben pagados por facelo). Ou se a usan Esperanza Aguirre, Patxi López ou a mesmísima ministra de sanidade Leira Pajín. Que imos facer nós, pobres mortais, máis que seguir os modelos sociais?

Como afirma Mario Bunge: "A superstición, a pseudociencia e a anticiencia non son lixo que poda ser reciclado co obxectivo de transformala en algo útil: trátase de virus intelectuais que poden atacar a calquera -lego ou científico- até facer enfermar toda unha cultura e volvela contra a investigación científica. O xurdimento e a difusión da superstición, a pseudociencia e a anticiencia son fenómenos psicosociais importantes, dignos de ser investigados de xeito científico e, tal vez, até de seren utilizados como indicadores do estado de saúde dunha cultura".

As pseudociencias son un conxunto de crenzas e prácticas carentes de base científica algunha pero que son transmitidas polos seus defensores inxenua ou maliciosamente como se fosen coñecementos científicos, aínda que non comparten coa ciencia nin o plantexamento, nin a metodoloxía, nin o corpo de coñecementos. Existe un amplo número de pseudociencias que gozan de boa saúde e incluso gañan credibilidade na nosa sociedade. Entre elas atópanse a astroloxía, a parasicoloxía, a ufoloxía, a quiromancia, e outras que actúan máis directamente sobre a saúde, con importantes consecuencias e perigos, como a sanación, a homeopatía ou as terapias magnéticas. Os seguidores das pseudociencias teñen un carácter sectario e un forte interese económico, unha importante influencia social e mediática, fundamentada en revistas e programas de televisión, pero tamén en personaxes influentes en culturas e crenzas tradicionais, como algúns "curandeiros", "bruxos" ou "adiviñadoras" que se aproveitan dos medos, a desesperación e a falta de formación científica da xente.

Este curso, a Universitat de Girona incluíu na súa oferta un curso de posgrao titulado "Saúde e Harmonía do Hábitat", con materias como Xeometría Sagrada ou relacionadas co Feng Shui. Grazas a unha iniciativa en internet conseguiuse hai uns días a retirada do curso pola presión popular, pero como denuncia a Asociación Española de Comunicación Científica, non é o primeiro caso no que se ofrecen en universidades formación en pseudomedicinas como a homeopatía, cursos de esoterismo ou incluso adivinacións como a astroloxía.

Un dos substitutos da pulseira máxica no mercado é o colar cuántico, contra o que Facua xa ten presentado denuncia hai uns días. Están fabricados con "minerais seleccionados polas súas propiedades naturais curativas e son quen de deter radiacións malignas". Tamén prometen un aumento da forza, da flexibilidade e da resistencia, co aval de supostos médicos que os recomendan e de descoñecidos estudos científicos que os avalan. E engaden que crean unha "nova limpeza da aura e a curación do chakra, mellorando o fluxo de enerxía dos meridianos". Aí queda iso! Que veñan os pioneiros da física cuántica e aprendan novas aplicacións inimaxinábeis das súas teorías!

Cada quen é ceibe para crer e mercar o que lle pareza, pero o que non é de recibo é o engano. Se mercamos unha pulseira máxica, debemos facelo sabendo e entendendo exactamente o que mercamos. Este tipo de produtos máxicos son un timo na medida que utilizan o recurso á autoridade da ciencia con mensaxes que non podemos entender e promesas falsas ao non estaren verificadas con rigor.

Aínda así, mentres sigamos crendo nos produtos milagre que nos venden os encantadores de serpes modernos seguiremos probando, mentres sigamos crendo que "total, mal non fai". Ou si?