As persoas xordas galegas falan español

As persoas xordas galegas falan español

Case o 3% da poboación do Estado en idade de traballar ten algún grao de discapacidade. E dous tercios desas case 900.000 persoas están desempregadas. Se, a maiores de discapacitada, es muller, a túa taxa de desemprego será 5 puntos maior que a dos homes.

Máis de dous tercios das persoas con discapacidade recoñecida legalmente son inactivas e a taxa de paro desas persoas é sensibelmente maior que o das persoas sen discapacidades.

O número total de persoas con algún tipo de discapacidade ou deficiencia alcanza mais dos tres millóns e medio en todo o estado e moi perto de trescentas mil persoas na Galiza (Fte: INE. Encuesta de Discapacidad, Autonomía Personal y Situaciones de Dependencia 2008).

Sempre seguindo a enquisa do INE sobre discapacidade, autonomía persoal e situación de dependencia do 2008 no Estado Español hai máis dun millón de persoas con problemas de audición e perto de 85.000 en Galiza.

A xordeira é unha das disfuncións mais invisíbeis das que poden afectar aos humanos. Na sociedade que vivimos, nas cidades, non chama a atención de ninguén que unha persoa non lle fale a outra no ascensor ou no autobús, e un non pensa na imposibilidade do outro para a comunicación, senón simplemente en que se non fala é porque non lle dará a gana. Pero as persoas xordas contan das moitas veces que se ven soas no vagón do metro indo para as cocheiras porque non se deron conta do chamado dos altofalantes para esvaciar o tren. Na actual sociedade das presas ninguén ten tempo para ollar se o da beira ten necesidades especiais.

,No grande descoñecemento das persoas "normais" polo mundo das persoas xordas dáse unha tendencia a pensar que a linguaxe de signos é universal.

Se cando viaxamos a un novo país e non coñecemos o idioma entendémonos cos nativos por xestos, ten a súa lóxica pensar que as persoas xordas poidan entenderse independentemente da súa orixe. Pero a linguaxe de signos, coma todas as linguas, ten características históricas, sociais, nacionais... que a fan diferente en cada lugar... agás en Galiza, onde as persoas xordas falan na linguaxe de signos española, porque non se desenvolveu no noso idioma.

Aínda que o Parlamento galego foi pioneiro en introducir a interpretación para lingua de signos dos seus plenos en internet en 2008, a realidade falaba nesas mesmas datas de menos de 20 intérpretes para toda Galiza, e un só centro oficial onde se poder formar como intérprete de linguaxe de signos, española, claro.
,
A situación mellora na medida en que as posibilidades de internet para a comunidade xorda son infinitas e a sociedade avanza na visibilidade e normalización das persoas con discapacidades funcionais, pero pese aos esforzos das asociacions de persoas xordas e malia a traducción para o galego das súas webs, o certo é que as institucións públicas van a paso mais que lento na normalización dos servizos as persoas dependentes.

E hai oitenta e cinco mil galegos e galegas, potenciais utentes da linguaxe de signos que, a maiores das súas disfuncionalidades sensoriais, teñen unha verdadeira discapacidade social: non poden usar o idioma galego para comunicaren.