As novas ensinanzas da FAES

As novas ensinanzas da FAES

A dereita española volve de novo a empregar ao ex-presidente Aznar como percusor para expor a súa idea real dun modelo de Estado asentado nun poder central, onde non ten cabida ningún asexo de descentralización ou autonomía, sequera no eido administrativo, xa non digamos no político.

Aínda que correspondeu a Aznar, instituído como líder do "think-tank" españolista FAES, desvendar o veo do pensamento da concepción unitaria que a dereita mantén sobre o Estado español, as súas reflexións obtiveron axiña un bo acollemento político, empresarial e mediático no espectro da dereita española. Seguindo as máis elementais normas da boa educación, convén ser agradecido a quen tanto lles dá de comer, á hora de fornecer de munición ideolóxica-política enténdase, e as ideas centrais do estudo titulado "Por un Estado autonómico racional y viable" tiveron un amplo reflexo nos medios de comunicación e mesmo serviron para reanimar ao Partido Popular a recuperar como unha parte fundamental do discurso a idea da uniformidade como alicerce da evolución no futuro do Estado español. Non foi casual, xa que logo, que a secretaria xeral do Partido Popular estivese presente -non sei se sería correcto dicir amadriñando- no acto de exposición pública dese informe, nin moito menos que nos escasos foros audiovisuais onde se escenifica o debate político, un dos temas estrela nestas semanas foran as disfuncións da actual evolución do modelo de Estado español, precisamente tomando de partida o disfuncional informe da FAES, e que se propuxeran como solucións máis reiteradas aquelas que van en liña coa idílica idea dunha España unitaria.

Seguindo a estela dunha estratexia xa ensaiada pola dereita con anterioridade, o enfoque argumentativo consiste en atraer para un contexto específico un concepto de alcance universal. Xa acontecera hai dous anos cando o Partido Popular en Galiza -sustentado tamén nun informe da FAES- enarborou a bandeira contra o galego esgrimindo a "liberdade", un valor asumíbel por calquera persoa e que se asociou sen descaro a unha concepción que propugnaba manter un fondo desequilibrio de dúas linguas en conflito, que outorgaba lexitimidade a unha situación de diglosia lingüística. O filósofo esloveno Slavoj Zizek lembra tamén, na súa obra En defensa da intolerancia, a figura construída pola dereita norteamericana nos anos de Reagan da "raíña da beneficencia", onde se caricaturizou a imaxe dunha nai solteira, de clase baixa, que se aproveitaba dos servizos sociais pagados por todos os contribuíntes no canto de tentar esforzarse para mellorar a súa situación, para xustificar as mudanzas nas políticas sociais centradas en retallar moitos dos auxilios e beneficios destinados a corrixir a exclusión e as desigualdades sociais.

Agora, para dinamitar as bases dun modelo de Estado descentralizado política e administrativamente (lonxe aínda lles fica o Estado plurinacional), están a aboar o terreo empregando a "eficiencia". Reflícteo ben un parágrafo introdutorio, no que facéndose eco da "situación actual de graves desaxustes fiscais e a crecente preocupación dos cidadáns sobre o destino e aplicación dos fondos públicos" chaman a atención sobre o "debate dos custes de ineficiencia que poden producir algúns modelos de xestión autonómica". De seguido, exemplifícanse en base a algúns supostos estas ineficiencias e descontrol do gasto público, sendo o máis chamativo a multiplicación por 17 dunha serie de institucións, sen deterse sequera a analizar as súas funcións, e mesmo se a súa desaparición tería que provocar, ben un colapso nas institucións centrais do Estado, ou ben ter que reforzar as mesmas -co custe engadido que implicaría- para atender con eficacia a carga de traballo que moitas das institucións autonómicas soportan.

Fóra de toda análise fica onde se concentra realmente o gasto atribuído hoxe en día ás Comunidades Autónomas. No caso de Galiza, arredor do 70 por 100 do gasto vai destinado aos servizos públicos básicos: sanidade, educación e servizos sociais. Isto é ilustrativo de como, nun timorato proceso de descentralización, foron os poderes descentralizados os que asumiron paulatinamente a xestión do servizos básicos da cidadanía, demostrando ademais responsabilidade e eficacia na asignación dos recursos públicos ao soster, incluso cun déficit histórico de financiamento como no caso de Galiza pola deficiente negociación dos traspasos, a maior parte da actividade asistencial e prestacional á poboación.

Tamén se elude que a maior parte da xestión das Comunidades Autónomas nos asuntos que teñen atribuída algunha competencia faise baixo un paraugas uniformizador, dada a existencia de abondosa normativa básica estatal que dita os trazos xerais e onde apenas se admiten modestas adaptacións sen introducir novos esquemas que permitan racionalizar o gasto. Podemos ilustralo cun suposto de actualidade: o catálogo de medicamentos que aprobou o Parlamento Galego para aforrar na factura farmacéutica, para ser máis eficientes no gasto sanitario, mais cuxa aplicación está supeditada á adecuación a unha normativa estatal. Eis como, malia a tentativa de racionalizar o gasto dentro da xestión dos orzamentos propios, as regras a aplicárense non son dispoñíbeis para unha Comunidade Autónoma, debe xestionar consonte o que lle ordena o Estado. Aínda sendo un simples exemplo que se trae a colación pola súa actual vixencia, poderíamos estendelo a múltiples eidos onde o gasto autonómico está practicamente dirixido, onde as facendas e xestores autonómicos non teñen máis remedio que autorizar e dispor gastos seguindo regras e instrucións determinadas polo Estado, isto é, o diñeiro público na súa maior parte vai a parar finalmente a onde o poder central estima oportuno consonte os seus intereses, pois cede a xestión das transferencias, non as normas que as rexen e que son as realmente determinantes para orientar o destino dos fondos públicos.

Aínda amola máis, que se obvie totalmente que é o Estado quen detenta a maior responsabilidade nos ingresos, en deseñar un esquema que permita obter un volume axeitado de fondos públicos en base a criterios de progresividade e redistribución equitativa das rendas por parte dos poderes públicos. Fronte aos grandes males atribuídos na parte do gasto ás Comunidades Autónomas, ningunha análise vai dirixida cara a xestión dos ingresos, onde as Comunidades Autónomas apenas teñen capacidade sobre un reducido grupo de impostos mentres que o Estado vén exercendo a súa competencia fiscal para drenar cada vez máis a capacidade financeira de todas as administracións públicas.

Non debería sorprendernos este actuar da dereita españolista. Xa vimos acostumados a que, perante asuntos complexos baseados en datos obxectivos, que poden ter un amplo abano de análises, aproximacións e conclusións logo dunha discusión racional, opten por impor unha narración da realidade que é a que mellor se axusta ao seu ideario ideolóxico-político, mais completamente afastada da obxectividade. Un método nefando que consideran, non obstante, infalíbel. Preparémonos a abortar este novo ataque á diversidade nacional do Estado español, cuxo camiño non pode ser outro que o de confrontalo coa nosa vontade de avanzarmos cara un modelo plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español, que sen dúbida, será o máis xusto e eficiente de cantos se poidan maquinar para gañarmos o futuro.