As nosas vitorias

Ultimamente as ondas puxeron de moda as tertulias, que antes lle daban prestixio a varios cafés nos que se reunía a xente para degustar a conversa e non para beber. Con elas as televisións fixeron prazas de touros dos seus platós. Dado que as corridas son alleas á nosa cultura, carencia que moitos españolistas botan de menos, o idioma galego non creou un vocabulario apropiado para este espectáculo macabro. Vereime obrigado, nalgún caso, a utilizar un léxico de importación, por falta de terminoloxía autóctona. Nas horas de maior audiencia os programadores soltan no ruedo catro ou cinco morlacos, contratados para matar a cornadas o protagonismo do lidiador de turno. As televisións galegas, de cobertura local ou nacional, tamén utilizan para a tertulia os horarios que antes reservaban para emitir pornografía. En realidade, entre unha e outra temática pouca diferenza existe. Polos platós pasan de vez en cando, como resulta lóxico, algúns representantes nacionalistas, non coa pretensión de darlle pantalla senón para metelos no burladeiro. Algunhas veces dálles resultado, sobre todo cando dan con muletillas. Pero ningunha res de trapío resiste os capotazos dun espada con experiencia. Vexamos por onde van as acometidas para esquivar o touro.
Un dos argumentos recorrentes dos adversarios é atacar o nacionalismo no terreo electoral, coma se os votos fosen o valor supremo da democracia e definisen a prevalencia do sentir español sobre a identidade galega. É un tema seguro que ao entrevistado lle vai caer no exame. Debe preparar a resposta con antelación suficiente. Nin eu, que algo sobre isto teño escrito, nin Risco, nin Castelao, nin Albert Memmi, lle imos cobrar dereitos de autor polas ideas que lle deberán servir para saír airoso do debate. Hai que colocar o interpelante no campo noso, en lugar de irmos lidar o touro no seu terreo. Vexamos como se desenvolve entón cando se vexa obrigado a rebater a teoría do colonialismo e do complexo de inferioridade que este conleva. Para negar o primeiro tería que borrar moitas páxinas da historia. As que España ignora e que permanecen intactas nos arquivos, algúns deles secuestrados nas bibliotecas españolas. Tería que esquecer os Mudarra, os Acuña, a castelanización do púlpito e da administración por prelados e mandatarios foráneos que a Coroa española colocou en Galiza. E da colonización derívase o aotoodio, o complexo que vai acompañar ao votante cando se achega ás urnas. Non é raro atoparnos, cando viaxamos por fóra, con paisanos que se esforzan en negar o país da súa procedencia. O que para os de alén se coñece como orgullo patrio é para os de aquén o pecado orixinal, pecado que só se pode borrar no baptisterio nacionalista. Que os contertulios sabichosos asuman esta evidencia se queren disimular un pouco a súa ignorancia. Falemos en termos filosóficos e chamémoslle ás cousas polo nome: o que cientificamente se chama alienación social. Os que renegan de Hegel e de Marx atópanse co mesmo concepto en Tomás de Aquino e nós teólogos medievais. Se os católicos enviaron misioneiros a terras de conquista foi para redimir os pobos alienados polo paganismo ou por outras relixións. A Igrexa non mediu a lexitimidade do credo polo resultado dos votos. Se aplicase este baremo América, a do norte e a do sur, seguirían adorando os ídolos primitivos, da mesma maneira que moitos de nós continuamos venerando os fetiches que veñen de fóra.
A importancia do nacionalismo hai que medila pola súa capacidade desalienante, para o que hoxe é sementeira algún día se traduza en flor. Se polas urnas fose seguiríamos chamando Niño de la Guía a Niñodáguia, e Monte Gallinero a Monte Aguieiro. O grafitti nacionalista restaurou unha toponimia que os votos ignoraban. Os morlacos da televisión presumen de entendidos en estatísticas, de leguleios, de versados en porcentaxes macroeconómicas, pero amosan unha ignorancia supina en socioloxía. Como acomplexados que son pretenden facer retroceder o nacionalismo ao complexo que eles foron incapaces de vencer, tratando de ocultar en sofismas a súa traizón á identidade do país. Por exemplo, exaltando o nacionalismo catalán só cando este lle vale para relativizar o noso. Fagamos da comparación grillóns da súa dialéctica. Non abonda con apelar ao distinto grao de conciencia nacional se non se explica a causa da desigualdade, que só se pode entender a través dunha interpretación de clase. É a nosa unha lingua proletaria, á que lle puxeron rima os versos de Celso Emilio. A proletaria en Cataluña é o español, introducida polos obreiros e polas criadas procedentes de Andalucía e de Aragón. É a deles, dos cataláns, unha nación dependente pero burguesa. A nosa é unha nación proletaria. O calificativo non é un invento da UPG. Tomeino da pluma de Vicente Risco, cando o promotor da dereita galeguista non sucumbira aínda ao terror dos sublevados. Veremos entón que o venabre se volve en contra de quen o dispara, tendo que recoñecer o que pretenden negar: o carácter e función colonial do noso país.
,
Visto é que os miuras das tertulias bufan agresivos cando se enfrentan a muletillas procedentes das capeas. Cravémoslle o estoque no morro e xa veredes como recúan. Considéranse galegos, pero procuran acomodar a súa fala e os seus costumes e pensamentos aos hábitos dos conquistadores. Empéñanse en considerar galegas as sucursais dos partidos españois. Vén sendo como chamar galega á empresa Carrefour. Cunha pequena diferenza. Esta vende aquí a mercadoría que trae de fóra. As sucursais dos partidos toman a Galiza como mercadoría para revendela a baixo prezo no mercado madrileño. Razoemos con sentidiño. Imos extrapolar o argumento. Só se pode chamar angolano un partido con programas feitos á medida exclusiva de Angola e non de todo o continente, nin sequera dos países que forman parte da lusofonía. ¿Existen alternativas ideolóxicas ou programáticas diferentes entre a matriz e a súa sucursal? ¿Produciuse algunha vez unha fractura de voto en Madrid en temas asumidos aquí polo mesmo partido? Lémbrome dos meus tempos de deputado no primeiro Parlamento Galego. Debatíase unha moción relativa á absorción de Fenosa por Uesa. A sesión houbo que retrasala un pouco agardando a aterraxe do avión que traía a gravación en casete para a intervención dunha sucursal. Madrid non se fía de fotocopias. Quere que o súbdito siga ao pé da letra o texto orixinal. A práctica da casete permanece en voga na actualidade. É a forma que ten de impartir consignas á periferia un partido noviño do trinque, que reproba a casta e pon a énfase no protagonismo das bases.
Sería lóxico que os partidos que renegan da plurinacionalidade do Estado chamándolle feito diferencial reflexasen tamén as diferenzas nos programas e na disciplina. Non pode haber autonomías territoriais se non existe autonomía dos partidos que as representan. O único matiz permitido á sucursal está nas siglas. E mesmo así, para que non haxa falsas interpretacións e alguén poida considerar galego un partido que opera aquí o PSOE curouse en saúde. Meteu a preposición diante do G. De Galiza e non galego. Igual ca o PCE, internacionalista el, que segue chamándose de España e non español, a diferenza dos correlixionarios franceses, portugueses ou italianos, que se identifican polo xentilicio. En ambos casos, a matización pretende evitar toda interferencia do territorio na ideoloxía. No caso de Galiza a engádega na sigla aínda ten un pase. Máis problemático resulta o E de Euskadi, pois pode parecer unha redundancia de español. O C de Cataluña non pasa dunha simple brincadeira, dado que se pode interpretar coma un "Viva Cartagena". Non sei por que se empeñan estes avogados do demo e da Silveira e buscarlle patria a quen renunciou a ela. Quen repica no campanario non pode ao mesmo tempo desfilar na procesión.
Pasemos a outro tema e contemplemos o striptease ideolóxico que algúns tertulianos exhiben no plató. Vou empezar pola condutora dun coñecido programa. Polo que lle levo visto debe circular aínda limitada polo L. Quizais teña complexo de novata, e por iso prefire burros grandes aínda que non anden. Para achicar a importancia das que se celebran aquí saca a relucir as manifestacións de Madrid. Pásalle o mesmo ca os que mercan lotería da capital, coidando que son décimos agraciados pola sorte. De contas e de números anda mal. Botando man das porcentaxes entre a poboación española e a galega, ningunha concentración da Porta do Sol supera ás que o nacionalismo leva todos os anos á Praza da Quintana. Nin tampouco iguala á celebrada o pasado día oito en defensa do idioma. O problema é que hai moitos ilustrados que seguen contando polos dedos e medindo polo vulto e non entraron no sistema decimal. E o valor do nacionalismo non se mide por libras senón por quilates.
A pretensión deste artigo era apartar o nacionalismo da dialéctica na que os que o atacan queren acurralalo. Non sei se o conseguiría. Picando o anzol corremos o risco de mudar de estratexia, buscando exclusivamente nas urnas o que estas non poden aportarnos. Levantemos os ollos e ensanchemos o horizonte. Digámoslles aos depredadores da nosa identidade que se hai televisións que algunha vez falan en galego non é por amor ou iniciativa dos locutores, que cambian de idioma en canto viran as costas á pantalla. Tampouco subiu a nosa lingua á tribuna parlamentaria polo interese de políticos que utilizan o español como vehículo social nada máis baixar do estrado. Tanto a uns como aos outros non lles negamos a condición de galegos a tempo parcial. Pero só os nacionalistas son galegos full-time (a tempo completo). Non todas nin suficientes, pero algunhas prazas o nacionalismo ten reconquistado. Estas son as vitorias coas que debemos combater aos que pretenden vencernos con derrotas.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.