As múltiples e singulares formas do elemento líquido

As múltiples e singulares formas do elemento líquido

Aquí pasou o que pasou, diría aquel vello político. E o que pasou foi que unha mañá calquera acordamos coa nova de que Beiras, ao contramán do que viña proclamando desde hai anos, manifestábase abertamente sobre a incapacidade do noso país para chegar a algo por si mesmo. “A quen se lle ocorre que Galiza poida liberarse por si mesma?”, sentenciaba o outrora indiscutido líder nacionalista. “A vostede mesmo até hai quince días” había ser a resposta máis apropiada, digna do mesmísimo Pero Grullo se tal personaxe tivese, en contraste con algúns mortais, un mínimo de memoria.

Este brusco xiro argumental, aquí resumido neste momento concreto, representa un punto de inflexión no devir do discurso nacionalista. É un salto atrás, que non pode ser entendido senón á luz da característica que con bastante insistencia se proclama como signo dos tempos, como propia da sociedade, das organizacións e do pensamento de hoxe: a liquidez. Esa liquidez que está a entrar de cheo no argumentario do que, tamén tan confusamente, se dá en chamar nova política.

Postos aquí e agora, podemos revisar algúns máis dos feitos prácticos atribuíbeis ao novo e líquido contexto. Non teremos que ir demasiado lonxe no tempo nin forzar moito a memoria. A modo de exemplo, observamos como unha certa e tradicional crítica á tibieza co que o nacionalismo maioritario encaraba a autodeterminación e a independencia veuse transmutar nun apoio incondicional a posicións declaradamente constitucionalistas e estatutarias. A promesa manifesta de non cometer de novo o erro dos pactos de goberno co PSOE transformouse no entendemento de tais pactos como imprescindíbeis. A consideración de paracaidistas que lle se acostumaba dar aos visitantes foráneos nas campañas electorais converteuse no convencemento da súa comenencia. A declarada preferencia por organizacións asemblearias xestionadas de baixo á cima plásmase na real existencia de estruturas ditatoriais adobiadas de ceses fulminantes, decisións inapelábeis e nomeamentos dixitais. Ruptura, casta e partidos sistémicos son xa fitos argumentais pasados, meandros que fican atrás no curso deste líquido río, lugares aos que xa vai ser difícil voltar e que son substituídos por novos e contraditorios referentes.

Confeso que o significado práctico do totémico concepto aínda se me escapa. Se por liquidez entendemos a capacidade de adaptación ás circunstancias, a necesidade de modular a mensaxe, a forma ou a estratexia dunha determinada organización para lograr unha maior penetración social, sospeito que hai alguén que, xunto co concepto, cre estar inventando a pólvora. Se baixo o cualificativo de líquido se esconde a patente de corso para lexitimizar o todo vale, o fenómeno resulta moito máis entendíbel.

Ademais, sorprende a vindicación explícita da liquidez por varias causas. A primeira é pola súa eclosión precisamente agora, se o concepto leva andando polo mundo case vinte anos, cando foi creado por Zygmunt Bauman. A segunda, máis rechamante, é que nin sequera o seu creador concibe tal liquidez como algo necesariamente positivo, senón como o produto do triunfo histórico das leis de mercado e das novas tecnoloxías sobre unha sociedade de referentes estábeis e alternativas concretas, agora practicamente carente de modelos de cambio. A terceira ten que ver coa mudanza de valores que, en moitas persoas, supón considerar a liquidez como o estado desexábel, en contraste coa solidez. Até agora o valorado eran as persoas, as organizacións, os argumentos sólidos, e perder solidez equivalía a perder fiabilidade. Agora parece non ser así.

Pero a atribuída liquidez da sociedade actual relativízase diante da teimuda solidez dos grandes feitos. Sólidas por inmutábeis son, por exemplo, a estratificación da sociedade, a persistencia das clases sociais aderezada hoxe coma sempre por criterios étnicos e culturais, a concentración da riqueza e o sacrificio de centos de millares de persoas pobres, a perpetuación da inocua caridade como substituto da xustiza, o control das mentes baixo unha ou outra forma ou a destrución física de nacións enteiras xunto cos seus habitantes por caprichos imperiais. E, no que a nós respecta, a solidísima continuación do deseño histórico de reducirnos culturalmente á nada, despois de facernos crer que somos incapaces para calquera cousa, incluído liberarnos.

-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén
.