As mulleres, vítimas e administradoras da pobreza

As mulleres, vítimas e administradoras da pobreza

Nas tres últimas décadas do século pasado incrementouse enormemente a participación das mulleres na economía formal. A pesares disto, actualmente a forza de traballo segue a estar segregada por sexo en todas as partes do mundo, existindo empregos de homes e empregos de mulleres, salarios de homes e salarios de mulleres, e condicións de traballo de mulleres e de homes. Por moito que a lexislación pule pola igualdade, e sancione as discriminacións, o certo é que aínda hoxe, en pleno século XXI, existe e perdura a desigualdade.

A taxa de actividade das mulleres varía ao longo do ciclo vital de xeito moi acusado: mentres que nos homes a plena actividade esténdese desde os 25 aos 55 anos, nas mulleres a máxima alcánzase no grupo dos 25-29 cun descenso brusco a partires dos 50 anos. A máxima actividade correspóndese ao período vital anterior á maternidade, mentres que as mulleres maiores de 50-55 anos son o reflexo dunha época de baixa inserción laboral. Así, a relación do traballo retribuído feminino con responsabilidades familiares obsérvase ben ao analisar o estado civil, onde as separadas e divorciadas teñen altas taxas de actividades e as casadas a mínima, sen que os homes se vexan afectados no seu nível de actividade por razóns do seu estado civil.

A segregación das mulleres no mercado de traballo pódese medir a través de indicadores tales como os salarios percibidos, o tipo de xornada e os tipos de contrato. Por unha banda, as ganancias totais percibidas polas traballadoras son menores á dos homes, especialmente nas profesións tipicamente femininas. Por outra banda, a maioría dos contratos a tempo parcial son subscritos con mulleres. E se a xornada vese reducida para poder atender ao coidado de familiares dependentes, case a totalidade deste tipo de solicitudes recaen nelas.

En canto ás relacións laborais, destaca a gran proporción que traballan en empresas sen soldo, de xeito que a súa aportación produtiva é considerada como unha axuda familiar ao traballo principal, como tamén é de destacar a súa modalidade contractual: descontinuos, temporais, a tempo parcial, de substitución ou verbais. A maior parte destas figuras laborais teñen en común que os horarios son máis reducidos (o traballo descontinuo ou estacional supón só algúns meses de traballo en sectores como o agro, hostalería, turismo, industrias agroalimentarias e conserveiras, o resto do ano son traballadoras do fogar a tempo completo). O traballo a domicilio é outra modalidade que non se recolle nas estatísticas (sector da economía informal) e que é feminizado como ningún. Todos teñen en común facilitar ás mulleres unha mellor organización dos tempos para compatibilizar vida familiar e laboral.

A alternativa á situación de precarización no mercado laboral e de sobrecarga de traballo que soportan a maior parte das mulleres que realizan traballos retribuídos teñen que vir polas medidas de conciliación, xa que ate o de agora concretáronse en realizar traballos específicos con horarios reducidos ou flexíbeis (traballos a tempo parcial, descontinuos, temporais, a domicilio, etc.); polo escaso emprego dos servizos sociais no coidado de persoas dependentes (ben por pola dispersión xeográfica, pola insuficiencia dos recursos, pola inadecuación dos horarios das escolas infantís e dos centros de día e residencias para maiores e persoas con discapacidade, etc.); pola existencia dun pacto interxeracional de axuda mutua entre as mulleres (as avoas coidan das netas e dos netos, e as fillas coidarán delas cando estas non poidan facelo por si mesmas); e debido tamén a cambios moi lentos e insuficientes da participación dos homes no traballo doméstico e na contratación doutras persoas (case sempre mulleres) para realizar este traballo.

Sorprende que aínda hoxe non se recoñeza a importancia conceptual e política do traballo non remunerado. Politicamente, o descoñecemento da súa asistencia significa o sesgo de todas as políticas sectoriais que se basean na súa dispoñibilidade sen recoñecelo expresamente (políticas sanitarias, educativas, de transporte, alimentarias, de seguridade, planes de pensións, políticas fiscais, etc.). Conceptualmente, a integración do traballo non remunerado na análise económica esixe un cambio case revolucionario respecto a análise tradicional, e así o concepto de valor ou productividade, por exemplo, requiren nova formulación. Se o traballo non remunerado das mulleres se incluíra no PIB, outorgándolle a cada hora de traballo o valor medio do traballo remunerado, o PIB aumentaría máis dun 90%.

O control masculino dos recursos efectuado pola seguridade social, o sistema fiscal, e o sistema de emprego dun país permite que siga aumentando o risco de pobreza das mulleres, especialmente como nais, traballadoras a tempo parcial e traballadoras domésticas non remuneradas, en comparación ca os homes. Porque avulnerabilidade das mulleres á pobreza débese a unha relación entre a produtividade económica e o coidado. Este subordina á produción económica e as mulleres que teñen a responsabilidade sobre o primeiro vólvense dependentes, ben dos homes, ben do sistema público de asistencia social. E á súa vez, a asistencia social subordínase ás alturas dominantes da economía. Por conseguinte, as prestacións da seguridade social, das que dependen moitas mulleres, son con frecuencia moi inferiores ao umbral da pobreza, están sometidas a fluctuacións en función do estado da economía, e case invariábelmente son inferiores ao salario mínimo.

As solucións pasan porque o sistema da seguridade social e asistencia pública garantan o incremento da axuda financeira dispoñíbel para as mulleres e as súas crianzas, moi por riba do umbral da pobreza. É preciso tamén que homes e mulleres compartan de xeito igualitario as responsabilidades polo traballo remunerado e non remunerado. E finalmente, é necesario reavaliar a importancia das tarefas do coidado e a súa relación coa produción económica.

Como vemos, os efectos da pobreza sófrense e reprodúcense especialmente, aínda que non exclusivamente, no marco do fogar. E quen as somete ao exame político do funcionariado do aparato de asistencia social do estado, soen ser tamén mulleres. As mulleres, en definitiva, non só son vítimas da pobreza nunha porcentaxe desproporcionada, tamén son as súas administradoras.