As mentiras masivas de Pilar Farjas
Durante o tempo que a actual Conselleira de Sanidade Pilar Farjas ocupou un asento no Pleno do Concello da Coruña, o seu tema estrela foi o botellón. A actual responsable da sanidade galega tivo a honra de ser a persoa que máis intoxicou a opinión pública, facendo demagoxia e criminalizando a mocidade.
A concentración de miles de persoas en dúas prazas da Coruña, nas madrugadas da fin de semana , foron o detonante.
Os máis de 15 anos que as/os veciñas/as da Praza do Humor levaban soportando o ruído nocturno, co feito de que o PP se atopaba na oposición tanto na Xunta de Galiza como nos Concellos de importantes cidades axudou a que, durante meses o principal problema do país, para algúns medios de comunicación, fora o botellón.
En aquel momento parecía que a saúde futura da nosa mocidade era "cuestión de estado" e que de súpeto, ninguén tiña na casa nin coñecía algunha moza ou mozo que frecuentara unha concentración das características do botellón.
Ao mesmo tempo que se escoitaba o enfado razoable das/os veciñas/os que reclamaban o seu dereito ao descanso, comezaron a xurdir voces como a da Sra. Farjas que consideraba que na prohibición estaba a solución, a todos os males. Chegaron a dicir que había que facer unha ordenanza que prohibise a circulación de persoas a certas horas pola rúa.
Diante da negativa do BNG a asumir a reclusión da mocidade en non sabe que tipo de instalacións, ou a idea de que a mocidade estaba toda alcoolizada, pois ir a un botellón era sinónimo de sufrir dependencia a todo tipo de drogas (legais e ilegais), a Sra. Farjas acusounos de promover o consumo de drogas, o vandalismo e de algunha catástrofe ecolóxica que os/as mozos/as seica provocaban cada noite nos Xardíns de Méndez Núñez. Unha líder veciñal chegou a presentarse na Concellaría de Mocidade con un libro que recolle todas as especies arbóreas que existen en ditos xardíns.
O "grande conflicto" casualmente non era só na Coruña. Outras cidades do país tamén sufriron ao mesmo tempo unha manipulación masiva por este tema. Mesmo en concellos pequenos que nunca na vida tiveran un botellón, os alcaldes do PP ameazaban con prohibir o consumo de alcol na rúa. Non sei que pensarían as/os súas/seus veciñas/os se a comisión de festas non puidese colocar o seu posto de venda.
Á hora de afrontar o problema real, o nacionalismo foi o único en artellar propostas unificadas. A idea principal era conciliar o dereito ao descanso das/os veciñas/os, coa libre circulación de persoas e de usos dos espazos públicos, tendo en conta a necesidade de dar alternativas a mocidade que non estiveran relacionadas co consumo de alcool e desenvolver propostas nos eidos da educación e a prevención.
Neste contexto na Coruña apróbase a "Ordenanza local para regular a convivencia e o ocio no espazo público". Esta norma criaba a figura do Espazo de Especial Protección, no que a concentración de persoas entre as 10 da noite e as 7 da mañá quedaba prohibida.
O PP como non podía ser doutra maneira opúxose, porque non prohibía o botellón. A solución, a aquela altura na Coruña era acotar un espazo único no que se puidera facer botellón. O mesmo medio de comunicación que defendía esta proposta na Coruña, acusaba aos/ás compañeiros/as do BNG de Pontevedra de criar un "botellódromo". O noso Portavoz Nacional, Guillerme Vázquez pode dar fe de aquela esquizofrenia mediatica que tivemos que soportar a comezos da actual lexislatura municipal.
Foi "célebre" un artigo da actual Conselleira de Sanidade no que destacaba que, para rematar co gran problema de consumo abusivo de alcol, o concello debía implementar "programas de inspección y control de la venta de alcohol y de calidad de las bebidas que se dispensan en colaboración con la Consellería de Sanidad y con el Instituto Gallego de Consumo; proyectos de educación para la salud para alumnos y padres a realizar en nuestros centros educativos, en colaboración con la Consellería de Educación" ademais de " un Plan de Ocio alternativo con financiación suficiente".
Meses máis tarde da publicación deste artigo, a Sra. Farjas é nomeada Conselleira de Sanidade e aos poucos días anuncia que a lei de racionalización do consumo de alcool, que se incluía no proceso de modificación da Lei de Drogas de Galiza, estaría lista antes do 27 de xullo de 2009, cando se cumprían os primeiros 100 días de desgoberno de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta. Ademais, precisou que a norma restrinxiría tamén o consumo de bebidas espirituosas na vía pública, co fin de loitar contra o fenómeno do botellón entre a mocidade.
Ano e medio despois de ter anunciado que en 100 días remataban co botellón en Galiza, presentan un proxecto de lei de prevención do consumo de bebidas alcoólicas en menores de idade, que contradí a opinión dos especialistas que inciden na autoresponsabilización e en abordar o problema doutras adicións e a outras idades. Un texto en definitiva no que unicamente se fala de sancionar e para nada na práctica de educar e previr. Ademais, esta nova norma, considera a Consellaría de Sanidade unha mera redactora do regulamento sancionador, caendo todo o peso nos concellos aos que non aporta programa algún.
Na cidade da Coruña, salvo casos puntuais, o tema do botellón deixou de ser noticia. Chegou con que o PP alcanzara o goberno da Xunta de Galiza para que nunca máis se falara do tema. Neste tempo que levan gobernando, non saíu do goberno da Xunta de Galiza nin unha soa proposta para a prevención do consumo de drogas en Galiza.
Os programas de prevención tanto no ámbito educativo formal como non formal así como o programa Noitenova que desenvolve a Concellaría de Mocidade do Concello da Coruña, seguen sen contar coa axuda nin implicación da Xunta de Galiza e da súa Consellaría de Sanidade. Debe ser que a Sra. Farjas agora está moi ocupada en organizar a visita do Papa e xa non lle preocupa a saúde da mocidade, na cal non inviste nin un só euro.