As manadas das redes

Aínda estamos en shock co caso Verónica, unha traballadora dunha fábrica que se quitou a vida porque a súa ex-parella e compañeiros de traballo difundiran un vídeo sexual seu. A difusión de imaxes privadas sen autorización da persoa afectada cando se viola brutalmente a súa intimidade é DELITO, gravarse polo de agora non, había que aclarar isto porque parece ser que hai quen non o ve así, outra vez volvemos poñer o foco de atención na vítima e culpabilizándoa. Outra vez.

O longo da nosa existencia, sufrimos violencia de todo tipo, agora sumémoslle a violencia cibernética que é a que máis desapercibida pasa. A influencia que se transmite a través das técnicas audiovisuais, reproducen estereotipos de xénero tradicionais, posicións sexistas e utilización da muller como obxecto sexual. As xeracións cambiaron a forma de comunicarse, pero o substrato de fondo segue a ser o mesmo. Tiven que buscar o significado de palabros escritas noutro idioma como sexting, stalking, grooming, ciberbulling, etc.. para darme de conta da inmensidade que hai detrás da tecnoloxía. Eu, que alucinaba con algúns capítulos de Black Mirror pensando que eran tremendamente esaxerados, que non podía estar mostrándonos o lado escuro da tecnoloxía, que non nos poderá afectar ou alterar a nosa vida con consecuencias impredecibles e aterradoras. Futuros improbables, vidas distópicas , pero si, nada máis preto da realidade.

Nunha sociedade con tan poucos escrúpulos éticos, morais e denostada frustración, normalmente asociada á falta de educación e principios, a tecnoloxía converteuse no linchamento ou vinganza do século XXI, nin sequera é preciso que sexan imaxes reais, información falsa ou non contrastada, aquí todo vale con tal de ferir ao outro/a quen en ocasións xa sufre ou é débil por natureza. Outórganse esa inmunidade e banalizan como si fose un dereito de liberdade de expresión para transgredilo. Estes portadores de fachos virtuais son un bo exemplo da saúde desta sociedade actual que carece de moitas cousas, pero sobre todo de valores. Para poñervos un exemplo clarísimo do deterioro desta sociedade é empezando por darlle voz na TV pública a un infradotado matavacas atrevéndose a falar en nome de todos os homes vomitando opinións que ninguén lle pediu tan bárbaras das que todos e todas botamos as mans á cabeza, mentres que, paradoxicamente, esa mesma semana o máis buscado en internet foi ese mesmo vídeo que acabou coa vida dunha muller. Dóeme ver como a evolución non é igual para todos.

Fágome preguntas tipo; estamos protexidas/os das novas tecnoloxías da información e da comunicación? Precísase máis información e sensibilización? Controlamos nós a tecnoloxía ou contrólannos ela a nós?

A era dixital ao igual que o descubrimento do lume, podemos empregalo para mellorar a nosa vida ou polo contrario para destruíla.