As maiorías afogan a democracia

As maiorías afogan a democracia

Un individuo pode nacer cunha predisposición xenética a sufrir un episodio cardíaco. Outro nace sen ese boleto de partida, pero o abuso continuado de comida, preferentemente salgada, a tensión e unha vida desordenada favorecen un desenlace semellante en ambos. A tendencia ao infarto tanto pode proceder da herdanza de xenes como do rutineiro abuso de prácticas nocivas. O PP carece no seu ADN do xene da democracia; foi xestado por ministros e outros altos cargos da ditadura franquista coa finalidade de preservaren e acomodaren as súas vidas e facendas á nova e incerta etapa que se abría trala morte de Franco. Saíulles moi ben e aí os temos a eles ou, por razóns estritamente bio-cronolóxicas, aos seus fillos, netos “e demais familia” desempeñando os postos e cargos para os que naceron e foron educados e que –faltaría máis- lles corresponden de pleno dereito.

Nacemento oposto tivo o PSOE, concibido por don Pablo entre tipos e cheiro de tinta de sucesivas imprentas madrileñas. Pero aquel neno galego, Paulino, que coñeceu a triste vida de hospiciano e se entusiasmou coas ideas da Internacional, loitou polo obreiro, polo proletario ata rematar a súa limpa vida, cando xa o partido por el creado principiara a derivar por sendeiros esvaradíos, apoiando a ditadura de Primo de Rivera. Daquela a hoxe practicou o PSOE con tanta frecuencia formas e maneiras antidemocráticas que rematou, aínda que aos militantes lles produza erisipela pensalo ou que llelo digan, chegando á mesma situación á que o PP estaba predisposto desde o berce. Só así se explica o contubernio da, segundo todos eles, modélica Transición, a aceptación como natural da lei D’Hondt (beneficie a quen sexa), do bipartidismo e, entre moitas outras, a aplicación de medidas e fórmulas semellantes ás do PP, desde conxelacións salariais ata mudanzas da súa sacrosanta Constitución con dolo, nocturnidade e aleivosía, como nos ensinaron que os ingleses arrebataran Xibraltar a España.

O paralelismo anterior, que moi ben puidera desembocar nun Partido Popular Socialista Obreiro Español, se houbese choio para todos, vén motivado polas dúas principais flagrantes manifestacións antidemocráticas que temos estes días enriba da mesa, ficando acazapada, momentaneamente, a revisión do número de membros do Parlamento Galego. Todas elas proceden do PP, ensoberbecido pola esmagadora maioría e cada vez máis descaradamente fiel ás orixes; pero non son mal vistas, malia o que conxunturalmente digan ou maticen, polo PSOE, xa que agora toca facer de oposición.

Quere o PP, por razóns estritamente partidarias, que os alcaldes resulten directamente da lista máis votada. Non entro en detalles numéricos que todos coñecemos; pero nunca poderei entender que 40 ovos brancos xuntos nun cesto sexan ou valan máis que sesenta de diferentes tons acastañados noutro. Teño manifestado por escrito que prefiro por principio de salubridade pública que o meu voto axude a conformar unha maioría insuficiente que esixa pactar. Coñezo a natureza humana e sei que as debilidades acaban afectando a tirios e troianos, polo que a necesidade de acordos, concretos ou duradeiros, é moi saudable como control e prevención. A maioría absoluta tende, e estamos desgraciadamente comprobándoo en Madrid e Santiago, aos gobernos ditatoriais.

Que un partido como o PP queira iso non me admira, pero que o PSOE leve no seu programa o da segunda volta, cun enfoque presidencialista, resulta máis preocupante. Sempre, uns e outros, escudándose –para isto, para a defensa da monarquía, etc.- nos “países do noso entorno”. Cada un deses países “do noso entorno” teñen un sistema electoral propio e específico, falan linguas diferentes e gozan ou sofren un aparato xudicial igualmente distinto (véxase a chapuza do xurado –para o penalista Vincenzo Manzini, sanedrín de incompetentes elixidos por sorteo-, propio do mundo anglosaxón, unha vez que, mimeticamente, foi implantado aquí “por máis democracia”, mentres conservamos as diferenzas no nomeamento de xuíces e maxistrados), viven doutro xeito, non sofren o escandaloso paro que nos temos, teñen unhas prestacións e un salario mínimo que avergoña o noso, etc. As comparacións sempre deberían de ser sobre a totalidade das manifestacións. Pois parece que Mariano Rajoy, ben animado en Soutomaior –que vergoña para Galicia!- por Núñez Feijóo e Louzán, todos eles, como é sabido e universalmente comentado, estadistas de grande talla, está disposto, contra todo principio democrático, a facer valer a apisoadora que conduce nas Cortes para lanzar o mísil á liña de flotación do sistema electoral con tal de non perder as alcaldías que teñen e mesmo conseguir outras.

Apesarados de ter feito unha constitución na que España se organiza como un estado autonómico, despois de comprobar que nada tería acontecido, se o tivesen estruturado de xeito unitario, negan a esencia da democracia, o dereito a que o pobo soberano e cada un dos cidadáns que o conforman poidan manifestarse e decidir sobre todo aquilo que afecta as súas vidas. Constitución e corpus lexislativo deberían, en boa praxe democrática, entrar en escena a posteriori, nunca antes de que o pobo se puidese manifestar. Pero utilizan a súa constitución como arma contra o pobo, non sendo nin sequera orixinais nisto. Xa don Carlos Marx fixo notar no seu “Dezaoito Brumario” varias ocasións nas que a Constitución foi un freo antidemocrático: “A maioría do parlamento declarouse así contra a Constitución, pero esta mesma Constitución declarouse a favor da minoría e declarou o seu acordo vinculante”, ou “O parlamento tíñase declarado a favor del (Bonaparte), pero a Constitución declarouse contra o parlamento”. No caso catalán, PP e PSOE sempre se escudan baixo os refaixos da Constitución que, para o periodista e político Girardin, máis que unha garantía é un perigo ou, se preferimos, como dixo un autor anónimo, segundo Julio Senador, unha constitución é “para todos o dereito e para uns cantos o proveito”. Agostiño de Hipona, que nunca foi santo da miña devoción, nin da dos ministros, más devotos das virxes que dos doutores, dicía que non se fixo o home para a lei, senón a lei para o home.

PP e PSOE prohiben que o pobo catalán vote como quere vivir e, a maiores, vai Cospedal a Badalona (talvez por “bonito en invierno y en verano”, máis a carga de charneguismo que describiu Serrat) e propón conformar unha fronte española nacida da “xenerosidade e sentido da responsabilidade” para atacar as lexítimas aspiracións catalás de soberanía, para contrarrestar aos que queren poder manifestarse e votar e que, segundo ela, “se unen por cualquier cosa” (considera calquera cousa o amor á terra) e aos que, no máis puro exemplo do “chama miña filla chama antes de que che chamen”, chega a acusar de ditadura encuberta, pero ditadura. E para preparar o camiño fan saltar agora á palestra o asunto Pujol, ao que eu, como nacionalista galego solidario cos irmáns cataláns, aplicaría a frase que Roosevelt (ou o seu secretario de estado, Cordell Hull) dixera do ditador nicaraguano Anastasio Somoza, o asasino de Sandino: “Puede que sea un hijo de puta, pero es nuestro hijo de puta”. Boa Diada, irmáns.