As funcións da agricultura, moito máis que alimentos de calidade

As funcións da agricultura, moito máis que alimentos de calidade

Nunha recente conversa co Presidente da cooperativa Monte Cabalar da Estrada, o compañeiro Francisco Barreiro (Fuco), comentoume que aos gobernos actuais "só lles interesa a agricultura unha vez que está no asfalto e pasa a formar parte da economía especulativa". Esta afirmación dáme pé para facer unha pequena reflexión sobre o tema.

É un feito comprobable que os sucesivos gobernos do PP e do PSOE no estado e do PP na Galiza, así como as políticas que ambos apoian na UE, deixan ben ás claras o nulo interese que calquera dos dous teñen pola agricultura; a estratexia destas forzas, os defensores das políticas liberais aplicadas á agricultura, pasa por converter aos agricultores en abastecedores de produtos agrarios para o mercado, pero non de alimentos para a poboación: o importante é producir mercadorías rendíbeis e todo o resto queda nun segundo (moi segundo) plano; é dicir, non importa o seu destino final (que sexan para alimentar persoas ou animais, para producir combustibles, adhesivos ou calquera outro produto de interese mercantil), iso é traballo dos múltiples expertos nutricionistas e inspectores de alimentación que teñen como cometido decidir se algo é, ou non, comestible.

Esta realidade denota que carecemos dunha mínima política de apoio á agricultura destinada á produción de alimentos que se manifesta, por exemplo, nunhas liñas de axudas inxustas ou na nula intervención que se realiza para evitar a concentración e o monopolio na comercialización-distribución dos alimentos.

A consecuencia directa de todo o que levamos dicindo é que os gobernos, ao non actuar para corrixir aqueles prezos de mercado que non reflictan o valor xusto dos alimentos, provocan un desaxuste entre o valor "real" dos alimentos e o que o agricultor realmente percibe polo seu traballo.

O desaxuste que se dá entre o prezo "xusto" e o prezo "real" dos alimentos ten que ver con dúas variables: unha está relacionada cos baixos prezos que reciben os agricultores polo seu traballo privado (froito do control que realizan os monopolios de distribución sobre os prezos) e a outra coa non valorización do traballo social que realizan.

Esta segunda variable merece unha reflexión máis pormenorizada xa que vén dada polo papel que a agricultura xoga no mantemento da diversidade biolóxica e cultural. A relación que ao longo dos séculos se produciu entre o home e a natureza, principalmente a través da agricultura, fixo que fose preciso o desenrolo dunha cultura acorde aos requirimentos que o entorno e as circunstancias históricas demandaban; por outro lado, a relación entre espazos agrarios e silvestres é un factor esencial no mantemento da biodiversidade. Dito noutras palabras, a agricultura que se levou a cabo en cada recuncho do mundo fixo, en gran medida, que sexa como é (co bo e co malo) e, se queremos, dalgunha maneira, conservalo, temos que asumir que só o podemos conseguir mediante unha xestión agraria que garanta a diversidade biolóxica nas súas diferentes facetas (especies, espazos, paisaxes, procesos, variación xenética e cultural).

A política agraria de calquera goberno ten que estar orientada, polo tanto, á posta en valor desta diversidade e por isto é preciso apoiar modelos de xestión e produción que garantan alimentos de calidade e protexan o patrimonio común; como di Xavier Montagut e Esther Vivas no seu libro Del Campo al Plato. Los circuitos de producción y distribución de Alimentos "Os gobernos deben apoiar a produción a pequena escala e sostible, non por unha mistificación do pequeno ou por formas ancestrais de produción, senón porque esta permitiría rexenerar chans, aforrar combustibles, reducir o quentamento global e ser soberanos no que respecta a nosa alimentación".

Por último, paréceme interesante subliñar que é preciso que a política agraria se faga en función de contextos xeográficos, culturais e socioeconómicos concretos. Non se pode crer nunha política agraria común cando esta nos leva á desaparición do medio rural en moitas partes de Europa, a galega en particular. A pregunta é: que facemos coa poboación que deixa de ser activa pola desaparición da súa forma de vida? Quen se encarga de manter uns espazos creados ao longo de séculos?

En definitiva, precisamos accións que poñan freo á concentración e monopolio na comercialización, mecanismos de intervención e regulación que permitan xerar prezos xustos aos produtores á vez que controlan as importacións a prezos máis baixos que os de produción e cunha calidade inferior ao que nós producimos; son necesarios mecanismos de comercialización a nivel local ou comarcal.