As fosas da nosa memoria

As fosas da nosa memoria

Durante a guerra incivil a zona de Aranga e Santa Mariña era moi utilizada polos falanxistas para os paseos e tamén zona de paso para os que fuxían de A Coruña cara a zonas republicanas. Na Santa Mariña foi onde a garda civil de Guitiriz colleu ao xogador do Deportivo, Bebel García, que despois de defender A Coruña contra os sublevados tivo que fuxir cara a Asturias que aínda estaba en poder do goberno lexítimo da república. Este mozo, xunto cos seus irmáns France e Jaurés e un amigo foron sorprendidos, vítimas dun chivatazo, o 26 de xullo nunha aldea da Santa Mariña de Guitiriz, e despois todos eles (menos Jaurés, que daquela era menor de idade e a quen asasinaron mais tarde nun traslado de cadea), foron fusilados na Coruña onde eran coñecidos como Os irmáns da Lexía. Conta Eduardo Galeano que cando Bebel estaba ante o pelotón de fusilamento pediulles que esperaran un momento, os soldados accederon e el, tranquila e lentamente, desabotoou a petrina e botou diante deles unha gran mexada. Cando rematou volveu a abotoala e díxolles con toda a frialdade - Agora si- . Tamén contan os veciños que cando os colleron en todo momento actuaron con unha gran dignidade e dixéronlles aos gardas civís que os colleran vivos porque non lles deu tempo a botar man das armas.

Nada máis chegar de vacacións a patria os amigos Alfonso Blanco de Xermolos e Antón Pérez García, mais coñecido entre os amigos por Carrillo, convídanme a asistir o día dezaoito do mes de xuño a unha serie de actividades que, conxuntamente con Xermolos, organizaba a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña na parroquia de Santa Mariña de Guitiriz e na Ponte de Aranga para render unha merecida homenaxe as persoas que foron soterradas en ambas fosas comúns nos cemiterios de Santa Mariña e Vilarraso, onde repousan eses corpos que se erguen vitoriosos sobre a nosa historia.

Non podía rexeitar ese convite e no coche do amigo Carrillo achegámonos ate a Santa Mariña. Alí, entre a Igrexa e o cemiterio, a uns cincuenta centímetros de profundidade (segundo nos explicaron) hai unha fosa na que, segundo os veciños, débense de atopar os corpos de unhas oito persoas que foron levadas alí por eles en carros de vacas obrigados polos falanxistas, baixo ameaza de que lles pasaría o mesmo e caso de negarse. Segundo dixeron alí, foron catro os carros e cada carro levaba dous cadáveres coas mans atadas aos fungueiros para que non esborrexeran. Parece ser que a maior parte deles eran da comarca de Ferrol pero que os mataron nas cunetas da estrada de Madrid-Coruña, no límite entre as provincias de Lugo e A Coruña.

Para honrar a súa memoria, ao carón da igrexa, puxeron un monolito cunha face lanzando un berro desgarrado que se converte en pomba reclamando a paz con un poema de Baldomero Iglesias, "Mero", obra do escultor Xosé Valle Díaz, "Valdi", no que tamén se pode ler: O voso sangue arrequeceu esta paisaxe. Formades parte de nós sempre. Despois de escoitar as testemuñas dos veciños desprazámonos ate a Ponte de Aranga para inaugurar outro monolito no campo da festa feito polo mesmo escultor e que contou co apoio de todas as forzas que compoñen o Concello. No monolito repítese a pomba e debaixo pode lerse un precioso poema de Salvador García Bodaño titulado Aos Mártires para honrar aos soterrados na fosa que se atopa no cemiterio da parroquia de Vilarraso. Nesta fosa os paisanos ían enterrando os corpos que os fascistas tiraban impunemente ao río Mandeo desde a ponte da Castellana despois de fusilalos e as augas levaban ate un pozo cerca da Ponte de Aranga e que agora xa son xermolos de paz e liberdade.

Segundo o estudo feito por Emilio Grandío e Eliseo Fernández téñense contabilizado vinte e nove cadáveres, dos que soamente están identificados once deles. Entre os identificados está Mercedes Romero Abella, nacida en Cee, casada co empregado da banca e secretario da UGT , Francisco Mazariegos, que tamén foi fusilado o 31 de agosto de 1936 por participar na resistencia ao golpe militar no Goberno Civil de A Coruña, daba clases na escola de Monelos. Apareceu morta o 19 de novembro de 1936 no pozo da ponte da Castellana e antes de matala os falanxistas violárona e cortáronlle os peitos.

Carmen Blanco contounos alí que antes de que se descubrise o seu cadáver apareceu o seu mantón de loito ensanguentado, que a súa irmán política recolleuno e foi a comisaria de policía a preguntar por ela. Ante a resposta cómplice de que alí non sabían nada, tiroulles aos pes o mantón da mestra como viva lección de dignidade que sobreviría despois nos seus fillos orfos. A barbaridade que os fascistas fixeron con esa muller denúnciaa Claudio Rodríguez Fer nun longo e fermoso poema titulado A derradeira lección da mestra que o propio poeta recitou diante do monolito.

Eles pretenderon enterrar a nosa memoria nesas fosas que temos que escavar para rescatala. Estamos renacidos pola dignidade dos que moran nelas e con eles recuperaremos a nosa. Foron asasinados pero nunca estarán vencidos, porque sabemos que aos pobos só os derrota a desmemoria e nunca a aqueles que son de si conscientes, como afirma o poema de García Bodaño.

A homenaxe rematou con un concerto a cargo destes grupos que sempre están ao carón do pobo como son A Quenlla, Os Tres Trebóns e Zënzar.