As forzas da vella Europa conseguiron o seu obxectivo

As forzas da vella Europa conseguiron o seu obxectivo

Principia o Manifesto do Partido Comunista, publicado hai agora 165 anos, co seguinte aserto: “Unha fantasma percorre Europa: a fantasma do comunismo. Tódalas forzas da vella Europa se xunguiron en santa cruzada contra esa fantasma: o papa, o tsar, Metternich e Guizot, radicais franceses e policías alemáns”. Esas mesmas forzas reaccionarias, encabezadas polo papa Pío IX, o tsar Nicolás I, o omnipotente chanceler austríaco e o ideólogo da burguesía financeira e industrial, amais de ministro francés, continuaron, sen desmaio e sen máis alteración que o relevo, por razóns estritamente biolóxicas, a ofensiva contra o proletariado organizado na loita de clases desde a aparición deste fantástico breviario.

Sucedéronse os ataques ano tras ano. Empregaron toda caste de armas, desde a persecución directa, os desterros, as cadeas e os asasinatos ata o suborno, os crebafolgas, a introdución de submarinos e a compra de partidos, con independencia de que xa tivesen nacido cunha certa lasitude, caso do Partido Socialista Alemán ou do Partido Laborista, ámbolos dous non marxistas, ou que a adquirisen posteriormente, como sucedeu co PSOE saído de Suresnes; pero tamén acabaron facéndose con partidos marxistas revolucionarios, como o fundado en Rusia co nome de Partido Obreiro Socialdemócrata e que, baixo a denominación de Partido Comunista da Unión Soviética, procedeu á súa autodestrución.

Levoulles tempo, pero conseguírono, sendo os mesmos axentes que Marx e Engels denunciaban no Manifesto: o papa, neste caso o polaco Xan Paulo II, en conivencia con políticos como Margaret Thatcher, Ronald Reagan e, desde dentro, Gorbachov coa súa Perestroika e o seu Glasnost. Moita ledicia manifestou o chanceler alemán Helmut Kohl, así como o camaleónico Mitterrand, presidente de Francia, e Felipe González, cando, en 1989, veu abaixo o Muro de Berlín. A CIA e outros servizos secretos traballaron intensamente, e os poderes financeiros facilitaron, vía Vaticano, todo o diñeiro preciso para que o sindicato católico Solidaridade levase ao seu lider, Lech Walesa, á presidencia de Polonia, precedente necesario para a caída da URSS.

Naquela altura, o socialismo oficial non era nin sombra do que fora nas orixes. En España, os dirixentes do PSOE xa unicamente conservaban, nun armario, unha chaqueta de pana para poñela nos mitins e, nun caixón ou habitáculo similar, un obreiro para mostralo ás masas e poder así conservar unha letra das súas siglas. Os derradeiros anos do goberno de González fixeron que as verdadeiras xentes de esquerda se ruborizasen. Sen entrar, como galego, no desmantelamento que fixo dos nosos sectores produtivos máis importantes, temos a eliminación do marxismo, a entrada na OTAN, o que el mesmo chamou defensa do estado nas cloacas (terrorismo de estado, GAL, caso Lasa e Zabala), os fondos reservados, o caso Roldán e Paesa, o caso Guerra, o caso Filesa ou trama para o financiamento ilegal do partido, etc. E se Aznar, despois de deixar a presidencia do goberno, foi contratado por Endesa como asesor, González, por moito que se gabase de socialista, non ía ser menos, polo que ocupou o posto de conselleiro de Gas Natural Fenosa. Non hai que dicir que as remuneracións que un e outro perciben por facer que fan en empresas que eles privatizaron son escandalosas, mesmo en tempos de bonanza económica.

A min non me admira que Aznar cobre, segundo din, 200 000 euros anuais por asesorar, xa que dunha persoa de dereitas –e talvez sexa un prexuízo- nunha agardei outra cousa que non fose ir á política a enriquecerse, como recoñeceu, con naturalidade, Eduardo Zaplana, e como están a demostrar tódolos dirixentes do PP con eses soldos e sobresoldos que noutros tempos serían detonante de algo moito máis sonoro que un civilizado escrache. Pero que un autoproclamado socialista e ex-avogado laboralista con pouco exercicio ande nas mesmas, sen esquecer chalés e fincas en praias afastadas, chega a resultar cabreante. Mais as forzas reaccionarias denantes citadas fixeron moi ben o seu traballo, pois, deixando de lado os moitos subalternos, caso dos ex-ministros, caso de Almunia, co seu actual arrepiante linguaxe neoliberal, por non citar a Solana, xefe de todo o que antes atacaba, lembremos simplemente como o chanceler Schröder, tamén disque socialista, rematou ocupando un cargo no consorcio ruso-xermano do gasoduto que el mesmo sacou adiante como xefe de goberno. Para rematar a serie, o laborista e militarista das Azores, Tony Blair, amais do seu papel oficial en Oriente medio, dedícase a asesorar gobernos, bancos, empresas como Silicon Balley e mesmo a cobrar, segundo está publicado, 460 000 euros por hora de conferencia. Entre as moitísimas que eu dei de balde e as del, o nivel penso que ten que ser bastante grande.

As forzas ás que Marx e Engels facían referencia fixeron tan ben o seu traballo que o socialismo, sen chegar a estar morto, si se atopa case en estado latente, vexetativo. Empregando todo tipo de métodos e argucias, fóronnos domesticando. Puliron as arestas duras do marxismo e permitiron que os que se deixaron querer chegasen ao goberno, sabendo que, ao pisaren moqueta e teren sinatura nos documentos máis importantes, principiarían a se sentir homes e mulleres de estado. Cando, en 1815, tivo lugar o Congreso de Viena, o devandito Metternich invitou a España –e a Portugal- , pero sen voz nin voto. Daríalle máis categoría a Zapatero ou, hoxe, a Rajoy e aos seus ministros? O máis grave é que a sociedade, nós mesmo, fomos igualmente domesticados. Cando se foi formando a clase media, invitáronnos a entrar no seu mundo pola porta dianteira e nós pensabamos que era verdade; pero a chave sempre a tiveron eles e, agora, coas esquerdas eliminadas en tódolos países, decidiron que os tempos xa foron chegados para, permitíndonos aínda seguir no seu círculo, ou mellor sería dicir no seu ámbito de influenza e control, facernos entrar e saír por onde, segundo eles, segundo os de sempre, os de dereitas, os neoliberais, nos corresponde: pola porta de servizo. Todo volve ser deles: os dirixentes dos partidos que foron de esquerdas e tocaron poder confúndense en comportamentos cos seus colegas de dereitas e nós, o pobo, tralas reiteradas aplicacións de estupefacientes, estamos demasiado aburguesados e atordados para revelarnos coa contundencia que a situación require. Uns alumnos recollen un papel que gañaron a pulso, non lle dan a man ao ministro que llo entrega, mentres os agride, facendo unha lei nefasta, clerical e reaccionaria, e todos veña a dicir que foron uns maleducados, porque disque se pode protestar, pero con educación.

Eu aínda non debo de estar moi domesticado, porque non sei como se fai iso. O que si sei é que Marx e Engels van perdendo por goleada.