As engrenaxes da nova democracia

As engrenaxes da nova democracia

Hainos que sempre se orientan polo cataventos de Madrid. Prefiren os ábregos secos procedentes do sur ás brisas húmidas e mornas que nos chegan do Atlántico. Pensan que a intelixencia e a cultura veñen de onde está o cetro. Enorme desatino. Tan absurdo como escoller a capital do Reino por razóns xeométricas e non históricas. Un lugar situado no centro dunha gándara, que nin sequera érbedos ten aínda que os leve no escudo. Carente de tradición, de enxulla cultural, nútrese das aportacións que lle viñeron polas costas africanas. Primeiro as do tam-tam e despois as do flamenco. Nin o mesmo chotis, de propia sementeira, orgullo de chulapos e manolas, logrou saír de Chamberí. O tango, o fado, a nosa muiñeira, avantaron as fronteiras. O baile madrileño afogou no Manzanares, río que nin auga leva para moitos suicidios, motivo polo que os castizos de Lavapiés escolleron o viaduto da rúa de Segovia para guindar os desenganos amorosos.

Cando Madrid aínda era prehistoria xa Galiza tecía cántigas de amor e maldicer. Esta cidade, orixinariamente alcázar, estaba feita para a guerra e non para a lírica. Igual ca España. As moaxajas foi un roubo que Menéndez Pidal lle fixo á lírica mozárabe, pois co Mio Cid a épica medieval quedaba coxa. Un país nado da Reconquista sempre preferíu os aceiros de Toledo á biblioteca que Abderramán deixara en Andalucía. Na periferia, como lle chaman en terras de secaño, está o amor, o pensamento, a creación artística. O cubismo pousou na paleta catalá de Mompou e de Miró antes de mollar os pinceis dos pintores españois. Está o Prado, non hai dúbida, pero moitas das obras son o botín das incursións bélicas. Os Tercios a Flandes levaron picas pero de alí trouxeron arte. O mellor de Bruxelas, ademais do Manneken-Pis, está na cervexaría rotulada Le roi d'Espagne, e na que o monarca aparece representado por un monicreque pendurado dunha corda. Se de Holanda a pinacoteca española trouxo o Bosco, sería un acerto que espuxese a figura do enforcado na Zarzuela, como agasallo belga para o príncipe herdeiro da coroa.

Pode escasear o que temos dentro. Pouco podemos agardar do que nos vén de fóra. Limpemos os ollos das lagañas do colonizado. Quen deveza por terras alleas que emprenda camiño e líe o fardelo cos versos de Martín Moxa: "Porque me non vou en algur esterrar,/ se podería melhor mund'achar?" Parece ser que xa no século trece, cando aínda non comezara o éxodo galego, tamén había algún desertor. Cunha diferenza. Daquela, os renegados eran escarnecidos polos vates. Pode que a sátira non se dirixise a ningún galego, debido á procedencia aragonesa do trobador, seguramente dos Monegros. O caso vén a conto por mor dos que estando aínda desintoxicándose ideoloxicamente dentro do nacionalismo non perderon a adicción polos valores da metrópole. Unha mostra, as reformas propostas para descontaminar a democracia: as listas electorais abertas e o fomento da participación directa do pobo na política a través do referendo. Este é o ruxe-ruxe que anda agora por Madrid. As listas, nas tertulias das televisións reaccionarias. O referendo, unha demanda implícita do movemento que baixou a guerrilla desde o monte á praza pública. Que haxa sorte e non dexenere a protesta noutro botellón.

Empecemos polo primeiro. As listas abertas están moi próximas a unha concepción de carácter fascista. ¿Por que razón? Por facer prevalecer os valores persoais sobre as alternativas colectivas. Os novos modelos electorais, de importación ianque, substitúen os programas polos efectos visuais. Poñen fotos en lugar de ideas. A promoción de liderados -tópico usual na linguaxe política que está de moda- non anda lonxe das teorías de Nietzche e de Pareto, fontes nas que bebe o fascismo o seu ideario. O pobo abdica do dereito a decidir e deposita esta faculdade nas minorías selectas. Na autoridade do xefe, do führer, do duce, do caudillo. ¿Tamén do líder? Palabras sinónimas para expresar a mesma ideoloxía. O poder persoal é a antítese do poder popular que os nacionalistas e os demócratas levamos nos cartaces das manifestacións. Teñamos coidado. O voto persoal pode producir un efecto contrario ao pretendido. Pode converter os parlamentos nunha luxosa mansión de Chicholinas. Unha boa maneira, por outra banda, de harmonizar a representación coa función que moitas veces cumpre.

Eu non acho xeito de conciliar as listas abertas coa representación proporcional, criterio defendido sempre polo nacionalismo. Desde as Irmandades da Fala até o Partido Galeguista, pasando pola Federación Republicana Galega. Así quedou redactado no Anteproxecto de Estatuto de Galiza do Seminario de Estudos Galegos. Temos aquí doutrina e tradición, pero as novas "vangardas nacionalistas" atópanse máis a gosto no catecismo de Madrid. Pretensión ilusa a desta maneira controlar mellor ao elixido, menos diluída a relación co elector ca na representación proporcional. Temos, dentro do Estado, experimentado reiteradamente a fórmula alternativa nas eleccións ao Senado. Os resultados son fotocopias dos producidos polas listas pechadas do Congreso. Inclusive as diferenzas entre os candidatos dun mesmo partido dependen máis do alfabeto ca dos méritos propios. Blanco entrou como senador na política por non ter ningún Álvarez que competise con el. Westringe, a quen lle cadrou en sorte unha letra intrusa e arredada, tiña difícil a elección para a Cámara Alta, visto que as sondaxes concedían unha única acta para Alianza Popular dentro da súa circunscrición. Amañou o problema con enxeño. Na ceta atopou dúas carabinas para gardarlle as costas. Vede, o prestixio do sufraxio reducido a unha cuestión de abecedario.

Tampouco abonda o referendo para depurar as impurezas que se derivan do sistema. Neste debate vou cederlle a tribuna a Ramón Lugrís. Nun ensaio sobre o pensamento de Vicente Risco escribe: "O referendo pode ser unha terríbel arma nas mans dunha autocracia." Tamén o fundador da dereita galeguista acreditaba nas virtudes democráticas do plebiscito, hoxe cuestionadas por moitos analistas. Resulta sospeitoso que fose a única forma de participación popular que o fascismo deixou en pé. A Italia de Mussolini e a Alemaña nazi celebraron varios. Tamén a España de Franco convocou algúns. Un deles, o que resucitou -ou instaurou, como gostaba de chamarlle a Ditadura- a monarquía que a democracia desterrara no ano 31. Diredes que eran consultas amañadas. Mesmo así, un procedemento limpo pode producir idénticos efectos. Comparto o criterio de Lugrís. A resposta está condicionada, entre outros factores, polo contexto político, de maneira que o convocante ten garantido un resultado positivo.

Feitos moitas veces para dar lexitimidade social a decisións que carecen dela, o referendo gáñao quen escolle a pregunta e o momento de convocalo. Lembremos as expectativas que había para impedir polas urnas o ingreso na OTAN, a que mantén e mata soldados no Afganistán. Aquel Goberno tramposo, o de entrada non, deunos coa resposta nos fociños. Claro que, segundo pareceres que circulan pola casa, o problema da organización militar non é que mate, senón por non facelo de forma "democrática". Cando non hai ideas haberá que tolerar que o discurso se encha con paridas. Existen algunhas excepcións que veñen confirmar a regra. O que retirou a De Gaulle da Presidencia da República Francesa. Perdeuse, non por rexeitamento da descentralización e reforma do Senado, senón por ligar o xeneral a súa continuidade ao resultado. O pobo aproveitouno para darlle o pasaporte a un presidente queimado polas revoltas de maio do ano anterior. Máis próximo temos o de Portugal sobre a rexionalización do Estado. Quen programou a consulta cometeu a torpeza -ou utilizou a trampa- de meter nunha mesma resposta o principio e a súa concreción. A pregunta envelenouse coa conflitiva distribución entre as cinco e as oito rexións.

Desmitificar o plebiscito, que é o que eu intento, non significa descalificalo nin eliminar a súa práctica dos usos democráticos. Os referendos son convenientes, pero non a panacea. Valen como arma ao servizo do pobo, non como instrumento das autocracias para confundilo. Por algo a CE reserva para o Estado a autoridade de convocatoria. ¿Por que motivo a Constitución cerrou con chave esta competencia? O valor democrático non está na reivindicación desta figura política, xa contemplada no ordenamento xurídico, senón na modificación das normas que a regulan. Os cataláns referendaron o novo Estatuto, invalidado posteriormente por doce togados sen piedade. Poñamos a venda onde está a ferida e deixémonos de trécolas coas que engaiolar o público do patio de butacas, deixando á marxe as posibilidades de clarificación e axitación social dunha consulta viciada pola normativa en vigor. Un referendo non houbera alterado o resultado da reforma constitucional introducida por unha lexislatura agónica e un Goberno en estado comatoso. Pero sen el frustrouse a oportunidade de levar o debate á sociedade e substituír o culto pola cultura. O culto da banalidade, do famoseo, pola cultura desalienante que poña valores onde a civilización burguesa colocou os mitos.

As reformas epidérmicas poden admitirse, á falta doutras máis profundas e acaídas. As que un compañeiro califica de "marías". Situalas no proscenio mentres fai mutis polo foro o sector financeiro do país é intentar abater elefantes con tirabalas de sabugo. Con listas abertas ou pechadas, o aforro galego seguirano absorbendo os bancos españois. Con referendos ou sen eles, a enerxía producida aquí seguirá administrada por grupos estranxeiros. Europa continuará comercializando a pedra do Porriño coa bitola de mármore italiano. Non se pode emendar con simples retoques as leis que regulan o mercado, nin curar con apósitos a doenza crónica da nosa dependencia. Estráñame que se alarmen os xornais pola expatriación do capital autóctono, tendo a prensa do país contribuído á reprodución do complexo que tolle as posibilidades de reacción do pobo. Entre os moitos problemas de Galiza, o máis grave é a perda do orgullo colectivo. Quen renuncia ao seu idioma está entregando a propia dignidade. Abatida e conquistada a conciencia da identidade nacional; a incursión allea é un paseo militar. Aprenderlle á sociedade a maneira de vivir como galegos é a mensaxe que o nacionalismo debe transmitir nas campañas electorais. Con ela abonda, e servirá ademais para arrombar o tópico de culpar dos resultados á concentración bipartidista. Intercámbiase o que se confunde. Nunca nos subtraerán os votos que pidamos como galegos. Perderemos os das campañas feitas como españois. Isto, claro está, non se consegue aplicando os manuais que veñen de Madrid, senón coa identificación total cos ideais nacionalistas, criterio que debe prevalecer sobre calquera outro na escolla de candidatos. A mellor cualidade deles é a contida na etimoloxía da palabra: os que van vestidos de branco, a cor que leva de fondo a nosa bandeira. Aquí está o miolo da discusión para recuperar os folgos que se consideran perdidos.