As (e)leccións de Twitter

As (e)leccións de Twitter

A relevancia das redes sociais na vida política é cada día máis patente, quer como instrumento de análise de tendencias, quer como ferramenta interactiva de difusión e propaganda. A súa incidencia nas próximas eleccións do 6 de novembro á presidencia dos Estados Unidos é considerada por veces tan importante que nalgúns medios xa se fala das "eleccións de Twitter" para se referir a estes comicios.

Desde o pasado 1 de agosto, podemos comprobar diariamente na web (no enderezo http://election.twitter.com) as oscilacións do Índice Político de Twitter (IPT), un barómetro electoral elaborado a partir dos enunciados expresados en Twitter nos que se menciona a algúns dos dous candidatos principais, Barack Obama e Mitt Romney. Este barómetro recolle un índice de valor entre 0 e 100 calculado día a día para cada candidato a partir dos chíos cuxo texto inclúe os seus apelidos ou a súa conta oficial en Twitter, o que totaliza uns dous millóns de chíos por semana. Os resultados desta análise fornecen os datos para as análises políticas de campaña elaboradas polo xornal estadounidense USA Today e pola empresa consultora Topsy.

As técnicas utilizadas para o cálculo do Índice Político de Twitter proveñen da disciplina da minaría de opinións, unha especialidade puxante nos eidos do procesamento da linguaxe natural e das tecnoloxías lingüísticas ocupada da tarefa de identificar automaticamente a información subxectiva codificada nun texto que permita clasificar a opinión expresada como positiva ou negativa nunha determinada escala. Deste xeito, o IPT avalía cada día a orientación dos sentimentos cara aos candidatos presidenciais dos dous millóns de chíos que mencionan a Obama ou a Romney con respecto aos máis de 400 millóns de chíos tuitados cada día sobre calquera outro tema. Un IPT de 51 para Obama, por exemplo, indica que os chíos relacionados co actual presidente dos Estados Unidos son, por termo medio, máis positivos que o 51 por cento de todos os chíos.

É interesante constatar que a comparación dos resultados desta prospección de tendencias electorais baseada en Twitter cos resultados obtidos mediante outras técnicas de captura da opinión máis clásicas (como as enquisas guiadas de Gallup) amosa unha grande coherencia e salienta os matices específicos da opinión pública identificados por cada técnica. Como era de agardar, o Índice Político de Twitter demostra a súa fortaleza na identificación de tendencias que se expresan tipicamente en conversas espontáneas, mais que tenden a non ser recollidas nas enquisas baseadas en conxuntos pechados de preguntas. Un claro antecedente inspirador do Índice Político de Twitter é o Twitómetro portugués, unha ferramenta deseñada para fornecer un índice dos sentimentos e opinións expresadas en Twitter sobre os cinco líderes políticos dos partidos con representación parlamentaria durante a campaña das eleccións lexislativas de 2011. O Twitómetro foi o froito dunha colaboración entre diversos grupos de investigación da Universidades de Lisboa, da Universidade do Porto e da Universidade Nova de Lisboa co Departamento de I+D do provedor de Internet SAPO (Labs SAPO) e co xornal portugués Público, no ámbito do proxecto de investigación REACTION en xornalismo computacional.

,No Estado español, o impacto das redes sociais na vida política comezou a captar a atención dos medios na campaña das eleccións lexislativas de 2004, nas que Aznar perdeu fronte a Zapatero despois dos atentados do 11 de marzo en Madrid e das posteriores mobilizacións contra a política informativa do goberno convocadas mediante mensaxes SMS de telefonía móbil e que deron lugar o fenómeno despois coñecido como "Pásalo". Malia todo, oito anos máis tarde, os cadros políticos estatais, en xeral, non son demasiado conscientes do poder mediático da rede, o que se demostra no escaso uso que as parlamentarias e os parlamentarios fan das redes sociais ou na irresponsabilidade con que se manexan neste medio de comunicación. A este respecto, é moi ilustrativa a historia de Fátima Báñez, ministra de Emprego e Seguridade Social de Rajoy, quen pouco despois de que De Guindos confirmase o 9 de xuño a solicitude do rescate para a banca española, publicaba un chío no Twitter que dicía "¡Obtuve 5390 puntos en Bubble Shooter Adventures! ¿Puedes mejorarlo?", provocando unha onda de indignación que levou o asunto á primeira posición entre os Trending Topics españois de Twitter.

Cómpre dicir que a ministra, ante tal nivel de protesta popular (no sentido primixenio desta deturpada palabra), decidiu borrar a mensaxe e pedir desculpas... ao seu modo: "Una travesura infantil ha provocado que se genere el mensaje de forma automática en esta cuenta". Pois precisamente para documentar estas "travesuras infantís" en Twitter existe unha ferramenta que permite identificar, arquivar e publicar os chíos borrados polas persoas seguidas. Na páxina de Politwoops podemos ler os chíos borrados polos persoeiros da política estadounidense, algúns intranscendentes, outros escandalosos, como o do congresista republicano Jeff Miller no que propón unha enquisa sobre se Obama naceu ou non naceu nos Estados Unidos. Cunha repercusión pública moito menor, polo de agora, existe unha versión española desta ferramenta que segue as contas de Twitter dos deputados e deputadas do PP, PSOE, CiU e PNV que a teñen. É probábel que, despois do "caso Báñez", as súas señorías pensen mellor no que escriben nas redes sociais, mais o que é seguro é que ningunha organización política intelixente pode deixalas de ter en conta na planificación das súas accións de captación, difusión e análise.