As directrices de ordenación do territorio (DOT) nin dirixen, nin ordenan o territorio
O urbanismo na Galiza, baixo a responsabilidade do Partido Popular foi durante vinte anos unha non definición, un deixar que cada quen fose facendo o que ben entendía, na convición de que o que a cada quen lle conviñese podería dar como resultado final algo conveniente e axeitado para a nosa nación e para o conxunto dos cidadáns. Liberalismo en estado puro, transcrición literal do liberalismo económico ao urbanismo, cos desastrosos resultados que todos coñecemos.
Ao inicio do presente século, alá polo ano dous mil, a situación chegou a ser tan insostíbel que o propio Cuíña, paladín do "laissez faire, laissez passer" no tocante ao urbanismo, tivo que botar man do asunto e, renegando de tanto liberalismo, deixando atrás tanta pasividade, mandou elaborar e aprobar a actual Louga no 2002. Esta Lei, criticábel dende moitos puntos de vista, cando menos hai que recoñecerlle o mérito de acabar co caos urbanístico existente na Galiza durante os anteriores vinte anos de competencia autonómica sobre o urbanismo.
O nacionalismo galego, a través de múltiples foros, especialmente os parlamentares, e con mención destacada a Xosé Henrique Rodríguez Peña, sempre mantivo que as Directrices de Ordenación do Territorio, como constitución territorial da nosa nación, debían de elaborarse canto antes e, dende logo, con carácter previo a calquera Lei urbanística. Primeiro coñecer, definir claramente, que queremos para o conxunto do noso territorio, como paso previo a calquera definición ou determinación de como e cando edificar. Postura impecábel, lóxica, de caixón que tropezou unha e outra vez coa postura cerril do Partido Popular cuxos postulados ían na dirección contraria: nada de planificación, nada de estruturacións nacionais; ir facendo sobre a marcha desde a administración e deixar facer aos privados segundo se lle vaia ocorrendo.
Nunha sorprendente, illada e estraña concesión, no ano 1995, con maioría absoluta do P.P. aprobouse, con dez anos de atraso en relación a outras Autonomías, a Lei de Ordenación do Territorio de Galiza; nesta Lei determinábase que as Directrices de Ordenación do Territorio debían presentarse no Parlamento no prazo dun ano, é dicir, durante o ano 1996. Quince anos para un encargo con limitación temporal a un ano xa é bastante sintomático do interese que existía por parte do Partido Popular en aprobar unhas auténticas Directrices de Ordenación do Territorio. A concesión do 1995 quedou, como era previsíbel, en auga de borralla.
Despois de varios intentos, a saber, avance no 2004, aprobación inicial no 2008, este mes de xullo de 2010 tráenos a novidade dunha nova aprobación inicial e unha exposición ao público durante os meses de xullo e agosto das chamadas Directrices de Ordenación do Territorio. Antes de entrar na súa análise temos que facer unhas consideracións previas: estamos ante un documento que outras autonomías aprobaron van para alá arredor de vinte anos. Por outro lado, que a exposición pública sexa en xullo e agosto demostra o nulo interese por unha participación real e efectiva. Un vello truco para "coar" asuntos pola porta de atrás.
Entrando xa no contido das Directrices de Ordenación do Territorio que o Partido Popular acaba de presentar e que se atopan na páxina web da consellería do ramo, o único que podemos dicir é que responden literalmente aos postulados do PP sobre o territorio. Non definen nada concreto, son un compendio de obviedades, pero á hora da verdade, a hora de dar normas e definicións claras, nada de nada. Se o avance do 2004 xa era vago, se a primeira aprobación inicial do 2008 non concretaba demasiado, estas DOT rebaixan as determinacións a límites de convertelas nun catálogo de difusas intencións con escasos ou nulos compromisos concretos.
Empezando pola súa extensión, mentres a propia CMATI obriga a que a documentación dun PXOM ocupe moitos miles de páxinas, a ordenación territorial de toda Galiza despáchaa con apenas 300 folios, e a parte normativa nunhas poucas páxinas, especialmente as que son obrigatorias de verdade, as que chama "determinacións excluíntes".
Para non definir que concellos deben formar parte de cada área, urbana ou non, deixándoo ao arbitrio da vontade de cada concello, para non definir o futuro dos aeroportos despachando o asunto cun vago "deben especializarse e coordinarse entre si", para deixar as obrigas da Xunta en "poderá redactar un Plan Territorial Integrado" ou instrumentos similares, etc, etc, non podemos menos que afirmar que estamos, unha vez máis, ante a perpetua teoría do Partido Popular de que o deixar facer o que a cada quen lle pete, empezando pola propia Xunta e rematando polos particulares, é a súa política troncal e fundamental.
A resistencia e demora a elaborar unha Directrices de Ordenación do Territorio non eran unha casualidade nin un ataque de vagancia; eran unha política premeditada. Canta menos planificación, canta menos ordenación, canta menos previsión, máis posibilidades para o seu ultra-liberalismo. Cando se ven obrigados a elaborar un documento do tipo das DOT, anúlaas pola vía de baleiralas de contido e deixalas no limbo da literatura vacua; obrigas ningunha, pero "desenvolvemento sostible" tropecentas mil veces.
Xosé Henrique, desta vez tampouco vai ser, pero a túa persistencia en acadar unha ordenación territorial digna de tal nome segue en pé, e seguiremos a traballar para que máis pronto que tarde poida facerse realidade.