As contas dos convenios dos montes veciñais: privatización dos beneficios de todos e todas e roubo as comunidades de montes

As contas dos convenios dos montes veciñais: privatización dos beneficios de todos e todas e roubo as comunidades de montes

Os convenios, son unha figura de xestión dos montes veciñais. Veñen sendo uns acordos entre as comunidades de montes e a Consellaría do Medio Rural e do Mar, para pór en valor os montes veciñais. Mediante estes convenios, a Consellaría do Medio rural e do Mar, ten a obriga de levar adiante nos montes veciñais, un plano anual de traballo, e elaborar un plano de xestión, recibindo a cambio, unha porcentaxe (a redor do 30%), en cada corta de madeira.

Na súa concepción, a figura dos convenios, non é mala. Non sería mala, se funcionaran. Mais, na practica, non funcionan. E non funcionan porque a Consellaría do Medio Rural e do Mar, non entende os convenios como o que son, un acordo entre partes. Pensa e actúa, como se os convenios désenlle a capacidade de decidir e planificar os montes veciñais, cando os convenios, son somentes acordos de xestión. Tampouco funcionan porque a Consellaría do Medio Rural e do Mar, case nunca cumpre o que lle corresponde. Isto é, realizar nos montes conveniados, os traballos definidos no plano anual. Xa que logo, o mal funcionamento dos convenios, débese única e exclusivamente ao funcionamento da Consellaría do Medio Rural e do Mar.

Na vixente lei de montes de Galiza (xuño de 2012), a Consellaría do Medio Rural e do Mar, pretendía que as comunidades de montes veciñais en man común, que teñan os seus montes conveniados, no horizonte do verán do 2016, ou pagasen as débedas(falsas e inxustas) dos convenios, ou entregasen a xestión das súas terras comunitarias as empresas forestais privadas. Este roubo descarado, grazas a unidade, organización e mobilización das comunidades de montes, quedou paralizado ate o verán do 2018. Co cal, hai tempo suficiente para que, as comunidades de montes, seguindo na loita, acaden o obxectivo final, que non é outro que a eliminación dos débedas dos convenios, a favor das comunidades de montes, por ser falsas e inxustas.

Dende a Organización Galega de comunidades de montes, sempre manifestamos que as débedas dos convenios eran falsas (as contas dos mesmos facías de parte a Consellaría), e inxustas (proveñen de un roubo, a usurpación dos montes veciñais a seus lexítimos titulares, no franquismo ). Tamén manifestamos, que o único obxectivo que tiña a eliminación dos convenios, era o de facilitarlle terras comunitarias de balde, as empresas forestais privadas. Para que estas convertisen os montes veciñais en man común en inmensas leiras de especies de crecemento rápido e de cultivos enerxéticos. Non para o beneficio da veciñanza comuneira e das poboacións do medio rural. Se non, para beneficio das multinacionais forestais.

Mais, temos que recoñecer, que pecamos de inxenuos, e tivemos dúbidas, ante a mercaduría que nos vendeu a Consellaría do Medio Rural e do Mar, de que cumpría eliminar a figura dos convenios, xa que as contas globais dos mesmos, eran negativas para a Consellaría e por extensión, para a sociedade galega. Mais este mercaduría , tamén resultou ser falsa. A deputada do BNG no Parlamento Galego, a Sra. Tareixa Paz, solicitou da Consellaría as contas globais dos convenios dos últimos 6 anos. A resposta da Consellaría é sorprendente. As contas globais dos convenios dos últimos 6 anos, dan un saldo positivo a favor da Consellaría de 6.123.968`87 euros. Mesmo a pesar do mal funcionamento dos convenios, por parte da Consellaría, estes dan beneficios para a sociedade galega no seu conxunto.

O saldo global favorábel das contas dos convenios, tamén significa outras cousas. Significa que a Consellaría do Medio Rural e do Mar, leva moito tempo sen investir, como lle obriga o convenio, na mellora dos montes veciñais, seguindo o plano de xestión. Este incumprimento é causa suficiente para rescindir os convenios a favor das comunidades de montes, sen carga algunha.

A Consellaría do Medio Rural e do Mar e plenamente consciente, de que as comunidades de montes, imos a lograr a eliminación das falsas e inxustas débedas dos convenios. E sabedora desto, esta a proceder a cortar masivamente madeira dos montes conveniados, para eliminar "débedas". Esta actuando exactamente igual que actuaron os concellos franquistas, cando souberon que os montes veciñais ían a ser recuperados pola veciñanza comuneira. Daquela dicían "se os montes veciñais, van para a veciñanza comuneira, que os leven esquilmados". E agora, din o mesmo. As comunidades de montes tempos que parar este atraco. Temos que impedir que se corte madeira, ate que as falsas e inxustas débedas dos convenios, sexan eliminadas.

Porque o Partido Popular pretende eliminar a figura dos convenios (socialmente positivos), e obrigarlle as comunidades de montes a pagar as falsas e inxustas débedas dos mesmos?. Porque o Partido Popular, non permite que se manteñan os convenios coas comunidades de montes que así o decidan libremente ?. Porque o Partido Popular non elimina as débedas (falsas e inxustas ) dos convenios?. Porque o liberalismo económico que representa este partido político, aposta pola socialización das perdas dos intereses capitalistas (banca ,infraestruturas ), e privatización dos beneficios sociais (ensino, sanidade, servizos municipais ..........).

Alguén podería pensar que esta practica política somentes se levaba adiante nestes eidos. Pois non, nos montes veciñais en man común, tamén a pretenden levar adiante.


,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.