As confesións de Zapatero

As confesións de Zapatero

No Debate de Política Xeral, o gobernante español fixo unha auténtica declaración de principios ideolóxicos, e nun exercicio de sinceridade sen precedentes dixo a Francisco Jorquera -portavoz do BNG no Congreso- que "as decisións eficaces e decisivas están no G-20"

O debate de Política Xeral celebrado no Congreso hai doce días pasou sen pena nen gloria cando era un dos máis esperados dos últimos anos, cando xerara unha expectación nunca vista.

Na avaliación xeral, triste papel o de Zapatero e o de Rajoy. Como resumo do sucedido, quédome cunha das poucas frases acertadas pronunciadas polo Presidente do Goberno español na súa réplica a Mariano Rajoy: "usted tampoco está para tirar cohetes". Unha afirmación que condensa a situación propia e a do líder da oposición, ningún deles en estado de gracia. O famoso cara a cara Zapatero-Rajoy non deixou nada para a posteridade.

O mandatario español decepcionou pola falla de anuncios e propostas fronte á crise, cunha intervención xustificatória de tódolos desaguisados que está a facer. Nada novo trouxo á Cámara, nen sequera unha breve remodelación do Executivo que din as malas linguas que deixa para despois das "ferias veraniegas".

O outro, Rajoy, igual de seco que o líder do PSOE. Os dous de travesía polo deserto e sen atopar un triste oasis. A alternativa popular ficou clara: crítica barata, oposición demagóxica, ausencia total de propostas fronte á crise e petición reiterada de eleccións. Ese é o resumo dun Rajoy que acudiu só a escoitarse a si mesmo e supoño que canso de tanto monólogo se retirou aos seus aposentos o segundo día do Debate de Política Xeral. A súa ausencia na segunda xornada do Debate foi moi criticada nos medios de comunicación, comentada como un exercicio de falla de respecto e total desprezo cando non é a primeira vez que o fai, pero está claro que o que non sae nos medios non existe.

A pesar da mediocridade dos dous representantes estatais, máis interesante foi o debate entre Zapatero e Jorquera. Foi nese momento cando Galiza entrou en escena para receber tan só palmadiñas no ombreiro. Ademáis da pata galega, houbo entre ambos un interesante debate ideolóxico-político, con Zapatero sentado no confesionario das ideas.

Zapatero "natural"

Sorprendeume tanta sinceridade descarnada con loas a peito descuberto aos mandamáis do capitalismo. Non hai que perderse frases do tipo "as respostas teñen que ser globais e superan a soberanía dos Estados", pero a que se sitúa no número 1 foi a seguinte: "as decisións eficaces e decisivas están no G-20" e "este é o marco no que nos movemos e non decide este Goberno, é o marco dunha economía aberta".

A resposta do Presidente a Jorquera debería ir a selectividade. Eu poñería ás xeracións futuras unha análise sobre a frase "as decisións eficaces e decisivas están no G-20". Hai que ter valor para dicer tal cousa. Decisivas desde logo porque van a misa senón que llo pregunten a Zapatero. Eficaces depende para quen.

Non hai ningunha dúbida na eficacia das medidas para a banca, para o poder financeiro, para os lobbies económicos, en definitiva, para o establishment. Había tempo que non empregaba este préstamo da lingua inglesa que tan ben concentra o que quero dicer. Prestade atención sobre a definición reveladora e clariña de establishment que está en Wikipedia: "is a term used to refer to the dominant group or elite holding the effective power or authority in an organization, society, or field of endeavour, in particular when viewed as being opposed to change" .

Certo que aínda non estamos no pais anglosaxón que quer Feijoo pero queda pouco e ide adestrando para cando toque porque imos falar inglés a todas horas. En esencia, establishment designa a unha elite económica, política e social que exerce forte control sobre o conxunto da sociedade, sempre contraria aos cambios. Unha clase dominante que, en base aos seus propios intereses, inflúe coas súas decisións nos gobernantes, e estes seguen ao pé da letra as súas ocorrencias. Non é unha pantasma pero si a man invisíbel que un día describiu Adam Smith e que agora guía as políticas de Zapatero.

Na crítica á reforma laboral estivo outra das confesións do Presidente español: "coincido con vostede en que non fará cambiar o modelo produtivo", máis hai que levala adiante. Certo, non está pensada para avanzar nas relacións laborais, está programada para empeorar as condicións dos traballadores e mellorar a situación do empresariado.

E a terceira na fronte como dirían os católicos: as pensións. Sabedes que os cantos de serea para reformar as pensións levan tempo no ar. É unha canción que vai e vén, e cando o establishment se empeña en algo, raro que a cousa fique en nada. Tarde ou cedo acaban logrando os seus propósitos. Pois aí está, a seguinte frase de Zapatero: "a reforma das pensións non é unha reforma urxente pero convén que a fagamos agora. Por que deixalo para máis adiante se o podemos facer agora?". Iso é, non deixes para mañá o que poidas facer hoxe para desfacer o Estado de Benestar que probiño, a estas alturas xa habería que chamalo Estado de Malestar.

Chamádeme ilusa, máis permanecín perplexa ante tanto exercicio de sinceridade. Non estou acostumada a que Zapatero chame as cousas polo seu nome pero é certo que desde que quitou a máscara, fala sen tapuzos. Pasou de xogar ao talante e ao progresismo social, cousa que lle funcionou até que chegou a economía, a ser un adalid do capitalismo salvaxe. Non sei para que me estraño porque se repasamos a historia concluiremos que nunca foron de fiar estes socialistas.