As competencias en Salvamento marítimo seguen ficando en Madrid
O verquido no Golfo de México devolveunos ao recordo o Prestige e todos temos na nosa mente os danos que a nosa costa sufriu. Danos que no ecosistema mariño inda esta sufrindo. Porque xa chegara o día no que os pousos no fondo do mar volvan sacar á luz as famosas "galletas" de chapapote.
Fronte as nosas costas existe un corredor de tráfico de buques cun alto grado de tránsito, cunha media de 30.000 barcos ao ano, e en moitos casos estes buques, petroleiros, grandes plataformas seguen sen ter dobre casco, están en pésimas condicións e mentres tanto agardaremos non volver sufrir outro accidente dese tipo.
O mar galego é un mar distinto a calquera outro mar que bañe as costas do estado español, o noso mar ten o seu propio ritmo tan pronto esta calmo cando en poucas horas torna a marexada. As condicións meteorolóxicas soen ser bastante duras tendo en conta que somos a entrada das borrascas atlánticas que azoutan no inverno a Península Ibérica.
Sen embargo a pesares das duras condicións temos a maior flota pesqueira das rexións da Unión Europea, no que a maioría dos barcos que compoñen esta flota son barcos de pequeno calado que pescan día e noite e dous dos portos pesqueiros de baixura máis importantes.
Pero tamén seguimos sendo a rexión con maior número de sinistros do estado e inda así as operacións de salvamento seguen a levarse dende Madrid. Sen dúbida os que mellor coñecen o noso mar son os noso mariñeiros, inda que moitas veces os mariñeiros se arriscan a saír a pescar a pesares de que o tempo vai empeorar porque saben que a chegada dun temporal pode significar estar ata 7 días sen poder saír a faenar.
De que serven os títulos se nunca estiveches no medio dunha treboada e non coñeces como cambian as correntes?
A pesares das reclamacións feitas para que o Ministerio de Fomento nos traspase as competencias de Salvamento Marítimo e a loita contra a contaminación seguen ficando en Madrid, este traspaso vense negando petición tras petición e a raíz do Prestige quixeron contentar os galegos co CEPRECO (Centro de Prevención da Contaminación) con sede en Coruña.
Pero a realidade hoxe en día é que este centro volveu a Madrid e os designios da costa galega seguen burocratizados en despachos que como moito ollean o Manzanares ou o retiro coas barquiñas de recreo.
Galicia posúe un servizo de garda-costas propio que aporta dependente da Consellería do Mar que aporta dous remolcadores (Sebastián de Ocampo e O Ría de Vigo, este último con gran capacidade de recollida de residuos), un buque auxiliar (O irmáns García Nodal) e dous helicópteros (Pesca 1 e Pesca 2), así como varias embarcacións menores.
Salvamento Marítimo, pola súa parte, ten destinados a Galicia tres remolcadores (Don inda, María Pita e O Ibaizabal I), un avión de patrulla marítima (Rosalía de Castro), sete embarcacións tipo Salvamar, unha Gardamar (G. Concepción Arenal), o buque de recollida de residuos e un helicóptero (Helimer 210).
Galicia aporta tantos medios como o estado español e aínda así seguimos sen ter as competencias, está claro que uns polos outros e a casa sen varrer pero mentres tanto cando por desgraza se produza un novo accidente, un novo afundimento seguiremos perdéndonos en chamadas e papeleo a Madrid mentres se perde un tempo de ouro que pode custar a vida a calquera dos nosos mariñeiros.
"Os homes do noso mar que traen un navío nas veas e nacen para mariñar, quen lles tente por cadeas hano primeiro matar! Válelles máis ser libre un día no confín do bravo mar que vivir toda a vida presos, escravos e calados!" Con estas verbas cantaban Fuxan os Ventos O meu amor mariñeiro, e nesas letras refléxase o sentir de moitos dos nosos mariñeiros dende os que vogan nas dornas sardiñeiras ata os que saen nun barco xeiteiro ou dedícanse as artes do boi de vara, dos que andan o palangre, os que prefiren o curricán, do que marisquea ao rastro,... ou calquera outra arte de pesca, ou mesmo dos que saen co primeiro raio de sol a navegar polas rías ocupando parte do seu lecer sen saber o que Neptuno lles ten preparado.